Policía tramita 400 multas por manifestación solidária con Escárnio e Maldizer

Na mobilización do pasado sábado en Compostela as forzas de seguranza identificaron 116 persoas, que serán propostas para sanción administrativa por 3 faltas, algunha de até 30.000 € de multa . O delegado do goberno español na Galiza, Santiago Villanueva, recoñecía nunha entrevista na Radio Galega que a policía facía seguimento de persoas polo simples feito de se manifestaren.

Horas despois destas declaracións de Villanueva, a Dirección Xeral de Policía tramitaba, a través da Subdelegación do goberno español na Coruña, por volta de 400 propostas de sanción administrativa contra persoas que tomaran parte na manifestación do sábado na capital de Galiza.

Estas 116 persoas identificadas nesa mobilización serán propostas para sanción por dúas faltas graves: desobediencia ou resistencia á autoridade e por “negarse a disolver reunións e manifestacións en lugares de tránsito público cando o ordenen as autoridades”. As multas nestes casos oscilan entre os 601 e os 30.000 euros.

Aliás, aqueles que foron identificados no interior das instalacións do antigo colexio Peleteiro enfróntanse a unha falta leve “por ocupación do inmóbel”, que podería supor unha multa de entre 100 e os 600 euros.

Mais este regueiro de propostas de sanción non acaba aquí. A Policía tamén proporá sanción para outras 16 personas “que portaban paus”, a dez “que levaban escudos que foron comisados” e a dous “por escalaren os muros do colexio Peleteiro”.

Ao tempo que se coñecían estas propostas, desde o Sindicato Unificado de Policía (SUP) pedían “sancións exemplares” e anunciaban que se ían personar naquelas causas penais relacionadas co Escárnio e Maldizer nas que houbese axentes anti-disturbios feridos.

Ler máis.