Un vídeo das cámaras de seguranza da pasaxe fronteiriza de El Tarajal entre Marrocos e Ceuta mostra como foi o acceso das preto de 200 persoas de orixe subsahariana que lograron entrar na cidade na madrugada do 07/08. Un dos axentes fracturou a perna ao meter unha cambadela a un migrante que atravesaba correndo a pasaxe, segundo as imaxes das cámaras de seguranza. A Policía e a Delegación do Goberno atribúen as lesións dos axentes á actitude violenta dos migrantes, algo que non se aprecia nas imaxes

No vídeo obsérvase como un grupo numeroso se persoas comeza a xuntarse nas portas da pasaxe fronteiriza até un deles saltar o valo e atravesar correndo, momento en que aproveitan os demais para abriren os valos e pasaren en tromba.

Os escasos efectivos policiais que custodiaban a entrada non son suficientes para impedir os inmigrantes cruzaren, aínda que pode verse como algún dos axentes espanca coa porra os inmigrantes que pasan preto del. No vídeo tamén aparece un axente que dá pontapés a un dos inmigrantes cando este tentaba cruzar correndo. Despois de tentar meterlle unha rasteira, o policía cae ao chan coa perna visibelmente fracturada.

As imaxes botan por terra a versión dada polo delegado do Goberno en Ceuta, Nicolás Fernández Cucurull, que imputou a entrada ilegal de tantas persoas a un “fallo nos procedementos de control” e as lesións do tres policías feridos á “actitude violenta” dos inmigrantes, que impediron fechar o valado e “atropelaron os axentes”.

Proba desa suposta violencia, segundo Cucurull, é a fractura de tibia e peroné dun dos axentes que tentou fechar a porta. Segundo fontes da Policía Nacional, o axente foi atropelado polos inmigrantes no seu intento de conter a entrada e sufriu unha queda en que fracturou a perna.

Dous axentes sufriron algunhas contusións, mentres que o terceiro ten fractura de tibia e peroné e foi trasladado ao Hospital Universitario de Ceuta, onde permanece ingresado para ser intervido cirurxicamente. No vídeo non se aprecia ningunha actitude violenta dos inmigrantes, que se limitan a avanzar correndo esquivando os policías.

A Cruz Vermella asegura que atendeu a 186 persoas migrantes após a súa entrada en Ceuta e que catro foron finalmente trasladadas ao hospital para recibiren atención médica por feridas e fracturas.

Ler máis.