A operación de persecución e asasinato sistemático que durante anos planeou o nazismo, só pode ser entendida se se contextualiza e sitúa dentro da longa “corrente antixitana” que contaminou a sociedade e a política occidental historicamente e que provocou que este grupo étnico sufra dunha discriminación estrutural patente ao longo dos séculos.O antixitanismo, en absoluto pode ser contemplado dunha perspectiva simplista. Do mesmo xeito que o antisemitismo, en puridade, trátase dun fenómeno moi complexo, con múltiplas arestas e vertentes.

José Miguel Gándara 

Breve historia do antixitanismo

Existen feitos obxectivos e historiograficamente comprobados até a saciedade, desde que alá pola baixa Idade Media, sucesivas ondas migratorias roms chegaron á Europa, o trato que as nacións europeas concederon a esta minoría étnica foi caracterizado por unha constante fustrigación, o rexeitamento da súa cultura e a negación per se do seu dereito a coexistir con outras formas sociais, culturais ou raciais.

En consecuencia, cando o Partido Nacional Socialista Obreiro Alemán (NSDAP ou, simplesmente, partido nazi) alcanzou o poder na Alemaña atopouse cun panorama que, previamente, e durante décadas, fora esbozado de estigmatización contra o colectivo xitano por consideralo perigoso, ignoto e fóra de control, entre outras sutilezas.

Estes estereótipos e preconceptps negativos, de forma similar a como aconteceu na poboación xudía, facilitaron o xenocidio, máis coñecido dentro da cultura xitana como “porrajmos“, que se produciu no decurso da Segunda Guerra Mundial e do que máis adiante trataremos en profundidade. Porrajmos, en lingua rom, poderíase traducir como “devoración”.

Un exemplo do ambiente antixitano do que estivo impregnada toda Europa e, particularmente España (e en xeral os países do sur e do leste de Europa), é a coñecida como “Pragmática de Medina del Campo de 1499decretada polos Reis Católicos Isabel e Fernando, que non por descoñecida, é menos contundente nas súas premisas que o edito que no seu momento cursaron para a expulsión do territorio de Castela de xudeus e mouriscos:

Mandamos os exiptianos que andan vagando polos nosos reinos e señoríos coas súas mulleres e fillos que….non anden xuntos viaxando polos nosos reinos como o fan, ou dentro de 60 días primeiros, saian dos nosos reinos e non volten a eles en maneira algunha sob pena de que se neles foren achados ou tomados, sen oficio, sen señores, xuntos, pasados os devanditos días, que dean a cada un cen azoutes pola primeira vez e os desterren perpetuamente destes reinos e pola segunda vez lles corten as orellas e estean 60 días na cadea e os tornen desterrar (Pragmática de Medina del Campo de 1499)

Anos máis tarde, sucederíanse as “Pragmáticas de Felipe III de 1619″, ” a de Felipe IV en 1633″, ” a de Felipe V en 1717″ ou a de Carlos III en 1783″, todas elas, fraguadas no mesmo molde que as dos Reis Católicos e, por conseguinte, con moi semellantes directrices no que á fustrigación dos xitanos sobre terra hispana se refire.

Esta discriminación cara á poboación xitana continuou ao longo do tempo, mais acrecentouse durante o período franquista, caracterizado por perseguir, torturar e asasinar todos aqueles colectivos que non entrasen dentro do seu ideario, entre eles, por suposto, a comunidade xitana.

Durante o réxime totalitario de Francisco Franco, que comezou en 1939 após provocar e gañar a Guerra Civil e que finalizou en 1975, estendeuse, se callar máis aínda, o clima de criminalización do pobo rom no ámbito ibérico. Diso existen numerosas probas documentais, por exemplo o regulamento que durante o mandato nacional-católico e xenófobo estaba vixente para a Garda Civil:

Artigo 4: Serán vixiados escrupulosamente os xitanos, coidando moito de recoñecer todos os documentos que teñan, confrontar os seus datos particulares, observar os seus traxes, pescudar o seu modo de vida e canto conduza a formar unha idea exacta dos seus movementos e ocupacións, indagando o punto ao que se dirixen nas súas viaxes e o obxecto deles.

Artigo 5: Como esta clase de xente non ten polo xeral residencia fixa, muda con moita frecuencia dun lugar a outro, nos que son descoñecidos, convén tomar deles todas as noticias necesarias para impedir que cometan roubos de cabalaría ou doutra especie.

Artigo 6: Está mandado que os xitanos e chaláns leven, alén da súa cédula persoal, a Patente de Facenda que os autorice para exerceren a industria de tratante de cabalarías. Por cada destas, levarán un guía coa clase, procedencia, idade, ferro e datos, o cal se entregará ao comprador. Os que non vaian provistos destes documentos ou, os que do seu exame ou comprobación resultar que non están en regra, serán detidos pola Garda Civil e postos a disposición da autoridade competente como infractores da Lei.

(Regulamento da Garda Civil durante o franquismo)

No que respecta ao resto de Europa, as políticas seguidas cos xitanos foron se non idénticas á española, si foron polo menos moi semellantes nas súas formas e nos seus obxectivos.

Ao longo da Idade Media europea producíuse tal cúmulo de pragmáticas, leis, directivas sancionadoras, etc, que non daría para deterse nelas, polo que corresponde tratar directamente as bases do antixitanismo e o seu desenvolvemento xa no século XX.

Desde datas moi temperás frutificou un considerábel aumento do control e o acoso policial en toda Europa. De igual forma, os discursos xurídicos, políticos e mesmo, os de índole científica, estiveron encamiñados a minar e denegrir a dignidade mesma do pobo rom.

O propio Michael Zimmerman, profesor de filosofía na Tulane University dos Estados Unidos, sinalaría no seu momento que a fustrigación policial e político provocou que a coñecida como “teoría política de asimilación” fose na práctica unha política de expulsión dos xitanos.

Directivas como a prusiana de 1906 Bekämpfung der Zigeunerplage, estaban pensadas, segundo os seus propios precursores, para a loita contra o que eles chamaron textualmente a “praga xitana” e, sobretodo, para dificultar ao máximo o comercio itinerante e un posíbel estabelecemento dos roms en calquera das cidades que puidesen visitar para tal efecto.

Outras medidas, como as promulgadas na Suíza nos primeiros anos do século XX, causaron un dano irreparáel a moitas familias xitanas. Desfeitas que se materializaron en forma de desarraigamento familiar, xa que separaron os homes de resto do clan para os internaren no Campo de traballo forzado de Witzwil. En 1926 , a Fundación Pro Juventute arrincou os fillos das mans dos pais roms que foron considerados “non aptos” por mor do seu nomadismo.

A ciencia, por desgraza, foi utilizada como outro dos baluartes ou fundamentos desta política de fustrigación contra os xitanos.

A antropoloxía física é unha das disciplinas científico-humanistas que máis interviron na creación dunha opinión pública desfavorábel aos roms. En concreto, o famoso criminólogo italiano Cesar Lombroso, na súa coñecida obra L’Uomo delinquente, chegou a afirmar con absoluta rotundidade que a tendencia xenética á delincuencia era recoñecíbel na fisionomía dos individuos, de forma que un detallado estudo do rostro e da estrutura cranial de cada persoa, podería chegar a determinar as posibilidades de que alguén en concreto se converta ou non en delincuente e que grao de violencia podería empregar.

Como consecuencia destas consideracións pseudocientíficas, no ano 1912, Francia introduciu o que deron en chamar o “carné antropométrico” para nómades, que incluía, xunto con  fotografías de frente e de perfil, impresións dixitais e medidas antropométricas do cranio e o torso.

Anos máis tarde, en Suíza creouse un rexistro específico para xitanos, en canto na Hungría, Checoslovaquia e Austria, implementaron carnés especiais para a etnia xitana.

A psiquiatría é outra das disciplinas científicas que non quixo ficar atrás canto á conformación do corpo ideolóxico e xurídico en pos da absoluta marxinalización dos xitanos.

August Forel, un destacado psiquiatra Suízo, encargouse de teorizar con intención perversa, situar no mesmo nivel a prostitutas, criminais, alcohólicos, vagabundos, xudeus, negros, chineses e xitanos. De feito, Suíza ostenta o triste mérito de ser o primeiro país europeo en aplicar a esterilización daqueles individuos que segundo estas teorías étnico-científicas eran estimados como “non desexabeis”, asociais” ou “undesirable class”.

Estas concepcións antropolóxicas e psiquiátricas enraizadas no racial conseguiron adquirir grande predicamento entre a poboación do vello continente, desembocando, indefectibelmente, en discursos dominantes a suposta necesidade de hixiene social e a euxenesia, que aos poucos foron adquirindo máis e máis forza até se estenderen por toda Europa, de leste a oeste, xunto con outras pseudociencias como o darwinismo social.

O discurso que nun inicio promulgaban o liberalismo e a Ilustración, consistente en converter os xitanos en bos cidadáns através da súa asimilación social e cultural, foi perdendo forza frente ao discurso que argumentaba o perigo dos xitanos.

Impúxose portanto, a idea de que as formas de vida propias dos xitanos, o nomadismo, entre elas, eran totalmente incompatíbeis coa condición social civilizada da cidadanía europea en xeral. E que, portanto, debían ser erradicadas.

O enigma migratorio

Os xitanos chegaron a Europa procedentes dalgún lugar do nordeste da India, de onde partiron nun momento indeterminado da Idade Media rumo a diversos territorios do antigo Imperio Bizantino. Unha primeira parada produciuse en Asia Menor e algo máis tarde, na península Balcánica.

Cando o impulso dos turcos conquistou estas zonas de asentamento, os “exipcianos” (un dos nomes polos que eran coñecidos en Europa por crer que proviñan de Exipto), os xitanos comezaron a estenderse por todo o continente, Moldavia, Hungría, Valaquia, Suíza, Alemaña, Países Baixos, Francia, Inglaterra e España.

Co tempo alcanzarían, mesmo, as costas do novo mundo.

O enigma migratorio deste pobo estriba no grande vacio documental que existe ao seu respecto, o que apenas se dispoñan de testemuños escritos, estudos antropolóxicos ou de tipo socio-xeográfico canto a saber que é o que provocou a súa saída da India e o porqué do seu deslocamento cara ao oeste e non en dirección ao oriente como, supostamente, resultaría máis lóxico.

A ter en conta tamén, o inmenso paradoxo da máis que probábel liñaxe aria deste pobo, algo que no século XVIII o investigador e erudito alemán Grellmann xa teorizou. Nin que dicir ten, que esta circunstancia traería de cabeza aos máis furibundos defensores da teoría racial e antixitana dos nazis.

O xenocidio xitano baixo o nazismo

O 2 de agosto de 1944, na sección xitana do Campo de exterminio de Auschwitz fíxose un silencio impresionante, xa que, no transcurso de varias horas, tivera lugar uno dos feitos históricos máis descoñecidos para o común dos cidadáns. Un total de 2897 mulleres, crianzas e homes foron conducidos ás cámaras de gas aquela nefanda noite. Desde entón é coñecida como “A noite dos xitanos”.

Mais o máis sorprendente é que, previamente a estes feitos, en concreto o 16 de maio daquel mesmo ano, as familias xitanas organizáronse co fin de tentar custase o que custar evitar a súa inminente execución. As únicas armas ao seu alcance foron os paus e as pedras que puideron achar e, por incríbel que pareza, a resistencia alcanzou tal nivel que os nazis se viron obrigados a pospor as execucións programadas para ese día. Todo un exemplo de dignidade, tenacidade e resistencia.

Mais, antes de entrarmos de cheo no que foi e significou propiamente o “porrajmos”, ou “holocausto xitano”, convén facer un pouco de memoria co fin de estabelecer cada un dos episodios que dentro da Alemaña nazi foron sucedéndose e que desembocaron fatalmente no xenocidio final.

Unha vez instalados no poder, os nazis retomaron os tópicos estigmatizadores que xa levaban en circulación moitos lustros. Segundo estes tópicos, o estilo de vida baseado no nomadismo e a falta de enraizamiento nacional atribuídos aos roms, tiñan que ser interpretados como claros síntomas de traizón e antipatriotismo.

Contodo, por detrás destas apreciacións, subxacía escondida unha concepción antropolóxica fundamentada no racial e, en consecuencia, da perspectiva do estado nazi, os xitanos eran considerados como sub-humanos e, por extensión, susceptíbeis de poder seren eliminados en calquera momento.

A definición, o estudo e a clasificación dos xitanos estaba por facer, e para iso foi creada unha unidade especial dirixida polo psiquiatra e neurólogo alemán Robert Ritter. As investigacións de Ritter dirixíronse no sentido de localizar a poboación xitana que naqueles momentos vivía no país, mais tanto o aparello policial como o xudicial non esperaron a ver o resultado de tal investigación, obrando pola súa conta e concentrando grandes cantidades de poboación rom nos Campos de Marzahn e Dachau.

En 1933 foi decretada unha lei para a prevención da descendencia con doenzas xenéticas que abriu a porta á esterilización dos xitanos, outras minorías étnicas e persoas con minusvalías físicas e psíquicas, entre outros grupos marxinais.

Estímase, que xa en 1934, aproximadamente uns cincocentos roms soportaron a esterilización forzosa, unha práctica cirúrxica que conforme avanzaba o tempo foi estendéndose a máis membros da comunidade rom.

A intención dos nazis quedaba patente e en momento algún ocultaron o seu propósito de liquidar biolóxicamente os xitanos, entre outros motivos, por os creren traidores ao Reich e inferiores canto ás cualidades que se presupuñan a un ser humano.

En 1935, foron promulgadas as coñecidas como Leis de Nuremberg“:

Lei de cidadanía do Reich e Lei para a protección do sangue e a honra alemáns do 15 de setembro de 1935.

Imbuídos da conciencia de que a pureza do sangue alemán constitúe a condición imprescindíbel para a continuidade do pobo alemán e animados pola vontade indeclinábel de asegurar o futuro da nación alemá por todos os tempos, o Reichstag sancionou por unanimidade a seguinte lei, que fica promulgada pola presente:

    1. Fican prohibidos os matrimonios entre xudeus e cidadáns de sangue alemán ou afín. Os matrimonios celebrados nestas condicións son nulos aínda se xa tiveren acontecido.

Artigo 1:

  1. Será considerado cidadán con todas as responsabilidades inherentes todo aquel que goce da protección do Reich alemán e que por iso está en especial débeda con el.
  2. A cidadanía é adquirida de acordo coas normas que estabelecen as leis do Reich e de cidadanía nacional.

Artigo 2:

  1. A cidadanía do Reich limitarase aos co-nacionais de sangue alemán ou afín que deren debida proba, através das súas accións, da súa vontade e disposición de servir o pobo e o Reich alemán con lealdade.
  2. Os dereitos de cidadanía do Reich son adquiridos mediante a obtención da carta de cidadanía do Reich.
  3. O cidadán do Reich é o único titular de todos os dereitos políticos de acordo co establecido pola lei

 

Artigo 3:

O Ministro do Interior sancionará, previo acordo do representante do Fürher, os regulamentos xurídicos e administrativos necesarios para facer cumprir e complementar a lei de cidadanía do Reich.

Núremberg, 15 de setembro de 1935

O Fürher e Chanceler do Reich Adolf Hitler

(Extracto das Leis de Nuremberg)

 

Estas leis consistían nun corpus xurídico pensado para limitar os dereitos fundamentais dos cidadáns en xeral e con vistas a garantir a “protección sanguínea” e a “honra nacional alemán”.

Tanto o enunciado como o posterior desenvolvemento destas leis xurdiron do congreso do Partido Nazi celebrado en Nuremberg en 1935. Nun principio non incluía os xitanos dentro das súas severas restricións, mais máis adiante, si o fixeron os diversos comentarios, interpretacións e a xurisprudencia xerada a partir desas leis.

Entre 1935 e 1939, as autoridades municipais da Alemaña obrigaron as comunidades roms das súas respectivas localidades a deslocarse até espazos expresamente preparados para eles, situados nos arredores das cidades.

Estes espazos eran unha combinación entre gueto e campo de concentración, sendo os máis representativos os creados nos arredores de Colonia, Düsseldorf, Essen, Frankfurt e Hamburgo, entre outras cidades alemás e austriacas.

As persoas forzadas a viviren nestes campos recibían regularmente as visitas dos equipos científicos de Ritter, que se dedicaban a fotografalos, tomar mostras de sangue, realizar medidas craneométricas, etc.

Nin é preciso dicir que as condicións de vida nestes guetos improvisados eran “infrahumanas”, xa que estaban ideadas para manteren reservas de traballadores escravos e, por suposto, para as prácticas de esterilización xa mencionadas.

A forza policial á que foi encomendada a persecución e detención dos roms non era outra que a “Oficina Central da Policía Criminal ou tamén coñecida como a RKPA. Esta unidade foi creada en 1936 e a súa dirección foi encargada a unha das persoas da máxima confianza de Adolf Hitler, podería dicirse que o seu principal lugartenente e máis que posíbel candidato a sucedelo, o terrible Reinhard Heydrich, e que por súa vez, tiña como subordinado e principal xestor Arthur Nebe, quen a posteriori, e sempre segundo as investigacións do historiador Gilat Margalit, sería o responsábel do maior masacre de roms perpetrado polos nazis na URSS.

En decembro de 1938 apareceu o decreto intitulado “Para combater a praga xitana”, subscrito polo mesmo Heinrich Himmler, xefe da Gestapo e das SS. Este decreto foi preparado, redactado e elevado á categoría de lei co obxecto de dar unha solución definitiva á “cuestión xitana”, portanto, poderíase comparar coa Conferencia de Wansee e a Solución Final, no que aos xudeus se refire.

“A policía criminal medíanos o nariz e as orellas, e anotaba a cor do noso cabelo e moitas cousas máis. De min dixeron que era india de pura raza. A outros clasificáronos de mestizos, aínda que o seu pai e a súa nai fosen verdadeiros sinti os dous”. (Philomena Franz. Sobrevivente do holocausto xitano)

Ritter e o seu equipo científico elaboraron un sistema de clasificación racial da poboación rom que se empregou no decreto de 1938. Os xitanos dividíanse e subdividían en distintas categorías e, dependendo do grupo no que eran incluídos estes recibirían un documento de identidade diferente.

A clasificación facíase da seguinte maneira:

Por unha banda, os xitanos puros, en cuxas fichas policiais se poría a letra Z (de zigeuner) e, por outro, xitanos mestizos (ZN, zigeuner mischlinge), cuxas fichas estaban cruzadas por unha raia azul en diagonal.

O 16 de decembro de 1942, Himmler deu orde de deportación de todos os roms susceptíbeis de seren eliminados, sendo o seu destino o temíbel campo de Auschwitz. No entanto, dáse o paradoxo de que o propio Himmler recomenda que algúns xitanos, os máis puros, sexan mantidos con vida amparándose na “Lei de Protección de Monumentos históricos”, para así poderen ser estudados por equipos científicos especializados en xenética e antropoloxía.

Isto debeuse a que algúns nazis como o propio Himmler se mantiñan na crenza de que a orixe india dos roms os convertía en posíbeis portadores do “xene arioe, portanto, constituían parte esencial da orixe da “arianidade”. Por iso, aqueles xitanos que maior pureza racial presentasen, debían ser salvados e preservados para o estudo antropolóxico e co fin de determinar se eran ou non hóspedes biolóxicos dese primordial ovo ario.

Estas elucubracións e fantasías metafísicas de Himmler non tiveron grande aceptación entre as autoridades locais de cada un dos territorios nos que se dividía Alemaña. Por esta causa, o número de xitanos salvados da grande deportación ao leste, foi escaso.

En 1944, perto de 4000 xitanos foron asasinados nas cámaras de gas de Auschwitz nunha soa noite. Esa noite coñécese historicamente como a “Zigeunernacht” (noite dos xitanos).

Ao final da Segunda Guerra Mundial, calcúlase que entre un 70% e un 80% da poboación xitana foi asasinada polos nazis e os seus aliados.

Hai que chamar a atención sobre a estraña circunstancia de que ningún xitano foi chamado a testemuñar no “Xuízo de Nuremberg“, onde os máximos hierarcas do réxime nazi foron xulgados nun tribunal internacional, ao longo do cal, ningún dos intervenientes en calidade de testemuñas, fiscais ou xuíces, falan en favor do pobo xitano nin sequera para lembrar o seu sufrimento.

Os roms non recibirían compensación algunha a xeito de indemnización polos crimes de guerra e de lesa humanidade cometidos contra eles, como si tivo, por exemplo, o pobo xudeu.

O recoñecemento da súa persecución, martirio e tentativa de liquidación biolóxica chegou moitos anos despois, quizais demasiado tarde para tratarse dun crime de tales dimensións e que demostra até que punto os prexuízos étnicos cara á poboación xitana estaban (e están) arraigados.

Erna Lauenburger, un caso particular

Infelizmente, os datos a cerca do holocausto xitano non son moi abundantes. O caso máis coñecido é o de Erna Lauenburger Unku”, unha nena rom que naceu na Alemaña o 4 de marzo de 1920, máis concretamente na cidade de Berlín. Erna adquiriu grande popularidade porque serviu de inspiración para o protagonista dun conto infantil publicado en 1931 pola escritora Grete Weiskopf-Bernheim.

Nos anos 20, Erna e a súa familia vivían en Berlín, mais na década de 30 instaláronse en Magdeburgo  por razóns de traballo. Alí, ela contraeu matrimonio con Otto Schmidt, que en 1938 foi detido e deportado ao campo de concentración de Buchenwald, onde morreu en novembro de 1942.

Mais, antes diso, o 12 de abril de 1939, Erna é citada pola policía xudicial, é sometida como todos a un intenso interrogatorio, tómanlle as impresións dixitais e fanlle probas craneométricas. Finalmente, todos os seus datos e o resultado das probas fican rexistrados no arquivo da “Unidade para a investigación da Hixiene Racial”, á frente do cal estaba o anteriormente mencionado doutor Robert Ritter.

Após a promulgación do decreto do 17 de outubro de 1939, Erna é obrigada a asinar un documento en que figuraba a expresa prohibición de mudar de lugar de residencia.

Unha vez que os seus datos e características raciais foron analisados e sintetizados, os nazis clasificaron Erna como “xitana mestiza”, algo que en absoluto a beneficiaba en vistas a unha posíbel liberación, xa que de inmediato foi internada no campo de concentración para xitanos de Magdeburgo…

Desde alí, e xa en 1943, sofre xunto co resto da familia deportación ao campo de Auschwitz-Birkenau, en Polonia.

Á súa chegada a Auschwitz, Erna perdeu a súa identidade pasando a ser a prisioneira Z-633, e os seus fillos, Marie e Bärbel, foron marcados cos identificativos Z-635 e Z-634, respectivamente.

Decorrido un tempo indeterminado, a súa filla Marie morreu, un feito que afectou profundamente a Erna, sumíndose nun estado depresivo que foi deteriorando de maneira progresiva todas as súas facultades, de tal maneira que a transferiron á enfermaría do campo onde morreu o 2 de xullo de 1943.

Lamentabelmente, o holocausto xitano é un dos feitos históricos máis inxustamente esquecidos. As leis, as persecucións, as esterilizacións, as expulsións, a permanente estigmatización do pobo rom, levounos a refuxiarse, como último recurso, na súa propia cultura, unha forma tan lexítima como nobre de defensa activa contra tantas agresións de que foron vítimas propicias.

Hai momentos en que custa entender o por que das distancias, o por que dos abismos que ás veces se abren entre diferentes etnias ou culturas, mais talvez, as respostas a estas e moitas outras preguntas residan na dor causada de maneira tan gratuíta a outros pobos, a outras formas de entender o mundo e de permanecer nel.

Así, é importante facer memoria e non esquecer o dano irreparábel que foi causado ao pobo xitano desde os inicios da súa presenza en territorio europeo, nunca perder de vista o aínda descoñecido “holocausto xitano, no que medio millón de persoas perderon a vida de forma atroz, no que foron literalmente devorados.