Con motivo da conmemoración do vixésimo quinto aniversario dos Xogos Olímpicos de Barcelona abriuse un debate sobre o significado e alcance daquel momento histórico. A efeméride tamén serviu para revisitar un dos episodios máis obscuros daqueles anos, a chamada Operación Garzón. Coincidindo coa cita deportiva, foron detidas ou imputadas máis de sesenta persoas acusadas dalgún tipo de vinculo con Terra Lliure. Entre elas, un alcalde, xornalistas e membros de organizacións políticas como o MDT (agora na CUP), o Partido Comunista de Catalunya (PCC) ou a propia ERC. Tamén se fixeron rexistros como o da revista El Temps. Os feitos provocaron actos de protesta e numerosas críticas. O entón presidente Pujol ou o bispo de Xirona cuestionaron a redada dirixida por Luís Roldan. Tamén Vazquez Montalban a cualificó de globo que ía a deshincharse. Após o xuízo, con efecto, a maioría delas foron absolvidas duns cargos polos que foran arrestadas, incomunicadas e encarceradas. Case unha vintena das persoas detidas denunciaran ter sido vítimas de torturas. Unha vez as súas denuncias foron arquivadas, iniciaron un longo periplo xudicial de doce anos para esixiren xustiza. Chegaron, finalmente, até o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) que resolveu favorabelmente as súas reclamacións no 2004. A falta de investigación dos feitos -ditaminou- vulneraba a Convención europea de dereitos humanos. Impúñase, así, unha das primeiras condenas a un estado europeo nesa materia. Non sería o único toque de atención. Un ano despois, por exemplo, o Comité da ONU para a Prevención da Tortura (CPT) estimou a queixa de dous arrestados -que tiveron Garzón como xuíz de garda- sobre a falta de investigación doutras denuncias. O TEDH, de feito, ditou até oito condenas polo mesmo motivo desde o ano 2010 contra un estado que continuou facendo ouvidos moucos.

En xullo pasado, vinte e cinco anos máis tarde da Operación Garzón, o Pleno do consistorio barceloní aprobou unha proposta da CUP sobre o asunto. O propósito da iniciativa era reparar simbólicamente o dano causado ás persoas afectadas pola actuación ordenada polo ex-maxistrado, agora avogado. O texto logrou saír adiante cos apoios de Pdcat (ex CIU), CUP, ERC, BCNenComú e do concelleiro Gerard Ardanuy. A versión definitiva da proposta, após a aceptación dunha das emendas dos comúns, excluíu a previsión de declarar Garzón persoa non grata na capital catalá. A emenda consideraba que unha medida desas características, nunca utilizada, era demasiado drástica, de dubidosa legalidade e podía afectar os dereitos de quen a padecía.

Con posterioridade ao acordo municipal, o ex-maxistrado entrou na polémica coa publicación dun artigo en La Vanguardia. Nel, expresaba a súa sorpresa polo descaro da CUP nunha intervención súa no Parlament. A súa actuación -entendía- fora “impecábel” e a condena de Estrasburgo non cuestionaba a súa intervención. Argüía catro argumentos. Un, que os detidos foron examinados polo forense. Dous, que as torturas denunciadas foron incluídas nas actas de declaración. Tres, que o xuíz competente para investigalas era outro. E catro, que naquela época os seus compañeiros da Audiencia Nacional eran menos dilixentes que el.

Garzón conta, no seu descargo, varias verdades sobre o acontecido no 92. Non conta, con todo, toda a verdade. A súa alegación elude varios feitos relevantes. En primeiro lugar, que el mesmo negou con rotundidade a existencia desas mesmas denuncias nun programa de Salvados emitido en 2012 cando, a preguntas do xornalista Jordi Évole, contestou: “Das persoas que compareceron ante min, nin unha soa, nin unha soa, denunciou torturas”. En segundo lugar, omitiu mencionar a súa falta de interese polos detalles do acontecido no interrogatorio dos detidos. Lembrábao, de novo, Vázquez Montalbán nun artigo relembrado polo ex deputado David Fernández. O escritor mostraba o seu desasosego coa indiferenza de xuíces que, como Garzón, poucas veces se inmutaban cando escoitaban relatos arrepiantes de torturas. En terceiro lugar, nada dicía tampouco sobre o encarceramento dos que foron despois achados inocentes. Ou sobre a prolongada incomunicación de cinco días que se lles impuxo. Esa decisión era aplicada de forma rotineira por todos os maxistrados da Audiencia Nacional. Mais non deixa de ser sorprendente que tamén a asumise xustamente quen pretende erixirse como paladín dos dereitos humanos. Organismos internacionais, como o propio CPT, levan anos criticando a súa aplicación e esixindo a súa supresión do ordenamento. A detención incomunicada representa unha drástica restrición de dereitos e é caldo de cultivo de abusos que normalmente fican impunes. isólase o sospeitoso durante un tempo superior ao ordinario, sométeselle a longos interrogatorios sen presenza do seu avogado e négaselle o dereito a ser visitado por un médico da súa elección. Tampouco se grava a súa estadia nos calabouzos. Nesas circunstancias, non resulta estraño que aumenten as suspicacias. E que, na maioría de ocasións, as denuncias sexan arquivadas ante a dificultade de probar feitos que se consuman en segredo. Quen sofre ese suplicio, ve a miúdo quebrada a súa vontade e modifica as súas palabras a medida que decorre o tempo. Non é estraño que, ao final, acaben auto-inculpándose ou declarando que se auto-lesionaron, a pesar de asegurar o contrario ao comezo. É por todo iso que un xuíz debe extremar as precaucións e supervisionar con meticulosidade a situación de quen está incomunicado sob a súa custodia. Debe proceder tamén con contundencia ao mínimo indicio de irregularidade.

Visto desa perspectiva, o ex xuíz foi máis displicente que dilixente. Non acordou, por exemplo, ningunha medida para evitar situacións de risco nin deduciu testemuño de particulares dos feitos para remitilo ao xuíz competente. Tampouco ordenou un exame médico o suficientemente exhaustivo -físico mais tamén psicolóxico- para pescudar se estes eran certos. Os estándares internacionais, como os do Protocolo de Istambul, esíxeno. Non é suficiente cunha pregunta xenérica sobre o estado do arrestado. Con todo, leva razón Garzón cando se compara cos seus outros cinco compañeiros e apunta a un fallo xeneralizado na Audiencia Nacional. É rechamante que recoñeza que alí non se recollían as manifestacións sobre malos tratos dos detidos. Os seus colegas -sinala- ollaban para outro lado. Con poucos escrúpulos, é certo, naturalizárase a aplicación de prácticas de excepción en chave de “dereito penal do inimigo”. Dous anos despois do pau de Estrasburgo, de feito, foi el quen tentou crear e implantar un manual anti-tortura en que se gravase todo o período da incomunicación. Esa medida e a implantación de videocámaras nas comisarías eran unha esixencia do Consello de Europa. O Executivo español, con todo, negouse rapidamente a pór os medios para implementar tanto unha como a outra. E o Consello do Poder Xudicial négase, aínda hoxe, a formar os xuíces nesta materia. Os Mossos e a Ertzaintza, en troca, instalaron eses dispositivos nas súas dependencias e as denuncias sobre malos tratos diminuíron súbitamente.

Garzón foi, en todo caso, un xuíz hiperactivo que destacou por encima do resto. O seu arroxo explica que estivese atrás de causas incómodas que outros non hesitaban en pechar. No seu currículo están, por exemplo, a investigación da Gürtel ou a Operación Pretoria, dos responsabeis do GAL, o franquismo, ou as ditaduras de Chile e Arxentina. Ese tipo de actuacións, ao tempo que lle granxearon numerosos adversarios, serviron para construír o “mito Garzón”. As mostras de apoio cara ao seu labor xudicial, en efecto, chegáronlle de todo tipo de colectivos de defensa os dereitos humanos, contra a corrupción ou a impunidade do franquismo e os crimes de lesa humanidade. Tamén do mundo cultural ou político próximo a EU.

O certo é que por detrás da fachada da súa imaxe elexíaca escóndense non poucas sombras que se combinan con eses acertos. Co encarceramento de centenares de persoas posteriormente declaradas inocentes, el contribuíu como poucos á erosión do principio de presunción de inocencia. Non é ningún segredo tampouco o seu emprego abusivo de métodos excepcionais de indagación, de extensos segredos sumariais e de resolucións inquisitoriais contra supostos “extremistas” a partir de apriorismos, analoxías ou teorías excéntricas. Unha delas foi a que o levou a acusar Batasuna de “xenocidio” e “limpeza étnica” sobre a poboación non nacionalista, valéndose de estrambóticas estatísticas de poboación e asimilando o seu proxecto político ao do Partido Nacionalsocialista Alemán. No contexto da loita contra o chamado “contorno de ETA”, foi precisamente cando acabou consolidando o seu perfil de xuíz incansábel mais pouco rigoroso e garantista. O propio calvario atravesado polos xornalistas de Egunkaria ou Ekin non podería entenderse sen unha serie de prexuízos xudiciais que el mesmo alimentou en sumarios como o 18/98 e que logo, por outras razóns, viraron na súa contra.

Moitas destas actuacións valéronlle o recoñecemento de quen quería librarse de certos inimigos á conta de calquera prezo. O garantismo era, para eles, un luxo innecesario. O Goberno Aznar, de feito, chegou a outorgarlle o máximo galardón ao Mérito Policial con pensión incluída. Con todo, non atoparon o mesmo eco favorábel entre moitos dos seus compañeiros de carreira, que xa entón comezaron a velo con suspicacia. A propia Audiencia Nacional e o Supremo desautorizárono en reiteradas ocasións. Por exemplo, no encerramento cautelar dun xornal vasco, en certas aplicacións extensivas do concepto de terrorismo, no uso de autoinculpacións arrincadas á forza en Guantánamo ou en escoitas telefónicas que embazaron laboriosas investigacións en materia de narcotráfico. Tamén os xuíces de Estraburgo censurárono cando, no 2010, apreciaron que non “respondera á esixencia de imparcialidade”. Iso aconteceu na investigación contra o seu ex-compañeiro de Goberno, Rafael Vera, após o seu paso pola política. Estes antecedentes contribúen a explicar por que unha parte non desdeñábel de xuíces non viron con malos ollos a actuación contra el. Ou, polo menos, mantiveron un conspicuo silencio cando a cúspide xudicial o puxo no punto de mira. Mesmo explica que non falte quen, apoiando a súa valente actuación en materia de memoria histórica ou contra a trama Gürtel, consideraba unha contrariedade que estes casos caesen nas súas mans.

O certo, en todo caso, é que a impulsiva forma de actuar de Garzón respondeu a unha especie de voracidade xusticeira en que os acertos e torpezas alternaron de maneira caprichosa. Así, por cada actuación dirixida a quebrar o cerco de impunidade de poderosos de distinta laia, é posíbel sinalar outra de signo oposto. Outorgar a todos estes elementos o seu peso xusto non é sinxelo. Silenciar os ataques furibundos que recibiu Garzón de quen viu ameazada a súa armazón de poder parece un erro. Como tamén o parece pretender vilipendiar, con manifestacións de vinganza, quen xa foi apeado do poder e da carreira xudicial. Con todo, querer colocar nun segundo plano as numerosas actuacións do ex xuíz, marcadas pola lixeireza ou arbitrariedade xurídica, seria outro desacerto. É razoábel, de feito, que quen as padeceu espere un acto seu de constrición ou desculpa. E máis cando Garzón pretende presentarse urbi et orbi como o grande defensor dos dereitos humanos. Reclamábao o deputado de ERC, Joan Tardà, no aludido programa de Salvados. Aceptar sen máis a posverdade do “mito Garzón” sería, precisamente, un fraco favor ao discurso dos dereitos humanos. Este, se quere ser coherente e eficaz, ha de ser capaz de erradicar os dobres pesos e medidas e chamar as cousas polo seu nome. Esa foi a intención coa que, en maior ou menor fortuna, o Pleno consistorial barceloní aprobou o acordo do pasado xullo.

Orixinal en español en insurgente.org.