A batalla do xa ex deputado de Unidas Podemos Alberto Rodríguez para recuperar o escano ten un precedente interesante. Se ollamos trinta anos atrás, veremos como o Tribunal Constitucional xa sentenciou no ano 1992 que non é posíbel retirar a condición de deputado a unha persoa por unha condena leve. Algo que fixo a presidenta do Congreso dos Deputados, Meritxell Batet, que suspendeu Rodríguez por unha condena que só contemplaba unha multa de 540 euros.

 

ex secretario organizacion diputado unidas podemos alberto rodriguez - Efe

 

Berto Sagrera

Estamos a falar do caso do deputado da Asemblea de Cantabria José Luís Vallines, de Alianza Popular. O caso é que Vallines foi condenado o ano 1984 a un mes e un día de prisión pola Audiencia oscense, todo por un delito contra a liberdade e seguranza no traballo. Así, tamén se lle impuxo a suspensión de todo tipo de cargo público, profesión, oficio e dereito de sufraxio durante o tempo da condena.

Unha decisión sen fundamento
Oito anos máis tarde despois desta condena, o Tribunal Constitucional anulou a resolución do presidente da Asemblea de Cantabria que decretara a perda de condición de deputado e declarou o dereito de Vallines a non perder o seu cargo polas penas adicionais á condena.

Este precedente foi incluído no primeiro relatorio dos letrados do Congreso dos Deputados, que se mostraban partidarios de manter o escano de Rodríguez. Contodo, na pasada segunda feira a cabeza dos letrados avalou por escrito a decisión de Batet. O motivo? Aínda que a pena orixinal de prisión foi substituída por unha sanción económica, “a pena privativa imposta en orixe non perde a súa natureza polo feito de ser substituída”, segundo o novo criterio dos letrados.

Penas superiores a doce anos
Mais o Constitucional non contemplou nada diso hai trinta anos. O debate céntrase en se a inhabilitación pode ser considerada ou non unida á pena de prisión. Un debate de carácter moi técnico e que crea moita controversia entre os xuristas. No caso de Vallines, o tribunal de garantías argumentou que a retirada do escano non estaba fundamentada.

Así mesmo, os maxistrados do Constitucional citaron o regulamento da Asemblea de Cantabria (moi similar ao do Congreso), que contemplaba a suspensión dos deputados por unha sentenza firme condenatoria. Concretamente, por penas privativas de liberdade superiores aos doce anos. Alén diso, segundo o tribunal, unha inhabilitación non comportaba a perda da condición de deputado, “senón só a suspensión do exercicio durante o período indicado”. Motivo polo cal consideraron que fora infrinxido o dereito político de Vallines. Será esta a vía que permitirá a Rodríguez recuperar o seu escano?

El Nacional