No 14 de marzo, o deputado Miguel Anxo Fernández Bello (Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea) rexistrou no Congreso dos Deputados pregunta ao goberno para a súa resposta por escrito relativa aos violentos abusos e malos tratos a que funcionarios do penal de Teixeiro terían sometido o preso P.E.G. no 21 de xaneiro pasado. As circunstancias do caso foron denunciadas por EsCULcA segundo recolle o deputado no seu escrito.

 

Resultado de imagem para carcel teixeiro

 

Fernández Bello refere na súa pregunta o relato da brutal malleira alegadamente propinada a P.E.G., a negativa do médico da cadea que o examina a emitir laudo de lesións, o desesperado recurso do preso á autolesión, que obriga a Garda Civil a conducilo de inmediato a un centro hospitalario onde é examinado por unha facultativa que lle pauta tratamento que non lle é aplicado unha vez é levado novamente ao penal de Teixeiro.

Tamén salienta Fernández Bello que o avogado de EsCULcA pudo constatar que seis días despois (27 de xaneiro) ainda eran ben visíbeis as marcas de lesións e hematomas producidos pola violenta malleira.

 

Resultado de imagem para centro penitenciario teixeiro

 

Por todo isto, o deputado formula ao goberno as seguintes preguntas:

Que información pode achegar o Ministerio do Interior da brutalidade, desproporción e agresividade empregada cun interno do cárcere de Teixeiro no pasado 21 de xaneiro? Como se explica que diferentes funcionarios de prisións cometan abusos e a conculcación dos dereitos humanos dun preso desta maneira?

Non cre que houbo asañamento desmedido cun interno?

Non é posíbel que se actúe conforme ao respecto dos dereitos fundamentais?

Por qué se emprega a violencia desmedida cunha persoa presa e se somete esa persoa a vexacións e insultos?

Cre seren tolerábeis estas condutas por parte de empregados públicos?

Como se xustifica a neglixente actuación dos servizos médicos penitenciarios e a falta de cumprimentación dun laudo de lesións axustado a dereito? Como é posíbel que os servizos médicos do centro penitenciario se negasen a seguir o tratamento pautado no centro hospitalar? A que é debida esta maneira de proceder?

Vai investigar o Ministero o acontecido? Vai pedir responsabilidades por non se respectaren os dereitos humanos fundamentais?

Foi levada a cabo algunha investigación ou inspección das condicións en que están os internos que pasan a módulos de isolamento no cárcere de Teixeiro? Sendo así, foron detectados abusos ou malos tratos a internos nesas áreas do penal? Cantas denuncias de situacións de malos tratos ou abusos se produciron nos últimos tres anos na prisión de Teixeiro?

Texto da pregunta.