A decisión da xustiza belga de deixar sen efecto a orde de detención e entrega ditada polo Xuíz Pablo Llarena contra Carles Puigdemont e Toni Comín após a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do pasado 19 de decembro era un dato adquirido.

Se son deputados europeos, é o Parlamento o que ten que falar en primeiro lugar. Sen a súa autorización expresa non hai nada que facer. As cuestións a que vai ter que dar resposta o Tribunal Supremo e o propio Parlamento Europeo non deixan de crecer.

 

Carles Puigdemont y Toni Comín, acreditados como eurodiputados, junto a la eurodiputada Assita Kanko (N-VA) y el abogado Josep Costa, a las puertas de la Eurocámara el 20 de diciembre de 2019.

 

Pode non recoñecer o Tribunal Supremo (TS) a inmunidade de Carles Puigdemont e Toni Comín, como acaba de facer a xustiza belga? Pode manter a orde de detención en territorio español como se non tivesen inmunidade, quer dicir, coma se a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 19 de decembro non tivese sido ditada? Pódese ser portador de inmunidade como parlamentar europeo en todos os países da Unión Europea menos España? E se non se pode manter a vulneración do dereito á liberdade persoal a respecto deles por seren deputados europeos desde o 13 de xuño, pode ser mantido en prisión Oriol Junqueras, que é tan deputado europeo como eles desde a mesma data? Se o Tribunal Supremo vai ter que dirixir o suplicatorio ao Parlamento Europeo para que o autorice a proceder penalmente contra Carles Puigdemont e Toni Comín, pode actuar contra Oriol Junqueras desde o 13 de xuño sen dirixirse ao Parlamento Europeo para que o autorizase?

As preguntas respóndense por si mesmas. E contodo o Supremo negouse a aceptar esas respostas. Aínda continúa a negarse a aceptalas. Oriol Junqueras continua en prisión. E as ordes de detención contra Carles Puigdemont e Toni Comín ainda están activas tanto en territorio español como europeo.

Non hai dúbida de que, con esta maneira de proceder, o Supremo vulnerou desde o 13 de xuño os dereitos fundamentais á liberdade persoal e de dereito de sufraxio pasivo de todos eles, ademais do dereito de sufraxio activo de todos os cidadáns que os elixiron o 26 de maio para que os representasen no Parlamento Europeo. Os tres tiñan que poder moverse en liberdade tanto dentro como fóra de España e acudir ás sesións do Parlamento Europeo, desde a sesión constitutiva do 2 de xullo. Após a sentenza do TJUE, isto xa non é discutíbel. Pode non se estar de acordo con esa sentenza e criticala mesmo con moita severidade, mais a decisión é firme.

Afecta esta vulneración de dereitos fundamentais polo Tribunal Supremo a súa capacidade para dirixir o suplicatorio ao Parlamento Europeo para poder proceder penalmente contra Carles Puigdemont, Toni Comín e Oriol Junqueras? É posíbel continuar considerando o Supremo o xuíz imparcial que pode solicitar autorización para entender da conduta de cidadáns cuxos dereitos el mesmo vulnerou? Non se inhabilitou coa súa conduta para actuar contra os tres deputados europeos? Poden ter credibilidade como xuíces imparciais os membros da Sala Segunda despois de actuaren da forma en que o fixeron? É sabido que a doutrina da xustiza constitucional sobre a imparcialidade é que a xustiza non soamente ten de facerse, senón ademais, “parecer” que se fai. A xustiza que “non parece” imparcial, non o é. Pode o Supremo parecer o xuíz imparcial que entenda da conduta de Carles Puigdemont, Toni Comín e Oriol Junqueras?

Mais non só o tribunal ten que facerse preguntas. Tamén o Parlamento Europeo ten de as facer. Como pode o Parlamento Europeo acceder á tramitación dun suplicatorio para levantar a inmunidade de varios dos seus membros, cando o solicita un órgao xudicial que estivo vulnerando os dereitos fundamentais dos mesmos e tentou impedir que puidesen incorporarse ao Parlamento? Cando induciu a erro o propio Parlamento, que tamén vulnerou dereitos fundamentais dalgúns dos seus membros, até o punto de que tivo que ser corrixido polo TJUE? Non sería lóxico que o Parlamento entendese que o Supremo español xa non está lexitimado para solicitar o levantamento da inmunidade ao negarse a aceptar a dicir inmunidade cando tiña que facelo e que o Parlamento non pode recoñecelo como o xuíz imparcial que esixen tanto o ordenamento europeo como o nacional? É xuridicamente aceptábel que o Parlamento admita que, unha vez que o TS non conseguiu “da peor maneira”, isto é, con vulneración de dereitos fundamentais, actuar contra Carles Puigdemont e Toni Comín, poida tentalo agora “por ben”, isto é, solicitando a autorización do Parlamento? No caso de Oriol Junqueras é máis grave, xa que o TS ditou sentenza contra el. Que sentido pode ter dirixir o suplicatorio despois de ter sido ditada sentenza? Pode ser emendado o vicio de ditar sentenza sen que se levante previamente a inmunidade mediante a autorización do Parlamento?

Todas estas preguntas só admiten unha resposta. E todas as respostas conducen á conclusión de que hai que pór fin a tanto disparate. Canto máis se tarde en facelo, peor. Nisto deberían coincidir tanto o Parlamento Europeo como o TS. Ningún dos dous ten nada que gañar coa súa prolongación.

Veremos.

eldiario.es