Está disposto o Tribunal Supremo a que a súa decisión sobre Oriol Junqueras sexa sometida a un debate político no Parlamento Europeo e a un recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea?

 

El diputado preso de ERC, Oriol Junqueras, el presidente de Vox, Santiago Abascal, y el presidente del Gobierno, Pedro Sánchez, durante la sesión sesión constitutiva de la XIII Legislatura en el Congreso de los Diputados.O deputado preso de ERC, Oriol Junqueras, o presidente de Vox, Santiago Abascal –  DANI GAGO / PODEMOS

 

Na noite do próximo domingo Oriol Junqueras será, previsibelmente, proclamado candidato electo pola Xunta Electoral Central e, unha vez formalizada a súa renuncia como deputado, que el mesmo xa anunciou, pasará a ser membro do Parlamento Europeo.

Previsibelmente tamén, Oriol Junqueras solicitará inmediatamente ao Tribunal Supremo que poña fin á medida cautelar de prisión provisoria que pesa sobre el, coa finalidade de poder ocupar o seu escano de maneira real e efectiva e desempeñar a tarefa para a que foi elixido.

O Tribunal Supremo vai ter que decidir por segunda vez en menos dun mes sobre a prolongación da prisión provisoria de Oriol Junqueras ou a súa liberdade. Tivo que o facer despois de ser proclamado deputado electo no Parlamento español. Vai ter que facelo despois de ser proclamado deputado electo no Parlamento Europeo.

Xa sabemos cal foi a primeira decisión do Tribunal Supremo. Nin liberdade, nin solicitude de suplicatorio, nin suspensión do xulgamento até o Congreso resolver sobre o mesmo. Cando o destinatario mediato da súa decisión eran as Cortes Xerais, o Tribunal Supremo optou pola negativa á tripla solicitude de Oriol Junqueras e doutros catro parlamentares.

Poderá ser esa mesma a decisión, cando o destinatario mediato da mesma for o Parlamento Europeo? Atreverase o Tribunal Supremo a xustificar a continuidade da prisión provisoria nos mesmos termos en que o fixo no auto do pasado 13 de maio? Atreverase a alterar na súa resposta á tripla solicitude de Oriol Junqueras a orde en que foi formulada? Atreverase a deixar a liberdade ou a continuidade da prisión provisoria como terceira e non como primeira das cuestións a que ten que dar resposta? Atreverase a tomar a decisión de que Oriol Junqueras acuda á sesión constitutiva do Parlamento Europeo “debidamente custodiado”, de tal maneira que se garanta o seu ingreso de novo en prisión?

Estas preguntas dirixidas ao Tribunal Supremo son unha cara da moeda. A outra está constituída polas preguntas susceptibeis de seren dirixidas ao Parlamento Europeo. Tolerará o Parlamento Europeo que un deputado electo sexa mantido en situación de prisión provisoria e que acuda como preso preventivo debidamente custodiado á sesión constitutiva da lexislatura? Tolerará o Parlamento Europeo que poida procederse penalmente contra un dos seus membros sen que o Tribunal Supremo se dirixa a el solicitando a autorización para o facer? Tolerará o Parlamento Europeo que continúe o xulgamento contra Oriol Junqueras como se a súa elección como membro do Parlamento Europeo non ocorrese?

Cando o Tribunal Supremo ditou o auto do 13 de maio tiña a certeza de que unicamente o Tribunal Constitucional podería, no seu caso, acabar revisando a súa decisión. E tiña a razoábel certeza, tendo en conta os antecedentes, que o Tribunal Constitucional confirmaría a decisión. O risco de ser desautorizado era practicamente cero. O eventual recurso posterior ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos tardaría o tempo suficiente en ser resolvido como para que a Sala non tivese que preocuparse diso.

Cando o Tribunal Supremo dite o auto respondendo á solicitude de Oriol Junqueras para exercer como parlamentar europeo, antes do 2 de xuño que é a sesión constitutiva, pode ter a certeza de que, no caso de a súa resposta ser a mesma que a do 13 de maio, esa resposta poderá ser sometida, por unha banda, a unha análise de natureza política no Parlamento Europeo, no que se poderá abrir un debate ao redor da prisión provisoria do deputado Oriol Junqueras, e por outro, a un recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, a fin de que se pronuncie se é axustada ou non a dereito a prisión provisoria ditada contra el. Nese recurso Oriol Junqueras podería verse acompañado por parlamentare individuais e mesmo por grupos parlamentares do Parlamento Europeo.

Está disposto o Tribunal Supremo a que a súa decisión sexa sometida a un debate político no Parlamento Europeo e a un recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea?

Logo saberemos.

Javier Pérez Royo

eldiario.es