Nunha sociedade sá, os seguidores do Rayo recibirían dous premios ao mérito deportivo polo caso Zozulya. O primeiro, por negarse en 2017 a que un xogador que namora co fascismo vestise a camisola dun clube de bairro empeñado en ser diferente nun mundo, o do fútbol, decidido a replicar o peor da sociedade nas súas bancadas en demasiadas ocasións. O segundo premio, por llo lembraren onte. Nunha sociedade en que Javier Tebas é presidente da liga de fútbol, o que o Rayo Vallecano recibiu non foi un premio, senón a primeira suspensión da historia do fútbol español por insultos durante un xogo.
xogadores do Rayo contra o racismo en febreiro do 2018.
En maio de 1993, Wilfred Agbonavbare, porteiro do Rayo Vallecano nado en Nixeria, facía un dos xogos da súa vida no Santiago Bernabéu. Aquel extraordinario xogo seu contra o Real Madrid en que parou un penalti a Michel e complicou o campionato ao veciño rico, custoulle unha enxurrada de insultos por parte da bancada. Que marchase a recoller algodón como negro que era foi un dos cánticos máis orixinais que Wilfred escoitou aquela tarde. Aquilo non tivo máis repercusión alén da anécdota e do recoñecemento público á capacidade creativa dos nazis do fondo sur do Bernabéu: rimar cabrón con algodón non está ao alcance de todos os nazis. Eran outros tempos. Uns tempos en que os presidentes das equipes de fútbol pagaban as viaxes dos líderes dos grupos ultradereitistas que animaban por trás da rede. Uns tempos en que futbolistas da selección española, a de todos, se fotografaban riseiros segurando símbolos fascistas. Na altura todo a xente era un pouco Zozulya. O mundo do fútbol, xunto co Valle de los Caídos, era un reduto a conservar. Co tempo a cousa mudou.
O ‘recolle algodón’ contra os xogadores negros converteuse despois dun concilio da FIFA -a Santa Sé do fútbol mundial- nun máis sofisticado ‘uh, uh, uh’, en imitación ao mono. Porque, como todos sabemos, entre un nazi e unha persoa de raza negra, a máis parecida a un mono é a segunda debido á cor da pel. Co tempo os insultos racistas sofisticáronse e novos insultos contra distintos colectivos apareceron. A bancada sur do estadio do Betis coreaba hai un par de anos unha canción en honra dun dos seus dianteiros, acusado por violencia machista. Segundo os compositores da rima, o dianteiro fixo ben en bater na moza porque ela ‘era unha puta’. Neste caso, creo lembrar que a rima era asonante. Co tempo, ademais de novos insultos, apareceron as agresións de sempre. Se nos 90 Aitor Zabaleta, seareiro da Real Sociedade, perdía a vida nos arredores do Vicente Calderón dunha navallada nazi por non disimular ser vasco, hai só uns anos o mesmo grupo ultra asasinaba Jimmy, seareiro do Deportivo da Coruña ao que espancaron e lanzaron ao río Manzanares onde morreu afogado. Nin nos noventa nin nos anos dez do novo século aqueles partidos foron suspendidos. Cousas do fútbol.