A Organización Mundial contra a Tortura (OMTC) e a Federación Internacional dos Dereitos Humanos (FIDH) mostran a súa preocupación pola campaña de ataques de sindicatos de funcionarios prisionais de UGT e CC.OO. contra Iñaqui Rivera, Director do Observatori Penal e dels Drets Humans (OSPDH) e do Sistema de Registre i Comunicació per a la protecció de víctimes de Violència Institucional (SIRECOVI).

 

 

Resultado de imaxes para carcel quatre camins

 

Despois de ter participado no pasado 29 de novembro no programa Tot es mou da televisión pública catalá TV3, en que deu a coñecer o relatorio do SIRECOVI sobre violencia institucional en Catalunya -que documenta 106 casos acontecidos entre decembro de 2016 e setembro de 2018 e dos que o 67,8% se terían producido contra persoas sob custodia en centros prisionais- o Sr. Rivera foi obxecto de graves descalificacións e estigmatizacións por estes sindicatos. Pouco despois UGT anunciou a interposición dunha querela por calumnias e inxurias a traballadores e funcionarios de prisións e reclamou que e prohiba ao director do SIRECOVI entrar nos cárceres de Catalunya. Compre ter en conta que Iñaqui Rivera visita regularmente os penais como parte fundamental do seu labor de observación e defensa dos dereitos das persoas presas.

O OSPDH salienta que esta preocupante campaña de ataques contra Iñaqui Rivera, contra o propio OSPDH e o SIRECOVI non é un feito isolado. En realidade esta campaña de graves ataques -incluindo insultos, descalificacións, ameazas e actos de asedio- comezou en 2004 como represalia polo constante labor de defensa dos dereitos humanos através da denuncia de casos de tortura e/ou malos tratos a persoas privadas de liberdade que levan a cabo os dous organismos.

Na secuencia desa campaña de asedio, en 2015 o Relator das Nacións Unidas sobre a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes mostrou a súa preocupación ao goberno español polas actuacións contra membros do OPSDH, naquel ano en represalia por teren denunciado actos de tortura realizados por funcionarios do penal de Quatre Camins. Asi mesmo, na listaxe de cuestións previas á presentación do sétimo relatorio periódico do Reino de España perante o Comité Contra a Tortura da ONU, o relator solicitou ao estado español información sobre as investigacións realizadas a respecto desas denuncias, así como a presumíbel obstrución do seu traballo de supervisión da situación de dereitos humanos nos centros de privación de liberdade en Catalunya.

OSPDH e SIRECOVI

O OSPDH é unha entidade da Universidade de Barcelona integrada por docentes, estudantes e profesionais que, a medio de actividades de investigación, docencia e observación das institucións do sistema prisional, traballa para desenvolver a cultura dos dereitos humanos, defender os dereitos e liberdades das persoas e fortalecer os principios e valores do estado democrático de dereito.

O SIRECOVI é un sistema de rexistro e comunicación para a protección de vítimas de violencia institucional creado e xerido polo OSPDH. Ponse en funcionamento logo de recibirse comunicación de unha persoa que supostamente foi vítima de malos tratos ou torturas en espazos de privación de liberdade (cárceres, escuadras da policía, centros de menores ou centros de internamento de persoas estranxeiras) ou na vía pública por axentes da autoridade.