Un interno do centro prisional Sevilla-II, situado en Morón de la Frontera, denunciou que varios funcionarios lle propinaron unha malleira durante unha hora e media, que perdeu o coñecemento até tres veces e na  secuencia da cal sofre numerosas lesións. Institucións Penitenciarias nega a agresión e mais o pai do preso presentou denuncia no Xulgado de Garda e queixa perante a dirección do cárcere por se ter negado a autorizar que o fillo fose examinado por un médico.

 

La prisión Sevilla-II en Morón de la Frontera

 

Nos próximos días tamén remitirá un escrito informando dos feitos ao xulgado de Vixilancia Penitenciaria e á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias. A intención da familia é solicitar que o preso sexa examinado por un médico forense canto antes e ten previsto solicitar, de maneira cautelar, o transferencia a outro centro prisional.

Os feitos ocorreron sobre o catro e media da tarde da sexta-feira 9 de agosto no cárcere de Morón de la Frontera, onde o interno, de 25 anos, cumpre condena de 20 meses por un delito contra a seguranza viaria. Segundo a versión da familia, o reo intercedeu nunha pelexa entre reclusos e foi agredido despois por varios funcionarios de prisións. Segundo Institucións Penitenciarias, el mesmo era un dos participantes na rifa.

Segundo consta na denuncia presentada pola familia, que recaeu no xulgado de Instrución número 3 de Sevilla, non é a primeira vez que sofre un episodio de malos tratos no cárcere. “Leva sufrindo malos tratos físicos e psicolóxicos por parte dos funcionarios do centro prisional”, dos que descoñece os datos mais si achega o nome de pila do “xefe”. A familia non quixo denunciar unha malleira anterior, mais agora deu o paso de levar o caso aos xulgados.

Despois do acontecido na sexta-feira, o preso foi levado a un módulo de isolamento e até o domingo non puido ser visto polos seus familiares. Foi xusto despois da visita do domingo 11 de agosto cando o pai decidiu acudir ao xulgado de Garda. Na denuncia, asegura que viu todas as lesións que lle causaron ao seu fillo. “Son uns negróns desde a nuca até a cintura e unha ferida na perna producida cunha barra de ferro extensibel, así como croques na cabeza”, asegura o denunciante, que engade que o fillo ten un ataque de pánico.

A denuncia engade que os funcionarios estiveron durante hora e media batendo no fillo, entre o catro e media e o seis da tarde, e que durante ese período de tempo perdeu o coñecemento en tres ocasións.

Após a visita, o pai tentou que o fillo fose examinado por un médico, algo que a dirección do centro lle negou. Por iso presentou unha folla de reclamacións e solicitou ao xulgado que sexa examinado canto antes por un forense. Neste caso o tempo urxe, xa que o exame médico pode ser unha proba fundamental. A familia tamén achegou un escrito asinado por outros 22 reclusos que corroboran a versión do seu compañeiro.

A versión da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias difire da do recluso. Fontes deste departamento aseguran que o preso se pelexou con outro no patio da prisión, primeiro a puñadas e pontapés e despois facendo uso dun coitelo. Isto motivou que os funcionarios tivesen que recorrer á forza para o controlar.

FERNANDO PÉREZ ÁVILA

Diario de Sevilla