Os feitos, alegadamente acontecidos o pasado 26 de novembro, foron postos en coñecemento da asistenta social do centro, despois de o recluso os comunicar telefonicamente á irmá.

Na denuncia indícase que os funcionarios “propinaron [a V.C.P.]  pontapés na cabeza” e chegaron a telo “24 horas amarrado” chegando mesmo a “facerse as súas deposiciones encima”.

Así mesmo, a familia pon de manifesto na denuncia que “descoñece en que estado se encontra” e piden “que se investigue o que aconteceu e que o seu irmán poida ser atendido por un médico”.

 Xuiz de Vixilancia Penitenciaria e Institucións Penais atiran a bola dun lado para outro

Segundo sinalaron fontes de Institucións Penais ao xornal que denunciou estes feitos (diariodehuelva.es), o Goberno soubo desta denuncia polo propio xornal e, “ao seguir [a denuncia] unha vía xudicial”, limitaranse a agardar o ditame da investigación xudicial sen abrir unha investigación interna polos feitos denunciados.

As mesmas fontes sinalaron tamén que, de se ter producido unha denuncia perante o xuíz de vixilancia penal, ou unha queixa dentro da propia prisión, sería máis probábel a abertura dunha investigación máis a fondo por parte da propia administración de servizos penitenciarios, mais ao teren recorrido os familiares á vía xudicial nun xulgado de instrución convencional, van agardar a ver as conclusións e indagacións do xuíz.

O irmán da vítima, encarregado de ir de Málaga a Huelva para realizar a denuncia, asegurou en declaracións ao mesmo xornal que xa alertaran a traballadora social desta circunstancia e que a súa súplica non foi escoitada na prisión e que en primeiro lugar acudiron a un xuíz de vixilancia penitenciaria para denunciar o caso, mais este  enviounos á xustiza ordinaria.

Sen axuda médica

Segundo relata o irmán da vítima, como consecuencia da malleira o reo permaneceu durante bastantes días co corpo cheo de moratóns e graves dores de cabeza. Pediu asistencia médica mais esta foille negada. Isto levouno a presentarse na prisión para pedir que V.C.P. fose examinado por un médico, o que lle prometeron facer mais nunca fixeron. “Após falar co meu irmán asegúrame que non o viu o médico”.

Fonte: Derecho Penitenciario