Por que di a Constitución no artigo 14 “os españois son iguais…?” Por que non di “os seres humanos” ou “as persoas” son iguais…? Polo dereito de participación política recoñecido no artigo 23 da Constitución, que está reservado aos cidadáns españois.

A igualdade constitucional é o resultado da confluencia dun principio antropolóxico de carácter universal, a dignidade humana, recoñecido no artigo 10 CE e dun principio político de carácter territorialmente circunscrito, a participación en condicións de igualdade na formación da vontade xeral mediante o exercicio do dereito de sufraxio, recoñecido no artigo 23 aos españois exclusivamente. Por iso, todos os seres humanos son titulares de dereito, mais unicamente os españois o son en condicións de igualdade, porque unicamente eles son titulares do dereito de sufraxio. Exactamente igual acontece en Francia cos franceses, en Alemaña cos alemáns e así en todos os países democraticamente constituídos. A igualdade constitucional non é nunca exclusivamente humana. É sempre tamén política.

O dereito de sufraxio é o dereito especificamente constitutivo da vertente política da igualdade. É o cualificativo da igualdade humana, con base no cal se constitúe o Estado Democrático. Sen o dereito de sufraxio a Democracia como forma política non é nin intelectualmente pensábel nin tecnicamente organizábel.

Xustamente por iso, trátase dun dereito cuxo exercicio unicamente pode ser limitado mediante sentenza xudicial firme por un delito que leve aparellada a perda do exercicio do mesmo. Sen sentenza xudicial firme o dereito de sufraxio tanto na súa vertente activa como pasiva, que son inescindibeis, é un dereito intocábel, que prevalece fronte a calquera outro, porque é o fundamento en que descansa a democracia como forma política e en que se apoia a arquitectura do Estado Constitucional.

Impedir o exercicio do dereito de sufraxio activo ou pasivo sen sentenza xudicial firme é o máis grave delito de PREVARICACIÓN que se pode cometer en DEMOCRACIA. É un delito de PREVARICACIÓN CONTRA A DEMOCRACIA DE MANEIRA DIRECTA.

Ruboriza ter que lembrar o ABC do Dereito Constitucional da Democracia, cando vai facer corenta anos da entrada en vigor da Constitución, mais é que lin na información de La Vangardia e El País, que o Goberno da Nación considera que está nas mans do xuíz instrutor do Tribunal Supremo permitir que Jordi Sánchez acuda ao Parlament presentar o seu programa de goberno e solicitar a investidura.

Non sei de onde tirarían a información os xornalistas que redactaron as súas crónicas, mais quen lla transmitiu non saben unha palabra do que a Constitución e a lexislación de desenvolvemento da mesma prevén para o exercicio do dereito de sufraxio activo e pasivo.

Coa Constitución Española non é posíbel impedir que Jordi Sánchez acuda ao Parlament para a sesión de investidura. Caso o xuíz instrutor do Tribunal Supremo entender que pode impedilo, non soamente podería Jordi Sánchez querelarse contra el por prevaricación, senón que podería tamén solicitar a nulidade de toda a instrución. É un delito tan grave o que cometería o xuíz instrutor que o inhabilitaría para o exercicio da función xurisdicional a partir dese momento, alén de comprometer de maneira sobrevinda todas as súas decisións anteriores nesta causa.

Obviamente a decisión sería recorríbel en amparo perante o Tribunal Constitucional, que para dala por boa, tería que desdicirse do que foi a súa xurisprudencia sobre o dereito de sufraxio de maneira ininterrompida até a data.

Caso que así o fixer, ficaría aberta a vía para acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Xudicializar cuestións que son esencialmente políticas acaba ou pode acabar tendo consecuencias como estas. Os regos xudiciais son numerosos e imprevisíbeis a priori en asuntos como este, cando o que está en xogo é nada menos que a integración dun ente subcentral dentro dun Estado politicamente descentralizado. Trátase dun dos problemas político-constitucionais máis arrevesados, se non o que máis, de todos os que se poden expor . Cales son os dereitos que van acabar facendo acto de presenza ao longo dun proceso desta natureza non é algo que poida saberse con certeza cando se rexistra a querela perante o Tribunal. Cando o asunto é esencialmente político, o conflito entre a Política e o Dereito pode emerxir no interior do proceso en calquera momento e converterse en inmanexábel.

O que non pode ser non pode ser e, ademais, é imposíbel. É o que acontece cando se delega nos Tribunais dar resposta á integración de Catalunya no Estado.