Alfredo Remírez, de 37 anos e natural de Amurrio (Áraba) será no próximo sábado o primeiro tuiteiro dos detidos na ‘Operación Araña’ que entrará en prisión por enaltecer terroristas de ETA. A reincidencia no delito de enaltecemento do terrorismo -ten unha sentenza ditada pola Audiencia Nacional e confirmada en xullo de 2009 polo Tribunal Supremo e outra por dar as boas vindas na rede social Twitter a membros de ETA ao saíren do cárcere- convérteno no primeiro tuiteiro arrestado pola Garda Civil nas sucesivas ‘Operacións Araña’ -a última en abril do pasado ano- en entrar en prisión.

Alfredo Remírez, durante uno de los juicios en la Audiencia Nacional.

Remírez foi detido o mesmo día que o cantante e líder de Def con Dous, César Strawberry, durante a ‘Operación Araña III’.

Nesa operación, levada a cabo en maio de 2015 pola Garda Civil, foron detidas 16 persoas, acusadas de delitos de enaltecemento do terrorismo e de humillación ás vítimas. Strawberry foi finalmente condenado en xaneiro deste ano polo Tribunal Supremo a un ano de cárcere polos seus chíos, aínda que non terá que ir a prisión. Nesas operacións desenvolvidas entre 2014 e 2016, foron arrestadas máis de 70 persoas. A Audiencia Nacional celebrou numerosos xuízos após as detencións.

Remírez non abandonou a súa actividade na súa conta de Twitter, nalgúns casos para agradecer as mostras de solidariedade que se están producindo desde que confirmaron ao seu avogado o rexeitamento do último recurso interposto para eludir entrar en prisión. Nun dos seus últimos chíos lembra precisamente que estamos en Halloween.

A campaña de solidariedade e denuncia transformou o seu propio nome nunha esixencia de liberdade: alFREEdo.

A Audiencia Nacional rexeitou a finais de setembro un recurso presentado polo avogado de Alfredo Remírez e o mesmo tribunal ordenou o seu encarceramento por unha protesta contra a dispersión de presos de ETA en que participou nas festas de Amurrio (Áraba) en 2009.

A defensa aceptou un acordo polo que asumía unha condena dun ano e medio de prisión e unha inhabilitación de 14 anos e seis meses para eludir entrar en prisión. Mais agora a Audiencia Nacional tomou en conta esta condena por conformidade para rexeitar a solicitude de non entrar en prisión.

Foi o propio Remírez quen anunciou o ingreso en prisión este sábado, e animou a participar nunha manifestación a véspera na súa localidade natal, Amurrio, ás 19:30, para agradecer o apoio recibido.

A primeira condena por enaltecemento

A Audiencia Nacional condenou a un ano de cárcere dous veciños de Amurrio (Áraba) -Alfredo Remírez e Arkaitz Quincoces- como autores dun delito de enaltecemento do terrorismo por homenaxearen dous etarras nomeándoos “raíña” e “dama de honra” das festas patronais de agosto de 2005. A sección primeira da Sala do Penal acordou na mesma sentenza absolver por estes mesmos feitos o alcalde de Amurrio (EA), Pablo Isasi, e o exconcelleiro de Cultura Eleder Zaldibe, ao retirar a Fiscalía ao termo do xuízo a acusación que dirixía contra ambos.

O tribunal concluíu que os dous membros da cuadrilla era autores dun delito de enaltecemento porque utilizaron as dúas figuras en cartón coa cara dos etarras para “outorgaren aos mesmos un posto de relevancia e unha homenaxe reivindicativa”, coñecendo que ambos son terroristas e están por iso en prisión.

A resolución considerou entón probado que, o día do comezo das festas patronais de Amurrio de 2005, a cuadrilla Herriarenak foi a encarregada de designar a raíña e dama de honra das festas e optou polos etarras José Angel Viguri e Santos Berganza, ambos en prisión. A decisión foi posteriormente comunicada ao alcalde, quen, segundo a sentenza, non deu relevancia “a tal nomeamento dado que, ao ser precisa a presenza física dos designados no acto de investidura” das bandas “derivaba imposibel” o nomeamento por estaren ambos os terroristas encarcerados.

Cando se procedeu ao acto de nomeamentos no Salón de Plenos do consistorio e ao ser chamada a cuadrilla Herriarenak, Quincoces apareceu cun monigote en cartón de gran tamaño coa cara de Viguri e nese momento o concelleiro de Cultura, ao que correspondía impor a banda, foi colocarlla a Quincoces, mais este forcexeou para que lla puxese ao monigote. Cando chegou a quenda de nomear a raíña, Remírez achegouse ao alcalde con outro monigote coa cara de Berganza e o rexedor deulle a banda e o ramo de flores, a pesar de que este tentou que llo puxese ao boneco de cartón.

Días despois, o día maior das festas, Quincoces e Remirez pretenderon encabezar a comitiva tradicional que decorre desde o Concello até a Igrexa cos dous monigotes, mais o alcalde obrigounos a situarense detrás.

“Ensalzamento de condutas ilícitas”

O Tribunal Supremo confirmou en xullo de 2009 a condena a un ano de prisión que a Audiencia Nacional impuxo a Alfredo Remírez e Arkaitz Quincoces. Na súa sentenza, o Alto Tribunal apuntaba que distinguir quen “está desde hai anos cumprindo importantes penas pola comisión de concretos delitos de terrorismo” ten un “evidente significado de ensalzamento das condutas ilícitas”, polo que constitúe un delito de enaltecemento do terrorismo.

“Trátase, por tanto, dun claro comportamento de enaltecemento duns terroristas, polo feito de selo, do que os conduciu á súa situación de penados, e, por conseguinte, das graves actividades delituosas que, no seu día, levaron a cabo”, sinalaba o Alto Tribunal na súa resolución.

Fonte: eldiario.es