O portavoz dos avogados de Alerta Solidària dos independentistas detidos no 2-F, Xavier Pellicer, desacreditou as filtacións de declaracións dalgúns dos detidos contextualizándoas en condicións de malos tratos e vulneración de dereitos. ‘Non teñen ningún valor xurídico, se algún tribunal llo atribúe, é que non actúa de forma democrática nin conforme a dereito’, di. En concreto, afirma que as dúas persoas cuxos depoimentos foron filtrados estiveron privadas de sono desde a detención durante días. Aliás, Jordi Ros non pudo ter avogado de confianza até cinco días despois da detención e Ferran Jolis non pudo telo até vinte-e-cinco días despois. O avogado de Alerta Solidària avanzou que na próxima semana anunciarán as medidas legais para responder a estes malos tratos.

Estas dúas persoas, di, recibiron ameazas e coaccións tanto no momento da súa detención como durante a custodia en mans da Garda Civil, ameazas que non se limitaban a eles, sinón que incluían as familias. Alén diso, alguns detidos, foron encapuzados e privados da visión durante grande parte do traxecto, feito que vulnera os convenios de dereitos humanos sobre custodia de persoas detidas que o estado español está obrigado a cumprir. Tamén denunciou que Jolis afirmara que tiña lacunas da detención e sospeitaba que introduciran algunha substancia na bebida.

Pellicer tamén denunciou que até o fin de semana pasado os avogados non puderan acceder ao sumario, e que mesmo agora non teñen acceso á súa totalidade. Só puderon ler oito dos nove volumes e, nunha primeira lectura, viron que non hai rastos de explosivos, como se filtrara aos media. Segundo consta no sumario, afirma, nin os especialistas TEDAX nin os cans especializados encontraron explosivos nas inspeccións realizadas.

 

 

 

É por iso que os avogados se reafirman en que non hai elementos firmes para sustentar as acusacións de terrorismo, de tentativa de estragos nin de pose de explosivos. ‘Non teñen sentido xurídico, fundaméntanse en cálculos politicos’, conclúe.

Os avogados dos detidos encadran a filtración das declaracións destes dous independentistas e de parte do sumario pola ‘labazada’ da xustiza británica ao Supremo sobre a euro-orde de Clara Ponsatí, na crise política polas palabras de Pedro Sánchez recoñecendo que controla a fiscalía e a previsón á baixa do crecemento da economía española. ‘É unha tentativa a todo correr de modificar o voto nas eleccións de domingo’, di Pellicer.

De feito, lembra que as filtracións foron unha constante nesta causa, comezando pola publicación nos perfis oficiais da Garda Civil dun vídeo da detención. ‘É un caso en segredo de sumario, filtralo é delito’, quéixase Pellicer. Iso foi precedido doutras filtracións á prensa de información ‘que só poden proceder da procuradoría ou dos propios tribunais’.

VilaWeb