A Asemblea Parlamentar do Consello de Europa aprobou o relatorio crítico co estado español por ter encarcerado e perseguido no exilio dirixentes independentistas, e tamén por ter condenado o presidente Quim Torra e perseguido altos cargos da Generalitat. O texto esixe que os prisioneiros políticos sexan liberados, que non sexan perseguidos os exilados e que acabe a represión. Alén diso, o pleno deitou abaixo unha a unha e por ampla maioría todas as emendas do PSOE e do PP que pretendían rebaixar o contido do relatorio, que foi aprobado tamén con grande apoio: 70 votos a favor, 28 en contra e 12 abstencións.

Os dous partidos españois pretendían, entre outras, eliminar a referencia á despenalización da convocatoria de referendos; suprimir a recomendación de abandonar a persecución contra os exilados coas euro-ordes; retirar o punto que fai referencia aos procesos contra ex-altos cargos da Generalitat e a condena contra o presidente Torra. O debate foi intenso e a maioría dos representantes que interviron criticaron a desproporción das condenas do Tribunal Supremo español contra os presos políticos.

O relatorio recolle esta desproporción no castigo penal, recomenda ao goberno español indultar os presos políticos, deixar de perseguir os exilados coas euro-ordes e reformar o delito de sedición no código penal español para “evitar sancións desproporcionadas en transgresións non violentas”. Tamén foi incorporada a emenda 18, que fala da necesidade de que o estado español adopte o compromiso de resolver as diferenzas políticas. No entanto, non foi aceptada a emenda que propuña a amnistía como opción xuntamente cos indultos.

Os partidos españois presentaran enmendas ao texto e tentaron rebaixar a crítica demolidora contra España, compara coa Turquía e a represión contra os curdos. As asociacións conservadoras do xuíces españois xa tiñan presionado antes contra a aprobación do relatorio, que pode ter grande importancia nas demandas contra España no Tribunal Europeu dos Dereitos Humanos.

O ponente do relatorio, Boris Cilevics, dixo que as penas contra os presos eran “claramente desproporcionadas” e que non mostraban España como unha “democracia viva”. Contodo, Cilevics defendeu que o referendo do Primeiro de Outubro foi “ilegal” e que os dirixentes cataláns “desobedeceron” os tribunais. Por outra parte, o letón defendeu que é preciso reformar o deito de sedición porque o Tribunal Supremo español “interpretou a violencia de maneira moi ampla”. “Pode o exercicio dun dereito fundamental converterse nun delito grave simplesmente porque moitas persoas exercen este dereito á vez? Teño moitas dúbidas”, afirmou.

O senador norcatalán François Calvet defendeu a aprobación do relatorio na súa intervención e dixo que se trata dunha cuestión de dereitos fundametais. Pola súa parte, a senadora de ERC Laura Castel defendeu o 1-O e o contido do relatorio diante das tentativas dos representantes españois de o sabotaren. Castel cre que a aprobación do texto “marca o camiño á xustiza española” cos presos políticos e os exilados e que ha de o acabar para se “homologar aos estándares europeus”.

VilaWeb