A causa polas cargas que provocaron a perda dun ollo a Roger Español suma xa catro axentes de Policía procesados.
Roger Español
O Xulgado de Instrución número 7 de Barcelona procesou dous comandantes intermedios da Policía Nacional polas cargas con bolas de goma que causaron a perda dun ollo a Roger Español durante o 1 de Outubro de 2017. Con estes dous novos procesamentos son xa catro os axentes de policía acusados polas lesións sufridas por Español.
“Foron procesados como responsabeis de dar a orde de disparar bolas de goma”, explican desde Iridia, centro que se representa Roger Español nesta causa e outras doce persoas que resultaron feridas durante a mesma xornada. Hai xa tres anos, a partir dun informe elaborado por Iridia, foi posíbel identificar o axente responsábel de disparar a bola de goma que golpeou Español. O máximo responsáel do operativo a pé de rúa tamén está procesado. “Desde Irídia levabamos pedindo desde que conseguimos identificar o axente”.
Segundo resalta o xornal Ara, o caso de Español podería ser o primeiro dos relacionados con violencia policial no 1-0 en chegar a xulgamento. O mesmo xulgado que instrúe a causa investiga un total de 63 policías.
Roger Español (Barcelona, 1979) perdeu o ollo dereito durante a celebración do referendo de autodeterminación de Catalunya no 1 de outubro de 2017. O episodio aconteceu na escola Ramon Llull do bairro da Sagrada Familia de Barcelona, onde un amplo dispositivo da Unidade de Intervención Policial (UIP) do Corpo Nacional de Policía (CNP) irrompeu para confiscar urnas e papeletas e sabotar a votación.
Minutos despois da intervención dos axentes, cando estes se dispuñan a abandonar o lugar dos feitos, unha bola de goma impactou no ollo de Roger Español e deixouno deitado no chan antes de ser levado ao Hospital de Sant Pau, onde quedou ingresado durante máis dunha semana para curar as feridas. A prohibición desta munición por parte do Parlament de Catalunya dede o 30 de abril de 2014 non evitou que o CNP a utilizase nese día, xa que o veto só afecta o corpo de Mossos.