A existencia destas ferramentas, combinada coas grandes capacidades de computación e a intelixencia artificial, fai que os estados poidan vixiar permanentemente todos os cidadáns.

 

Edward Snowden advertíao onte coa máxima solemnidade: a industria do software espía (spyware) simplemente non tería que existir. É unha industria e unha práctica que terían que ser prohibidas mundialmente e sobre as cales faría falta estabelecer inmediatamente unha moratoria comercial dos produtos existentes no mercado. Porque se non se fai, a humanidade enteira entrará nun túnel escurísimo onde a privacidade deixará de existir, tras milenios a definir a nosa vida e as nosas relacións.

A afirmación de Snowden, seguramente o maior heroe dos nosos tempos, chega como unha reacción ás novidades que se souberon nestas últimas horas sobre a espionaxe dos gobernos duns corenta estados, primeiro co software israelita Pegasus e agora con Candiru, tamén israelita.

Spyware ou software espía é unha denominación que se usa para identificar un software malicioso creado coa intención de entrar no computador ou o móbil dunha persoa, de calquera, para acceder a todo o contido, mais tamén para converter, especialmente o móbil, nunha cámara e un micrófono controlados con capacidade de escoitar ao instante ou gravar todo aquilo que fan os espiados. O prezo destas ferramentas é desorbitado e as empresas que as desenvolven só as venden a gobernos e estados. Segundo rumores, algúns grupos e organizacións de carácter criminoso tamén chegaron a comprar, mais é cousa segura que soamente un grupo moi reducido controla este mercado e decide, por tanto quen pode ter acceso e quen non.

O software espía é creado para ser infiltrado nos aparellos de quen é espiado de modo que sexa moi difícil de detectar e para ter acceso, entón, aos correos electrónicos, ás fotografas, ás conversacións de WhatsApp e Signal, ou para saber onde está en todo o momento, grazas ás ferramentas de xeolocalización, ou ben escoitar o que di sempre. Estes últimos anos as empresas tecnolóxicas conseguiron fortalecer moito o cifrado de punto a punto, de modo que é moi difícil interceptar a información enviada, por exemplo, con WhatsApp, mentres viaxa por Internet. Precisamente foron as revelacións de Edward Snowden sobre a NSA, o 2013, as que fixeron que a industria informática tomase consciencia do perigo e activase mecanismos de protección para os usuarios, que en xeral funcionaron moi ben até agora.

Aínda así, paradoxalmente, a encriptación das mensaxes de punto a punto para garantir a privacidade abriu a porta a este software. Como non se pode interceptar o que viaxa por Internet, agora o ataque diríxese sobre as máquinas desde as que se envían ou se reciben as mensaxes e os contidos; o voso móbil, por exemplo, o que usades para ler este artigo. Mais esta nova tecnoloxía de intrusión  foise configurando como un mercado pretendidamente reducido de poucos clientes, que aseguran, grazas á exclusividade de uso, ganancias millonarias aos autores, especialmente a empresa NSO, creadora de Pegasus. NSO di que ten tan só sesenta clientes, en trinta e cinco estados. Clientes que pagan para ter a vantaxe de exercer contra quen consideran seren os seus inimigos unha capacidade de intrusión e espionaxe que aqueles non poden nin soñar.

E por isto, a pesar das declaracións oficiais das empresas creadoras do programa, que din que hai medidas para controlar como se usa e para que, a realidade é que o software espía úsano os estados máis autoritarios do mundo, moi particularmente contra a disidencia. Contra calquera disidencia. Por isto, os agredidos con este software acostuman ser, como se vai vendo nas investigacións que se tornan públicas, defensores dos dereitos humanos, xornalistas, políticos –como agora o presidente Roger Torrent– e en xeneral a sociedade civil organizada.

É un problema gravísimo e vale máis que entendamos que nos afecta a todos. Non soamente os disidentes, senón todo o mundo. Porque a existencia destas ferramentas, combinada coas grandes capacidades de computación e a intelixencia artificial, fai imaxinábel nun futuro non moi afastado que os estados poidan vixiar permanentemente todos os cidadáns, até nos momentos máis íntimos.

Para parar esta gravísima ameaza, pois, teremos que combinar moitos elementos. O escándalo político internacional e a protesta política que crece de día en día. A tarefa de organizacións como The Citizen Lab, que encabeza a loita para facer saír á luz estas escuras manobras. Os intereses, tamén, das empresas informáticas, que saben que, se non poden asegurar a privacidade dos clientes, terán dificultades graves. Inclusive teremos que mudar, ben seguro, os hábitos persoais, este costume de levar sempre o móbil encima. Mais Snowden, como tantas veces, ten razón: fai falta prohibir completamente esta industria, pola mesma razón e coa mesma forza coa que se prohiben a proliferación nuclear, as bombas de dispersión ou a manipulación do ADN humano.

Fonte: VilaWeb

Por Vicent Partal