O anteproxecto de lei de Información Clasificada esconde unha ‘armadilla’ que o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, esqueceu comentar na súa presentación: o seu réxime sancionador. As multas poden alcanzar os tres millóns de euros e podería supor a enésima ‘lei mordaza’ no Reino de España.

 

.

 

Consejo de Ministros
O ministro de Presidencia, Félix Bolaños, despois do Consello de Ministros do 2 de agosto. —J. J. Guillén / EFE Madrid
.
Pablo Romero
.
Os informantes anónimos e non tan anónimos que se atrevan a desvelar prácticas corruptas nas Administracións Públicas, sobretodo as máis graves, van ter o seu labor un pouco máis difícil caso sair adiante o anteproxecto de lei de Información Clasificada, a norma que pretende actualizar a franquista Lei de Segredos Oficiais de 1968.
Trátase do réxime sancionador, que aparece no texto mais que o Goberno esqueceu comentar cando o presentou despois do pasado Consello de Ministros.
Este texto está aínda pendente da súa aprobación definitiva polo Consello de Ministros antes da súa remisión como proxecto de lei ao Congreso.
Segundo o contido do anteproxecto, as multas por desrespectar a norma variarían entre os 50.000 e os tres millóns de euros, segundo a cualificación da información (de maior a menos rango: “alto secreto”, “secreto”, “confidencial” e “restrinxido”).
.
Sancións (artigo 42)
  • No caso de infraccións moi graves, será aplicada unha multa de 1.000.001 a 3.000.000 de euros.
  • No caso de infraccións graves será aplicada unha multa de 50.001 a 1.000.000 de euros.
  • No caso de infraccións leves, o responsábel será advertido ou lle será aplicada unha multa de até 50.000 euros. A advertencia só será imposta se non mediar dolo e nos últimos dous anos o responsábel non tiver sido sancionado, mediante resolución administrativa firme, pola comisión de calquera das infraccións previstas nesta lei.
Desta feita, a divulgación de información cualificada como “alto segredo” ou “segredo” podería ter asociada unha sanción administrativa de até tres millóns de euros.
En España xa existe o delito de revelación de segredos no artigo 197 do Código penal, modificado en 2015, e que recolle unha pena de até cinco anos de cárcere na súa modalidade máis grave.
Non só afectará a denunciantes de delitos cometidos nas Administracións Públicas con acceso a información sensíbel e protexida por esta lei, senón que tamén pode afectar a xornalistas que divulgaren “por calquera medio” esa información, segundo este anteproxecto, ao que falta ainda un longo percurso até entrar en vigor e pode ser modificado durante o seu percurso parlamentar.
Algunhas fontes da Moncloa citadas por El País tentaron “tranquilizar a prensa”, xa que “aseguran que estas sancións non están pensadas para os medios de comunicación” e, aínda que admiten que “en teoría poderían ser sancionados os xornalistas que divulgaren documentos secretos”, lembran que, “na práctica, imponse a xurisprudencia constitucional que prima o dereito á información”. Ou sexa, os xuíces decidirán, en lugar de expor unha normativa clara e realmente efectiva.
Segundo a proposta asinada polo ministro Félix Bolaños, parece que estas ‘salvagardas’ non serán aplicdas a funcionarios e cidadáns denunciantes e alertadores de corrupción, fontes indispensabeis para coñecermos os comportamentos ilegais dos poderes públicos ‘desde dentro’.
De feito, os informantes contarán cunha normativa propia, a Lei de Protección de Informantes, mais está aínda en tramitación parlamentar e o seu anteproxecto foi presentado no 4 de marzo de 2022 pola ministra de Xustiza Pilar Llop.
Esa futura normativa que supostamente protexerá os informantes ten importantes lacunas, como a ausencia de protección do anonimato do denunciante de corrupción, e tampouco ampararía unha filtración a un medio de comunicación.
Agora, o texto proposto polo Goberno para o material clasificado conta, no seu Titulo IV, cun severo réxime sancionador antes descrito.
A abertura do procedemento correspondería á autoridade de clasificación, en canto a potestade sancionadora cabería á “autoridade de clasificación competente”, quer dicir, será o poder Executivo quen sancione, ben o Goberno (“alto segredo” e “segredo” corresponderá exclusivamente ao Consello de Ministros, que de modo algún pode delegar) ou ben outras autoridades caso tratarse de documentos “Confidenciais” e “restrinxidos”.
.

 

Desclasificación por caducidade (Artigo 16)
  • A información clasificada na categoría de “alto segredo” será desclasificada automaticamente transcorridos cincuenta anos desde a súa clasificación, podendo prolongarse de maneira excepcional e motivada, sempre antes do termo do prazo, por quince anos máis.
  • A información clasificada na categoría de “segredo” será desclasificada automaticamente transcorridos corenta anos desde a súa clasificación, podendo prolongarse de maneira excepcional e motivada, sempre antes do termo do prazo, por dez anos máis.
  • A información clasificada na categoría de “confidencial” será desclasificada automaticamente transcorrido o prazo específico que sinale a autoridade de clasificación, que será de entre sete e dez anos non prorrogabeis.
  • A información clasificada na categoría de “restrinxido” será desclasificada automaticamente transcorrido o prazo específico que sinale a autoridade de clasificación, que será de entre catro e seis anos non prorrogabeis.

 

O texto do anteproxecto outorga a responsabilidade de custodia, protección e tratamento da documentación cualificada de “alto segredo”, “segredo” e “confidencial” a unha Autoridade Nacional para a protección da información clasificada, que depende orgánicamente do Ministerio da Presidencia, cuxo titular é Bolaños actualmente.

 

Non se prevé unha desclasificación automática de segredos do franquismo, a Transición ou a loita contra o terrorismo

 

A proposta non prevé unha desclasificación automática de toda a documentación secreta do tardo-franquismo, a Transición, a loita contra grupos terroristas ou episodios tan delicados como a tentativa de golpe de estado en 1981 ou as actividades dos grupos terroristas GAL amparados polo Estado; as autoridades con capacidade para clasificar poderían facelo mais non estarán obrigadas.

Os tribunais tamén poden solicitar material clasificado se se “considerar indispensábel para o desenvolvemento das actuacións ou a resolución do asunto”, para o que ten que pedilo á Sala do contencioso administrativo do Tribunal Supremo, e esta por súa vez á a autoridade competente. En calquera caso, o Supremo ten a última palabra.

O anteproxecto tamén tamén habilita para solicitar a desclasificación de información “as persoas directamente afectadas”, sempre que especifiquen e delimiten os seus pedidos. En caso de negativa por parte das autoridades, existe a posibilidade de acudir tamén e directamente á Sala do contencioso administrativo do Tribunal Supremo, mais unicamente para as esas “persoas directamente afectadas” polo contido dos documentos en cuestión. Portanto, todo este procedemento deixaría fóra, en principio, investigadores, historiadores ou xornalistas.

Público