Puigdemont, Comín e Ponsatí están en pleno uso dos seus dereitos políticos e non fixeron até o momento outra cousa que exercer o dereito recoñecido no artigo 19 da Constitución Española

Compareceron ante a autoridade xudicial competente, belga, alemá ou escocesa, sempre que se requiriu a súa presenza

A xustiza alemá pronunciouse sobre a orde de detención e entrega, autorizando a entrega de Carles Puigdemont para que puidese ser xulgado por un eventual delito de malversación, mais non por rebelión ou sedición

 

Puigdemont, dispuesto a ir a la cárcel por referéndum, descarta su reelección

 

A decisión da Xunta Electoral Central de excluír Puigdemont, Comín e Ponsatí da lista de Junts per Catalunya ao Parlamento Europeo carece de calquera fundamentación xurídica. O tres políticos cataláns están en pleno uso dos seus dereitos políticos e non fixeron até o momento outra cousa que exercer os dereitos fundamentais dos que son titulares como cidadáns españois. Concretamente exerceron o dereito recoñecido no artigo 19 CE, que protexe a libre elección de residencia así como entrar e saír libremente de España. “Este dereito non poderá ser limitado por motivos políticos e ideolóxicos”, di o inciso final do artigo.

Con base neste dereito Puigdemont, Comín e Ponsatí decidiron a finais de 2017 mudarse a Bélxica e Escocia e establecer neses países a súa residencia.

Unha vez residindo nestes países, a Xuíza Carmen Lamela en primeiro lugar e o Xuíz Pablo Llarena en segundo ditaron ordes de detención e entrega contra eles, coa finalidade de que o tres fosen postos a disposición da Audiencia Nacional e do Tribunal Supremo para ser xulgados polo delito de rebelión.

O tres exerceron o seu dereito á tutela xudicial efectiva recoñecido no artigo 24 CE, que desde o ingreso de España na Unión Europea, comporta non só o acceso aos tribunais de xustiza españois, senón tamén o dereito de acceso aos tribunais dos países membros da Unión Europea naqueles supostos en que o dereito español entra en contacto co dereito da Unión.

Puigdemont, Comín e Ponsatí recorreron a orde de detención e entrega ditada polo Xuíz Pablo LLarena facendo uso da posibilidade contemplada na directiva europea reguladora de tal instrumento de cooperación xudicial. Exerceron o seu dereito á defensa.

Puigdemont, Comín e Ponsatí non se declararon en rebeldía nin fuxiron da acción da xustiza. Compareceron ante a autoridade xudicial competente, belga, alemá ou escocesa, sempre que se requiriu a súa presenza. E argumentaron ante tales autoridades xudiciais europeas por que non debería autorizarse a súa entrega para seren xulgados en España polo delito de rebelión.

Até o momento, só a xustiza alemá se pronunciou sobre a orde de detención e entrega ditada polo Xuíz Instrutor español, autorizando a entrega de Carles Puigdemont para que puidese ser xulgado por un eventual delito de malversación, mais non por rebelión ou sedición. O Tribunal Supremo podería estar a xulgar neste momento Carles Puigdemont.

Non foi, pois, Carles Puigdemont quen fuxiu da xustiza española, senón a xustiza española a que fuxiu da xustiza alemá, non aceptando a decisión adoptada polo Tribunal Superior de Xustiza de Schleswig-Holstein. Carles Puigdemont aceptou a autoridade dos tribunais de xustiza europeos. De todos, cada un actuando no exercicio da competencia que lle é propia. É o Tribunal Supremo o que non está disposto a aceptar a autoridade dos tribunais dos demais países da Unión Europea, se non resolven da forma en que el considera que deben facelo.

A conduta de Carles Puigdemont fixando a súa residencia en Bélxica e recorrendo a orde de detención e entrega do Xuíz Instrutor español é xuridicamente impecábel. Non hai nada que reprochar. Non hai acto de rebeldía de ningún tipo. Puigdemont está disposto a porse a disposición do Tribunal Supremo nos termos en que os decida o xuíz belga ou alemán que tome a decisión sobre a orde de detención e entrega do Xuíz Instrutor español. Non hai fuxida da xustiza española por ningún lado, senón sometemento á xustiza española nos termos que sexan fixados polo xuíz europeo competente para entender da orde de detención e entrega.

Puigdemont non está en rebeldía, nin está a ser xulgado en rebeldía no Tribunal Supremo, algo, polo demais, imposíbel para delitos que poidan comportar unha pena superior a dous anos.

Contra a decisión da JEC cabe recurso contencioso-administrativo electoral ante o Tribunal Supremo (dous días para o interpor e dous días para se ditar sentenza) e, no seu caso, recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, que ten que resolver en tres días.

Veremos.

Javier Pérez Royo