— Vaia, que non se incomode o meu Señor, e se achase dez xustos?
— Tampouco os destruiría, en atención a eses dez.-
Xénese 18, 20-31

 

 

Coñecen o relato bíblico. Yahvé decidiu destruír Sodoma e Gomorra polos seus moitos pecados e Abraham comeza unha especie de negociata con Deus para as salvar. Pon ante el a inxustiza de acabar con todos indiscriminadamente podendo haber entre eles 50, 45, 20 ou 10 homes xustos e o Señor, o xuíz universal, deixa claro que só por non ser inxusto cunha brazada deles é preferíbel aforrar a aniquilación a todos. É bíblico que protexer o home honesto é máis importante mesmo que castigar os culpados. Pouca xente neste país parece lembralo, nin sequera os xuíces terreais. Agora o cívico, o de orde, é preferir que os dereitos civís sexan espeziñados polos encarregados de os protexer a cambio de conseguir pírricas vitorias, como multar uns cuantos que fan festa e ruído nun apartamento e que se pon chulos. A iso chegamos.

 

 

Una treintena de fiestas ilegales en pisos de Santiago de ...

 

 

É de extraordinaria gravidade o feito de que a policía dun estado democrático teña deitado abaixo as portas de dous apartamentos para entrar sen mandado xudiciario nun lugar onde se estaba, todo o máis, cometendo infraccións administrativas. Para iso baseáronse no que o profesor Manuel Maroto chama a ‘polisprudencia’, quer dicir, a elaboración e interpretación propia que fai a policía das normas penais, interpretación que está estritamente reservada aos xuíces. Nese despropósito de argumento din que, dado que lles deron através da porta a orde de abriren e se identificaren e dado que non a cumpriron, produciuse un flagrante delito de desobediencia que os habilitaba para entrar. Por redución ao absurdo, verán claramente que se désemos por boa tal aberración, decaería para sempre a inviolabilidade dos domicilios, dado que bastaría con que nos mandasen abrir e non quixésemos para producir unha desobediencia habilitante para entrar pola forza e sen mandado xudicial. O Constitucional levou por diante a lei Corcuera da pontapé na porta e esta falaba de casos de delitos contra a saúde pública, e agora pretenden aplicala non xa para delitos, senón para infraccións administrativas!

Deron tamén os axentes en explicar, a todo o que lles compra o relato, que un apartamento turístico non é ‘morada’ e que, portanto, non violaron nada e podían entrar. Existe unha clara xurisprudencia do Constitucional sobre o amplo sentido da inviolabilidade e, nese sentido, domicilio é todo lugar idóneo e fechado que o seu morador destine a realizar actividades íntimas ou á marxe do coñecemento e olladas dos outros, incluídos cuartos de hotel, caravanas e até, claro, olla só, apartamentos turísticos. Se dentro estás a tomar copas sen máscara, facendo ruído ou en medio a unha fodiña cun non conviviente, non muda as cousas.

 

Vimos unha maxistrada recusar o habeas corpus, avalando dalgunha forma a violación do domicilio e, o que é aínda peor, vimos o Ministerio do Interior e a porta-voz do Goberno máis progresista que din tivo España, avalar tamaño desaforo

 

A acción non se sostén. É unha violación infame dos dereitos civís e abre unha porta perigosísima nunha deriva que podería acabar nun estado policial. Neste caso, por outra parte, os atropelos non foron cometidos nin por perroflautas nin por antisistemas nin por independentistas. Eran turistas ricos e no calabouzo acabou unha opositora a avogada do Estado, filla dun rexistrador da propiedade. Dígoo porque se callar isto permite que o ben pensantes, a xente de orde e até as dereitas sexan capaces de contemplar o acontecido sen protección auricular ideolóxica. É unha barbaridade policial que non poden tapar botando por cima ningún saco de preconceptos.

Ante esta sangrenta barbaridade contra os dereitos civís cometida por policías -en ambas as actuacións, coa presenza do mesmo subinspector, con número xx666-, poderiamos afirmar que temos un problema coa policía, que non teñen formación en dereitos fundamentais, que cren ser os amos do casarío. Poderiamos, mais resulta que vimos unha maxistrada recusar o habeas corpus, avalando dalgunha maneira a violación do domicilio e, o que é aínda peor, vimos o Ministerio do Interior e a porta-voz do Goberno máis progresista que din tivo España, avalar tamaño desaforo. É inconcibibel. Sabemos que puxeron de ministro do Interior o maxistrado que máis condenas custou a España por violación de dereitos humanos. Sabemos que moitos xuíces de instrución cren ser os xefes dos policías, motivo que debería animarnos a ir a unha instrución fiscal e á creación de xuíces de garantías. Sabemos que se puxo de moda en Españistán pensar que apoiar a policía é o guay e criticar os seus excesos pouco patriótico. Mais, como consentir que a porta-voz dun goberno de socialdemócratas e comunistas veña contarnos que está ben rebentar as portas dos apartamentos porque son turísticos? Dixo Montero que “non era morada, senón un apartamento turístico, contravindo a actual normativa sanitaria”. Un goberno con doutores en constitucional e con tres maxistrados! Un goberno que debería ser un campeón da defensa dos dereitos fundamentais e da pedagoxía para que sexan comprendidos! Vai ser que os socialdemócratas de aquí teñen un pequeno problema coa idea apoiar a policía e coa de demostrar ser xente de orde. Vímolo coa pontapé na porta e co apoio a certas tropelías anti-terroristas. Non se corrixen.

 

A democracia está a converterse nunha cuestión de meras maiorías de opinión e cada vez restan menos persoas capaces de detectaren o cheiro sacro dun dereito fundamental

 

Espero tamén que os liberais que neste país haxa sexan conscientes da deriva anti-democrática que supón avalar este tipo de accións policiais sen control xudicial. Espero que saian a dicilo porque na defensa dos dereitos civís non hai ideoloxías, só hai demócratas e partidarios dun sistema policial incompatiíbel coa democracia. Até o maxistrado Ollero, co seu selo opusino, foi capaz de plantarse ante os seus compañeiros do TC cando estes decidiron pisar principios sacros (véxase voto sentenza “puta bandeira”). Se el puido, vostedes poden e deben.

Estamos a chegar a un punto moi perigoso. Non existe nin coñecemento nin sensibilidade sobre dereitos e liberdades na cidadanía. Instruímos enxeñeiros, bioquímicos, físicos nucleares e esquecemos explicarlles o máis básico. A democracia está a converterse nunha cuestión de meras maiorías de opinión e cada vez máis acontece que restan menos persoas capaces de detectaren o cheiro sacro dun dereito fundamental. Isto ameaza con converter os principios básicos do estado de dereito en contra-maioritarios. Xa até na prensa cheira a xornalista que pensa que o seu non é fiscalizar o poder -tamén ao de coerción policial- senón preservar ás súas fontes de forma servil e acrítica.

Non sei con cantos homes xustos, capaces de cheiraren a degradación dos dereitos e liberdades, se salvará a democracia. Se dependese de Yahvé, talvez chegaría con dez, mais sendo que non existe e que temos que defendernos sós, non se onde está a liña alén da cal a estultice, a falta de fineza xurídica, o medo e a desidia acabarán arrasando o xa deteriorado estado de dereito que nos vai restando.

Pinta feo, Marlaska. Cheira mal, Sánchez.

Elisa Beni

El Nacional