O pasado 27 de abril, EsCULcA enviou Queixa ao Defensor del Pueblo en que solicita deste organismo inicie as xestións necesarias para que sexa revocada a medida e. sendo caso a normativa, que aplica a dirección do penal da Lama cando as persoas internas no centro manteñen comunicacións íntimas ou familiares ao abrigo do art. 45 RP, i.e. a reclusión en cela durante 10 o mais días en réxime de absoluto isolamento.

 

Concepción Arenal cuestiona impedimentos a visitar persoas ...

 

EsCULcA tivo coñecemento que as persoas presas que mantiveron comunicación ao abrigo do citado artigo do texto regulamentario son destinadas a un módulo especial. Neste módulo, son obrigadas a permanecer, en réxime de absoluto isolamento, as 24 horas do dia, sen ningún tipo de actividade, nin siquera a saída ao patio de tres horas (réxime de departamentos especiais) ou unha hora (réxime de sanción de isolamento en cela). Quer dicir, de feito, estes presos e presas son recluídos nunha situación de isolamento en celas ainda máis estrita que a equivalente a sanción de cumprimento en cela.

É preciso saber que, con carácter previo, as presas e presos son compelidos a asinaren o seu consentimento a esta situación e que, caso recusaren o consentimento, non poderán celebrar a comunicación. Un consentimento viciado, no parecer de EsCULcA, por canto non é libre e, sobretodo, porque o dereito da presa/o a celebrar as comunicacións é indisponíbel. Aliás, o réxime penitenciario é rexido polo principio de legalidade: de tal xeito que, por moito que consentir o preso ou a presa, se a medida de isolamento non ten respaldo legal e regulamentar, o seu consentimento de pouco vale. De feito, que a administración ampare unha medida ilegal nun pretenso consentimento mostra ás claras a ilegalidade do seu accionar.

Tamén fai constar EsCULcA na súa Queixa que esta situación é absolutamente nova. Até agora, as persoas que mantiñan unha comunicación vis-à-vis ao abrigo do art. 45 RP, eran obrigadas a levar máscara con carácter permanente e con acceso limitado, mais en modo algún a pasar un período de 10 ou máis días en reclusión solitaria.

O observatorio enfatiza así mesmo que as persoas con que comunican os presos e presas sometidas a esta medida non son positivas a Covid-19, o que é relevante porque as medidas de confinamento para as persoas en liberdade son adoptadas unicamente cando consta un contacto con persoa positiva.

Por estas razóns, conclúe EsCULcA, debe ser revocada de inmediato a práctica ou normativa infra-regulamentar ou, sendo o caso, os actos da Dirección do cárcere da Lama, onde foren aplicadas estas medidas tanto pola nulidade do consentimento (ao concorreren vicios) como por infrinxir o principio de legalidade da execución penal (ao non existir norma que ampare a aplicación deste réxime) e se vulnerar o dereito das persoas presas ás comunicacións.

Queixa