EsCULcA enviou o pasado 27 de abril Queixa ao Defensor del Pueblo para instar a súa actuación urxente e preferente en relación a limitación do dereito fundamental de manifestación e liberdade sindical durante a aplicación do RD 463/2020 de 14 de marzo. No seu escrito, o observatorio sinala que a manifestación convocada pola Central Unitaria de Traballadores-CUT para o 1º de maio foi desautorizada pola Sub-delegación do Goberno en Pontevedra e as concentracións levadas a cabo pola Confederación Intersindical Galega-CIG  no 23 de abril diante das Delegacións e Centros da Xunta foron obxecto de denuncia.

 

El Defensor del Pueblo ha recibido 1.000 quejas ciudadanas por el ...

 

Convocatorias, prohibicións e denuncias

Na súa comunicación, a CUT indicaba que na manifestación o dereito á saúde sería respectado de forma escrupulosa por canto decorrería en vehículos privados e as persoas, protexidas con máscaras e luvas, non abandonarían os vehículos en ningún momento. No entanto, a Sub-delegación do Goberno en Pontevedra, recibida a comunicación, respondeu que o RD 463/2020 non contempla entre as actividades excepcionadas para circular na vía pública o deslocamento de persoas para exerceren o dereito de manifestación e prohibiu a súa celebración.

Tamén a CIG convocou varias concentracións o día 23 de abril diante das Delegacións e Centros da Xunta e, apesar de que en todas estas concentracións foi respectada a distancia de seguranza entre as persoas que participaban, protexidas todas elas con máscaras, houbo casos en que a policía as identificou e abriu expedientes de sancións en aplicación do RD 463/ 2020.

Embora os feitos consignados na Queixa son referidos a casos producidos na Galiza, EsCULcA sinala que tamén ten coñecemento da prohibición dunha manifestación convocada pola organización política CUP, así como da convocatoria de varias caravanas de vehículos para o 1º de maio en localidades de Andalucía, Madrid, Zaragoza e Miranda del Ebro.

O estado de alarma non prohibe nin limita o exercicio de dereitos fundamentais

É un feito incontestábel, argumenta EsCULcA, que nin o RD 463/2020 nin as súas prórrogas prohiben ou limitan os dereitos fundamentais de reunión, na súa modalidade de manifestación nin de liberdade sindical. Non o fai no seu texto nin podería facelo por aplicación dos arts.11 e 13 da LO 4/1981 de 1º de xuño, onde a suspensión dos dereitos fundamentais só poderá ser acordada mediante a declaración do estado de excepción. Cuestión xurídica que o observatorio entende consta sobexamente ao Defensor del Pueblo.

Por outro lado, no exercicio do dereito fundamental a doutrina entende que o núcleo esencial do mesmo non debe resultar atacado, a non ser que sexa obxecto de suspensión. Por iso, o RD 463/2020 non pode atacar, mesmo coa finalidade de defender a saúde pública, o núcleo esencial do dereito de reunión  e manifestación. Poderá, iso si, impor a súa realización en condicións que non afecten o dereito á Saúde Pública (como certamente xa contemplan as organizacións convocantes) mais non afectar ao núcleo do dereito cunha prohibición de facto.

Así o manifestaron Tribunais de Garantías constitucionais como o TC Federal Alemán, que defende o dereito de manifestación tamén en tempos de pandemia e obrigou a revisar a prohibición dun protesto de activistas pro-democracia que solicitaran celebrar unha manifestación sob o lema “Fortalecer a saúde, non debilitar os dereitos fundamentais. Protección contra o virus, non contra as persoas”, en que participarían, segundo anunciaron, unhas trinta persoas. A manifestación fora organizada coidando de manter a distancia de seguranza esixida pola ordenanza con marcas no chan que indicarían a posición das persoas participantes.

EsCULcA demanda actuación de urxencia

EsCULcA non ignora que os Tribunais han se manifestar en concreto sobre cada unha destas recusas do Dereito de reunión, mais demanda do Defensor del Pueblo que, previa tramitación de expediente urxente, proceda a ditar recomendación -tamén urxente- ás administracións competentes para garantir a salvagarda do núcleo esencial do dereito de reunión e manifestación, así como do dereito de liberdade sindical e que estes dereitos poidan ser exercidos sen pór en risco a saúde pública (como acontecía nos supostos de que ten coñecemento o observatorio).

Se as instrucións que demanda non foren ditadas con carácter urxente e estas se produciren pasadas as datas da convocatoria e/ou unha vez levantado o estado de alarma, subliña EsCULcA, a actuación tuitiva do dereito perdería a súa efectividade.

Queixa