Quen somos

EsCULcA é un Observatorio de ámbito galego que traballa na defensa dos direitos e liberdades públicas garantidos na Constitución e nos Tratados Internacionais. Por disposición estatutaria non acepta ningún tipo de financiamento dos poderes públicos.

EsCULcA está fondamente preocupada polas severas limitacións impostas nos últimos tempos ao exercicio destes dereitos, así como polo endurecemento das medidas punitivas previstas no Código Penal ou a ausencia de medidas para pór fin ás graves vulneracións de que son obxecto outros dereitos, a pesar das críticas que organismos internacionais de DD.HH. e colectivos de defensa de dereitos fundamentais e liberdades públicas levan anos formulando aos sucesivos gobernos do Reino de España.

No noso entender, unha das tarefas que urxentes que debe abordar a sociedade civil é a restauración inmediata das garantías eliminadas nos últimos anos e á adopción de cantas medidas foren precisas para garantir o exercicio de dereitos básicos como os de expresión, reunión e manifestación, o dereito a non ser obxecto de tortura, o dereito a asilo, o dereito á saúde ou o dereito das persoas menores de idade con responsabilidades penais a un tratamento adecuado á súa condición. Tamén ha de urxir a revisión da lexislación que obstaculiza a separación do estado e as institucións relixiosas e a que ampara tratamento discriminatorio ás persoas migrantes para garantir o respecto dos dereitos sociais, económicos e culturais de todas as persoas, tanto individuais como colectivos.