Adeus ao silencio. Agur ao esquecemento. Mais non será un adeus nin un agur calquera, senón con timbre xudicial e unha irredutíbel esperanza de xustiza. Nesta cuarta-feira, o concello de Andoain radicará unha querela xudicial polos crimes cometidos durante o franquismo e a transición contra veciños desa localidade guipuscoana. 48 horas despois, as corporacións de Eibar e Bergara acudirán tamén aos tribunais para pedir xustiza.

 

Foto de archivo de una concentración realizada por la Plataforma Vasca contra los Crímenes del Franquismo. D.A.

 

Así, nun xulgado e xunto coas vítimas, os gobernos municipais que traballaron para levar adiante estas querelas dedicarán a súa última acción da lexislatura -no sábado confórmanse as novas corporacións- á memoria de quen sufriu a morte e a tortura. É, no fondo, un acto carregado de simbolismo, mais tamén un reclamo de verdade, xustiza e reparación para quen padeceu estes crimes.

‘Son medidas de última hora adoptadas polos gobernos municipais cesantes, antes de se formaren os novos e, aínda que moi xustos de tempo, consideramos que os actos son moi importantes para consolidar a implicación das institucións na loita contra a impunidade e garantila no futuro’, sinalou o colectivo memorialista Goldatu nunha nota de prensa.

En tal sentido, o papel dos grupos de memoria histórica foi chave á hora de impulsionar estas denuncias. ‘Aquí fixemos un relatorio sobre as vulneracións de dereitos humanos desde o 16 de agosto de 1936, até finais dos setenta. Incluímos persoas torturadas, mortas, feridas e exiliadas’, sinala Xabier Lasa, integrante do grupo de memoria histórica Oroituz de Andoain.

Non en balde, na querela que será formalizada nesta cuarta-feira comparecerán trece denunciantes, entre as cales hai algunhas vítimas de torturas por parte da Garda Civil no xa desaparecido cuartel de Andoain. ‘Aquilo foi un pequeno Intxaurrondo’, comenta Lasa. Así mesmo, entre os querelantes tamén estará un familiar de José Ramón Ansa, o mozo desa localidade guipuscoana que foi asasinado polo Batallón Vasco Español (BVE) en maio de 1979.

Torturado por Melitón Manzanas
No caso de Eibar, a demanda incluirá os casos de Mario Onaindia, Jon Etxabe e Enrique Gesalaga, quen foron xulgados no Proceso de Burgos. “Tamén aparecerá o testemuño da viúva de Imanol Azpiur, un veciño de Eibar que en 1961 foi brutalmente torturado polo comisario Melitón Manzanas”, adiantou Josu Ibargutxi, integrante de Eibarko Memoria Taldea e da Plataforma Vasca Contra os Crimes do Franquismo. Ademais, denunciarase o caso de Roberto Pérez Jáuregui, un mozo que morreu por disparos da Policía en decembro de 1970, durante unha manifestación contra o Proceso de Burgos.

Segundo puido confirmar o xornal Público, na denuncia que formulará o concello de Bergara -prevista para a sexta-feira nos xulgados desa localidade- tamén figuran polo menos dúas vítimas de torturas nos anos sesenta e setenta, así como unha vítima non mortal dun atentado do BVE.

“Xunto a eles incluiranse testemuños de vítimas da represión franquista”, relataron desde a asociación Intxorta 1937 Kultur Elkartea. Entre esas vítimas hai seis persoas fusiladas, catro desaparecidas, unha presa e un exiliado -o último alcalde de Bergara antes da ditadura, Víctor Ignacio Zubizarreta-.

Desta feita, os concellos de Andoain, Eibar e Bergara -gobernados durante a última lexislatura por EH Bildu, PSE e PNV respectivamente- súmanse á listaxe de corporacións que levaron os crimes franquistas aos xulgados. Entre eles están Arrasate, Elgeta e Iruña, cuxas demandas xa foron inadmitidas polos tribunais.

Danilo Albin

Público