Unha sentenza do Supremo consideraba prescritos crimes como o de Reboiras; porén, recentes resolucións do Consello europeo dos dereitos humanos e da ONU “requiren o Estado español para que os investigue”, apunta a avogada de Ceaqua Irene Álvarez.
.
.
A querela polo asasinato de Moncho Reboiras cuestiona a impunidade dos  crimes do franqu...photo_camera Manuel Reboiras ensina a querela criminal polo asasinato do seu irmán, Moncho Reboiras. (Foto: Nós Diario)

“Non podo expresar todo o que sinto”, afirmaba esta sexta feira a Nós Diario desde as portas dos xulgados Manuel Reboiras, irmán do dirixente da Unión do Povo Galego (UPG) asasinado en 1975. “Pasaron 48 anos e os sentimentos seguen a flor de pel”, recoñecía emocionado. Como representante da familia, Manuel explicaba que o que procura a presentación desta querela é que “se faga a Moncho o que non se lle fixo até o de agora: xustiza”.

Manuel Reboiras estivo arroupado por representantes de Ceaqua, a Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina, na Galiza, cuxo equipo xurídico é o que elaborou a querela. “O asasinato de Reboiras é un asasinato en concurso con crime de lesa humanidade. É un crime de Dereito Internacional e o Estado español ten a obriga de xulgalo”, sinalou a este medio a avogada Irene Álvarez, integrante dese equipo. 

A querela, súmase ás 80 presentadas no conxunto do Estado da man de Ceaqua “por persoas que demandan que se investiguen e axuícen os crimes contra a humanidade cometidos pola ditadura franquista”, salientan desde a entidade.

Álvarez informa de que todas esas querelas foron inadmitidas a raíz dunha sentenza do Tribunal Supremo que consideraba eses crimes prescritos. Porén, a avogada apela ás recentes resolucións do Consello europeo dos dereitos humanos e da ONU que “requiren o Estado español para que investigue eses crimes”.

Responsalidades

Celso López, de Ceaqua, incidía esta sexta feira en conversa con Nós Diario en que crimes como o cometido contra o dirixente nacionalista “non foron perseguidos”, “os verdugos non pagaron” e situaba “a impunidade, que marcou o proceso de transición” como o eixo que explica que todos eses delitos —”asasinatos, torturas…”—ficasen sen castigo.

Tanto López como Irene Álvarez quixeron agradecer expresamente o traballo que se desenvolve nestes anos desde a área de memoria da Deputación de Pontevedra en relación ás vítimas e represaliados polo franquismo. como exemplo “do que si hai que facer”. 

En Ferrol estiveron tamén para amosar o apoio á familia de Reboiras o ensaísta e dirixente histórico da UPG Francisco Rodríguez e varios representantes do BNG, como o deputado no Congreso español e actual secretario xeral da UPG, Néstor Rego —que reclamaba “verdade, xustiza e reparación”.

Nós Diario