Ramiro García de Dios foi xuíz 31 anos, até se xubilar en 2018. A súa defensa dos dereitos e liberdades recoñecidos na Constitución valéronlle varias denuncias de membros da Policía.

 

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

 

Como xuíz, tivo unha relación diaria coa Policía durante boa parte deste período democrático de España. Considera suficientes os mecanismos de control que hai sobre este corpo?

A miña experiencia ao longo de 31 anos permíteme concluír que hai unha insuficiencia no control das actuacións policiais, tanto desde os mecanismos de control internos do propio subsistema policial, como son as brigadas de asuntos internos, como, por suposto, de control externo, quer dicir, a actividade xurisdicional tanto pola vía penal como contencioso administrativa. É certo que no plano teórico existe un leque de posibilidades de control, mais non é menos certo que en relación coas irregularidades do subsistema policial, xa sexan actuacións arbitrarias, violentas ou doutro tipo, o sistema xudicial, nuns casos, olla para outro lado, noutros, é complacente. E, desde logo, foron consaagrados unha serie de privilexios no tocante á investigación xudicial e o proceso penal daqueles casos ilícitos cometidos por axentes como torturas, malos tratos, detencións ilegais, abusos contra a dignidade das persoas. Por exemplo, todos os policías gozan dun foro en relación cos delitos cometidos no exercicio dos seus cargos e, por iso, en vez de seren xulgados polo penal, son xulgados por audiencias provinciais, o que lles garante o recurso de casación, ao que un cidadán normal só ten acceso en determinados casos. Alén diso, calquera estudoso poderá observar como as escasas condenas a axentes por accións no exercicio do seu cargo terán penas non precisamente acordes coa gravidade dos delitos. Noutros casos, as condenas brillaron pola ausencia e noutras non poucas ocasións, cando existiron condenas graves, o Tribunal Supremo ou as Audiencias Provinciais pediron o indulto e os gobernos concedéronos.

Como se traduce esa ‘impunidade’ no seu labor?

Na pregunta vai incluída a resposta porque esa garantía dunha certa impunidade produce que o subsistema policial se reforce nas súas prácticas arbitrarias, na súa resistencia cultural, activa ou pasiva, á aplicación garantista do Dereito e, por suposto, nunha interpretación reductora dos dereitos, liberdades e garantías. Así, en xeral, os axentes teñen unha autoconciencia de poderen actuar arbitrariamente porque se senten amparados polo poder Executivo ou polo distanciamento do control xudicial a respecto das súas actuacións. Un distanciamento que se traduce nesa consideración de os axentes seren funcionais á necesidade dun sistema eficiente en relación coas garantías. Esta impunidade produce o que Walter Benjamin dixo cando definiu á Policía como unha mistura de dúas especies de violencia: a que pon o dereito e a que o conserva.

En 2016, o sindicato Unión Federal de Policía formulou unha queixa xunto do Consello Xeral do Poder Xudiciario (CXPX)  en que acusaban de ‘trato déspota’ uns axentes antidisturbios no CIE de Aluche por lles recriminar que fosen con armas de fogo, con coletes antibalas, cascos… nunha visita que realizou ao mesmo como xuíz de control con outros maxistrados.

Que loita de poderes se libra cando a Policía denuncia un xuíz por esixir o cumprimento da lei?

Ningunha das denuncias que tiven que aguentar ao longo da miña carreira como xuíz me perturbou ou desasosegou, porque estou afeito a coñecer as actuacións irregulares da Policía. No caso das que interpuxeron sindicatos policiais polo meu labor como xuíz de control do CIE de Aluche, porque tamén as recibín como xuíz de instrución, viñan promovidas polo xefe de seguranza -posteriormente director do centro- ou por outros axentes co fin de amedrontarme. E son consecuencia dunha Transición absolutamente infeliz que non rompeu cos aparellos represivos da ditadura franquista polo que os axentes pensan que un xuíz garantista é perigoso para as súas actuacións policiais. O que máis incomodou ao director do CIE de Aluche, como a outros axentes, foi que como xuíz tivese actuacións de control garantista das súas actuacións en relación cos dereitos e liberdades das persoas en privación de liberdade, xa fose alí, nun cárcere ou nos calabouzos dunha comisaría.

Como definiría a linguaxe específica que se emprega nos atestados policiais?

É unha linguaxe que se aplica cando se trata de manipular a realidade para así mascarar as irregularidades en relación coas actuacións policiais sobre persoas que non fixeron nada. Un exemplo sería: “Que X ía camiñando de forma atenta e tratando de ocultarse e ao ver a presenza policial mudou de beirarrúa en actitude fuxidía, co cal fixo sospeitar aos axentes da posibilidade de comisión dun delito, polo cal lle deron o alto, e entón o suxeito tratou de zafarse da actuación policial, polo que os axentes foron obrigados a desencadear a forza proporcional”. Estes son os termos habituais: “actitudes sospeitosas”, “fuxidías”? Outro exemplo sería cando hai xente nova sentada nun banco, pasa un vehículo policial e no atestado din que esas persoas riron ao pasaren eles e “portanto, os axentes víronse obrigados a chamarlles a atención. Os mozos atiraron insultos e… Así vai engordando o atestado policial até xustificar unha detención absolutamente irregular ou o uso da forza de maneira ilexítima sobre esas persoas.

Tamén topamos con atestados máis complexos como os que elaborou o tenente coronel Baena da Garda Civil sobre o Procés, onde se vai facendo un relato absolutamente trapaceiro, en que se misturan suposicións, presuncións, xuízos de valor e sospeitas. E con todo iso, pretende construír un atestado como un mecanismo expresivo de fontes de probas ou de indicios da comisión de delitos. No caso do Procés saíron condenados polo Supremo, mais isto tamén pode lerse nos atestados que elaboraron o mesmo Baena e o coronel Pérez de los Cobos sobre o Major Trapero. Na sentenza faise unha crítica das declaracións destes dous mandos da Garda Civil que, mediante suposicións, trataron de involucrar o Major, a intendente Laplana e outros mandos da Generalitat como autores de delitos de rebelión ou sedición. Construíron atestados que elevaban as súas opinións, e nalgúns casos afirmacións carentes de sustento real, a pretendidos indicios para así fundaren probas de cargo.

Tamén seguiu con atención o caso de Isabel Serra, condenada pola súa participación no protesto para paralisar un despexo en Madrid.

Foron por ela. Unha das axentes da Policía Municipal coñecíaa, sabía que era unha líder estudantil e de movementos sociais. Por mor dos protestos contra ese despexo, ela e outros axentes articularon un relato en que fixan unha serie de feitos e colocan Serra como partícipe deles. Ela estaba alí e producíronse eses feitos, mais nin ela lanzou botes, nin pedras nin nada, nin proferiu insultos ou empurróns contra ningún axente. Os feitos ocorreran anos atrás e chamoume a atención como a axente municipal verbalizou un relato construído de memoria de acordo co que dixeran no atestado. Na xurisdición penal a declaración dun policía non goza da presunción de verdade como nunha denuncia polo contencioso-administrativo. Mais hai unha degradación do sistema xudicial pola que se tende a dar máis veracidade á declaración dos policías. E por iso foi inxustamente condenada.

Viu unha evolución no padrón das prácticas irregulares da Policía nestes 30 anos?

Hai menos denuncias por malos tratos policiais que nos anos 90, mais mantense o tipo de persoas detidas ou abordadas por actuacións policiais. Nos nove anos que fun xuíz de control do CIE de Madrid houbo moitas denuncias por trato verbal degradante, de contido racista, humillante, xenófobo. E iso si se mantivo.

O goberno de Rajoy mudou a cesión da formación da Academia Policial de Ávila da universidade pública á privada Universidade Católica de Ávila. Como influíu nos seus programas educativos?

Non teño coñecemento de como se deron os contidos, mais si de que os programas de formación da Academia de Ávila non son o rigorosos que deberían ser en materia de dereitos humanos, de comprensión por parte da policía sobre a práctica acorde a eses dereitos e na interiorización de que os axentes deben ser uns servidores públicos e os principais garantes no respecto da dignidade das persoas. Hai unha ausencia de programas formativos que contribúan a dotar os axentes da Policía dun caudal de coñecementos ben claros, precisos e interiorizados de que deben de actuar sempre en defensa da liberdade, a integridade física e moral e a dignidade das persoas sen incorreren en falsificacións, falsidades ou omisións.

Mais vostede sostén que esta fraxilidade no respecto dos dereitos fundamentais por parte de axentes da Policía é útil ao poder Executivo.

É funcional ao poder Executivo precisamente porque este pretende que a Policía sexa eficiente para dar tranquilidade ás pretensións que existen en sectores sociais en relación co que poderiamos chamar a alarma social e os mecanismos de defensa social. Se collemos, por exemplo, o tema de actualidade das chamadas ocupacións de vivendas, é evidente que se a Policía actúa irregularmente en relación coas mesmas, hai sectores sociais que van aplaudir esa resposta e, portanto, ao poder Executivo non lle desagrada que se produzan ese tipo de actuacións.

Nos anos 90, sendo ministro Corcuera, tratouse de dar legalidade, através da primeira lei de seguranza cidadá -a chamada lei do pontapé na porta- a que o policía puidese entrar nun domicilio dicindo que se está cometendo un delito flagrante cando isto só se pode afirmar se se vé que se produce. Trátase dun exemplo máis para explicar por que estas actuacións policiais son eficientes e, portanto, o poder Executivo olla para outro lado ou trata de evitar a súa persecución.

Tamén chama a atención que en tanto os mossos d’Esquadra aprobaron que os seus axentes antidisturbios leven un sistema de perfecta identificación con números curtos e visibeos nas costas, o casco e na parte frontal, na Policía Nacional e na Garda Nacional calquera pode comprobar que é moi difícil a captación desas identificacións. Trátase doutro medio máis para garantir a impunidade. É máis. Os axentes do subsistema policial negáronse en numerosas ocasións a que sexa filmado o que ocorre nas salas de interrogatorios. Nos xulgados grávanse todos os interrogatorios e os xulgamentos. Mais parece que ao subsistema policial o incomoda.

Xulgou casos de irregularidades na Policía?

En 31 anos, só tiven dous casos que afectaban axentes. Un foi en Bilbo, en relación con policías que falsificaban pasaportes para o tráfico de mulleres con fins de explotación sexual. E outro en Madrid, polo que varios axentes practicaban subornos.

É habitual que un policía denuncie outro axente por prácticas irregulares? O sistema policial favorece ou o castiga esa práctica?

Depende do tipo de actuación que se denuncia. Se é relativo a prácticas de corrupción, de conexións con narcotraficantes ou con delincuentes que se aproveitan de confidencias dun axente, as brigadas de asuntos internos fano o mellor que poden porque se trata das accións que eles consideran que “poden manchar o bo nome do corpo”. Outra cousa é cando se trata de denuncias por malos tratos, torturas, humillacións, agresións verbais, por golpear persoas… Entón hai un fecharse na concha do resto de compañeiros que o consideran un traidor. Por iso é moi difícil achar axentes dispostos a denunciar. Así que a protección real dese axente dependerá de se a denuncia chega a asuntos internos e de que esta brigada actúe sen revelar o nome do denunciante.

Numerosas investigacións demostraron que na Alemaña, Italia e Francia hai un verdadeiro problema pola cantidade de membros das Forzas e Corpos de Seguranza do Estado e do Exército afíns e/ou membros de organizacións filonazis e ultradereitistas. En España, VOX desenvolveu desde o seu inicio unha estratexia para gañar o apoio de policías, garda civís e militares. Está conseguindo?

Reformeime hai dous anos, así que como xuíz non tiven un número de casos que me permita concluír a existencia dunha conexión forte de axentes de policía con VOX. O que si vin ao longo do meu exercicio xudicial en relación con axentes de policía imputados ou testemuñais, sobretodo na xurisdición penal, son numerosas expresións e declaracións de pensamento neofranquista e reaccionario. E como cidadán estou atento á realidade e esta dime que, maioritariamente, o sindicato JUSAPOL non é máis que un sindicato de VOX metido na Policía Nacional e na Garda Civil. E hai outro dato: a análise das zonas de votación demostra que onde existen acuartelamentos da Policía Nacional e da Garda Civil hai un maior número de votos a VOX.

A Transición fíxose como se fixo e non creo que houbese unha conversión repentina do que pode ser o aparello militar a uns principios plenamente democráticos. Hai que pensar que a Lei de Seguranza Cidadá, a Lei Mordaza, foi elaborada en grande parte por comisarios da Policía e por mandos da Garda Civil. É un proxecto do Executivo que na altura estaba gobernado polo PP, que foi aprobado polo poder lexislativo. Mais a Lei Mordaza non é unha lei ideolóxica do PP senón unha lei ideolóxica do subsistema policial.

Patricia Simón

La Marea