En plena conmoción social polo asasinato da moza Laura Luelmo, a alcaldesa de Logroño, Cuca Gamarra, do PP, avogou nesta terza-feira por erradicar a violencia contra as mulleres, “esa secuela que enraíza nos peores abismos da sociedade”, dixo. Até aí todo normal. O que xa renxe un pouco máis é a proposta de Gamarra para solucionar este grave problema: pedir o amparo da Virxe da Esperanza, patroa de Logroño, para que faga “prevalecer os bos sentimentos, a xustiza e a igualdade”.
Na misa en honra á patroa e alcaldesa maior da capital rioxana -a Virxe-, celebrada na Igrexa de Santiago, contouse tamén coa asistencia do presidente do Goberno da Rioxa, José Ignacio Ceniceros, e da presidenta do Parlamento rexional, Ana Lourdes González, así como máis membros da Corporación municipal e do Executivo rexional, entre outras personalidades.
Na súa alocución, Gamarra chamou a patroa a “sementar os corazóns de amor e non de forza e despropósito” e engadiu: “Encomendámosche todas as vítimas e ás súas familias; en especial, a última muller a que roubaron os soños, o futuro; a Laura e os seus seres queridos”.
Igualmente, Gamarra avogou perante a Virxe da Esperanza porque “baixo o teu amparo, ese anhelo de entendemento e concordia entre os españois, entre sociedades e entre forzas políticas estará moito máis próximo” e apelou para ese entendemento “chegar tamén a aqueles que fixeron da forza e da violencia o seu obxectivo de vida”.
“Rógoche que nos ilumines para promover o diálogo e o consenso, a tolerancia e o respecto mutuo, a xustiza e a equidade. Que quen nos debemos á nosa sociedade logroñesa como servidores públicos reforcemos os alicerces da nosa convivencia en liberdade ao redor das regras e principios que nos quixemos dar, ao redor da concordia”, proseguiu a alcaldesa.
Gamarra pediu a patroa da cidade que axude, así en xeral: “Axúdanos a escoitar, a estar preto dos problemas e non a fuxirmos deles, guíanos nese camiño quen ten a responsabilidade de adoptar decisións, fronte ao distanciamento que pode implantarse”.
Igualmente, pediu á Virxe da Esperanza que tamén ilumine “os responsabeis sociais e económicos para que sirvan con xenerosidade o interese xeral e favorezan sempre a cohesión social en Logroño e o entendemento entre os logroñeses”.
No seu discurso, Gamarra finalemente tivo unha lembanza para “quen menos ten, os que sofren, os doentes, os marxinalizados e os excluídos sociais”.
Tamén pediu moi especialmente polos idosos da cidade “para que non padezan nin un só instante a amargura que xera a soidade\” e polas crianzas, para que manteñan \”a súa inocencia, a súa ilusioón, a súa imaxinación e o seu sorriso”.
“Non é tempo de desánimo, senón de moito traballo e dedicación; tempo de rigor e de grandes valores éticos para reemprendermos xuntos, con solidez e formulacións integradoras, o camiño de progreso, emprego e benestar”, concluíu a alcaldesa de Logroño.
Público