Unha concentración reclamou na pasada sexta-feira ante a Delegación do Goberno español en Nafarroa a desclasificación dos papeis dos sanfermíns do 78 e que o que naquela altura era ministro de Interior, Rodolfo Martín Villa, sexa procesado por este e outros feitos.

 

Concentracion78                                               Concentración fronte á delegación do Goberno español en Nafarroa. (@SF78gogoan)

Ramón Contreras, da asociación memorialista Sanfermines 78 Gogoan, indicou que a concentración celebrada en Iruñea é parte da campaña estatal “Xuízo a Martín Villa” que quer «reivindicar xustiza para os crimes da transición».

Despois de indicar que o ex ministro fora escollido como símbolo por ser «un personaxe emblemático», engadiu que con el «houbo unha represión masiva en todo o Estado» pola que aínda se lle poden pedir responsabilidades xa que é unha persoa viva e está sinalado como imputado na querela Arxentina e noutras de organizacións como Sanfermines 78 Gogoan».

Por iso durante a concentración, encabezada por unha pancarta coa imaxe de Martín Villa e a palabra impunidade riscada, mostráronse cartaces cos nomes das 80 persoas por cuxas mortes as persoas concentradas reclamaban responsabilidades.

Ademais, a concentración serviu para esixir a desclasificación dos papeis sobre os acontecementos dos sanfermíns do 78, en que morreu dun disparo o mozo Germán Rodríguez e varias decenas de persoas resultaron feridas.

«Tivemos dificultades durante 41 anos para acceder á documentación deses feitos e mesmo aos sumarios que se abriron e fecharon para o ano 82, dos que non temos copia para poder fundamentar moita máis unha posíbel querela ou para coñecer mellor a verdade», comentou.

E denunciou que lles foran negados “en todas partes os relatorios que sabemos había, os que se presentaron no Congreso e os que elaboraron a delegación do Goberno e os distintos corpos policiais, cando cremos que é un dereito esencial de toda a cidadanía o acceso á verdade, coñecer eses relatorios para un relato con visos de realidade».

Ramón Contreras admite contodo que «é difícil conseguir nestes tempos líquidos» unha cousa e a outra «porque un día fai sol e no outro baixa a temperatura dez graos», mais «é unha loita que hai que levar» aínda que «non confiemos moito na xustiza ou en que se abran os documentos», protexidos por unha lei de segredos oficiais rubricada por Franco en 1968, lembrou.

Naiz