O grupo municipal do BNG esixe ao alcalde de Compostela que cumpra o acordo plenario do 20 de xullo de 2017 sobre a eliminación de porras extensíbeis, entre outras armas, por parte das forzas e corpos de seguridade nas mobilizacións cidadás que se produzan na cidade. Apesar deste acordo plenario, na última Xunta de Goberno aprobouse a compra de material deste tipo para a Policía local.

 

Intervención policial ante las protestas contra el desalojo de un inmueble okupado del casco histórico de Santiago.

Na relación de prendas para renovar os uniformes da Policía local que vai comprar o Concello de Santiago de Compostela, figuran 21 defensas extensíbeis con funda por un importe máximo de 4.725 euros e 11 defensas semirríxidas con tahalí por 275 euros. Estas armas poden provocar a rotura de costelas, contusións cervicais e traumatismo cranioencefálico, como recoñecen sentenzas que describen lesións producidas por membros de forzas de seguranza co seu uso.

Por estes motivos, o BNG reclámalle a Martiño Noriega que revise este contrato asinado polo concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e pola concelleira de Economía, Facenda e Administración, María Rozas, que foi aprobado na Xunta de Goberno de 22 de setembro de 2017, para evitar a compra de material que o Pleno acordou non utilizar polas lesións que pode provocar.