No último Pleno municipal do Concello de Santiago de Compostela, Rubén Cela (BNG) reclamou o acordo da corporación para demandar a eliminación das balas de goma nos dispositivos das forzas e corpos de seguranza cidadá en operacións relacionadas con mobilizacións cidadás, despois das actuacións controvertidas e perigosas dos axentes na cidade en días anteriores.

 

Cela lembrou que xa en febreiro de 2013 o seu grupo municipal do levara a debate do Pleno unha moción, que non fora atendida, para reclamar que a eliminación de balas de goma dos dispositivos das forzas e corpos de seguranza nas mobilizacións cidadás.

Agora, despois das mobilizacións que se produciron como consecuencia do despexo do CSO Escárnio e Maldizer en que axentes das unidades anti-disturbios empregaron estas balas “nun entorno de rúas estreitas como as da zona vella de Santiago onde poden rebotar até en varios ocasións e acabar dándolle a calquera persoa en calquera parte do corpo (incluidos ollos ou ouvidos)”, insiste na necesidade de eliminar este tipo de armamento.

“A policía española é das poucas na Unión Europea que as segue a empregar”, afirmou. “Levámolo dicindo moitos anos porque está demostrado que proxectís de goma dun peso de 90 gramos e capaces de alcanzar velocidades de máis de 200m/s (é dicir, máis de 720 km/h) poden causar danos permanentes nos órganos vitais, ao seren dificilmente controlábeis os disparos porque, polas súas características, non seguen unha traxectoria definida e prefixada e moito menos nun entorno de rúas estreitas como as da zona vella de Santiago onde poden rebotar até en varios ocasións e acabar dándolle a calquera persoa en calquera parte do corpo (incluidos ollos ou ouvidos). Doulles un dato: no estado español desde 1990 até agora máis de 25 persoas perderon un ollo a causa destas balas de plástico. Cando trouxemos esa moción o Partido Popular votou en contra. Afortunadamente, no Parlamento Europeo máis sensíbel a este tipo de cousas, ten instado aos países membros á prohibir o uso dese tipo de armas contra a poboación civil. Desgraciadamente, o estado español fai caso omiso”, subliñou.