O deputado Néstor Rego (BNG), rexistra iniciativas na cámara baixa solicitando ao Goberno do Estado que reclame a posta en liberdade de Ahmad Saadat ao Goberno de Israel, así como todos os presos e presas políticas palestinas. Rego demanda a intervención do executivo estatal para pór fin á represión israelí contra o pobo palestino, empregando todas as ferramentas admitidas no dereito internacional, a comezar pola utilización das relacións diplomáticas, para que Israel respecte as normas, disposicións e resolucións internacionais.

 

Ahmed Saadat, líder palestino de izquierdas encarcelado por la ocupación israelí - Boltxe

 

 

Na actualidade, máis de 4.500 palestinos e palestinas están retidos irregularmente en prisións israelís. A meirande parte destas persoas non foron xulgadas e, cando o foron, o xulgamento foi levado a cabo sen ningún tipo de garantías. Unha práctica que se suma á detención, por parte da policía e o exército israelí, de civís palestinos durante semanas sen que chegue a materializarse algunha acusación formal contra eles.

“O caso de Ahmad Saadat forma parte dos numerosos casos irregulares levados a cabo polo Goberno do Estado de Israel. É deputado do Consello Nacional Palestino e Secretario xeral da FPLP, unha das principais organizacións políticas palestinas” explica o deputado. Rego tamén lembra que Ahmaad leva vinte anos privado de liberdade e, durante todo este tempo, a súa detención “foi denunciada en repetidas ocasións a nivel internacional polas irregularidades no seu xuízo”.

O deputado nacionalista denuncia que todos os cargos que se presentaron en contra de Ahmaad están baseadas en consideracións políticas. “Entre as entidades que exixiron a posta en liberdade do deputado do Consello Nacional Palestino figura a Unión Parlamentaria- que agrupa Parlamentos de máis de 170 estados entre os que está o Estado español-” enfatiza Rego, sumándose así á iniciativa da principal organización de apoio aos presos palestinos que está a por en marcha, entre o 15 e o 22 de xaneiro, unha semana de accións en solidariedade para reclamar a liberdade de Ahmad Sa’adat cando se completan 20 anos do seu encarceramento.

Por este motivo, Rego pide ao Goberno do Estado español que reclame a posta en liberdade de Ahmad Saadat. Esta solicitude faina extensiva a todas as persoas presas políticas palestinas, retidas de maneira irregular polo Estado de Israel. Así mesmo, o Goberno do Estado “debe intervir para pór fin á represión israelí contra o pobo palestino”.

“O executivo estatal ten que empregar todos os mecanismos e ferramentas posíbeis, a comezar polas relacións diplomáticas e o resto de medidas admitidas en dereito, para conseguir que Israel respecte as normas, as disposicións e resolucións internacionais respecto do conflito palestino” conclúe Néstor Rego.