A dinámica # SOSPresoakCovid19, integrada por Salhaketa Nafarroa, Etxerat, Altsasuko Gurasoak e Sare Herritar, presentou na mañá un vídeo apoiado por diversas entidades defensoras de dereitos humanos do Estado español e fixeron público o acto que organizaron para o vindeiro día 4 de xullo ás 12.30 horas na Praza do Castelo de Iruña.

 

 

• Máis de 8000 persoas cumpren condena fóra do seu lugar de arraigamento en todo o Estado español

• A iso habería que sumar as 7.600 persoas presas respecto das que a Secretaría Xeral non coñece o seu lugar de arraigamento

A dinámica # SOSPresoakCovid19, integrada por Salhaketa Nafarroa, Etxerat, Altsasuko Gurasoak e Sare Herritar, presentou na mañá do dia 26 un vídeo apoiado por diversas entidades defensoras de dereitos humanos do Estado español e fixo público o acto convocado para o vindeiro día 4 de xullo ás 12.30 horas na Praza do Castelo de Pamplona.

A dinámica # SOSPresoakCovid19, que nace á calor das peticións que diversas entidades de dereitos humanos de todo o Estado español veñen realizando en relación aos dereitos das persoas presas na xestión da crise sanitaria, foi dada a coñecer no pasado mes de abril. Agora reclama aos Gobernos de España e Nafarroa medidas para garantir o dereito á saúde e á dignidade das persoas presas. Estas propostas, que teñen amplo apoio na sociedade navarra, son tamén reivindicadas por diversos colectivos e asociacións de defensa dos dereitos humanos en todo o Estado español.

O Goberno español continúa a non aplicar as recomendacións de organismos internacionais que reclaman á liberación de persoas presas, nomeadamente daquelas que pertencen a colectivos especialmente vulnerabeis ao contaxio da Covid19: as persoas de máis de 65 anos de idade, as que padecen doenzas crónicas, as mulleres grávidas ou con crianzas que viven con elas nos cárceres.

Co progreso nas fases de desconfinamento, as asociacións e colectivos esixiron que o proceso fose conducido no interior dos cárceres cos mesmos criterios que se aplican ás persoas en liberdade e de maneira simultánea ao resto da sociedade. Mais a realidade mostra que non é este o camiño escollido polo goberno. En tanto na rúa estamos xa na fase da “nova normalidade”, nos cárceres, até onte mesmo, non se tiñan recibido instrucións da SGIP alén das referidas á “fase 2”. A día de hoxe as visitas ainda non foron restablecidas con máis de 2 familiares nin foron reiniciadas as comunicacións cara a cara. Continúan sendo obrigatorias as cuarentenas á volta de calquera saída ao exterior e tampouco se retomaron todas as actividades no interior das prisións… É necesario pór datas límites a estas situacións que supoñen unha absoluta vulneración dos dereitos das persoas presas. As medidas feitas públicas no día de onte pola Secretaría Xeral para a “nova normalidade” nos cárceres chegan, máis unha vez, tarde demais. De resto, son instrucións pouco claras e que volven deixar ao arbitrio de cada penal a forma e os tempos da súa implementación. Digamos, no entanto, que si se quere sinalar a competencia das autoridades sanitarias das Comunidades Autónomas para regular a actuación que debe ser aplicada nas prisións.

Esta pandemia visibilizou a vulnerabilidade engadida que sofre a poboación recluída e evidenciou a conculcación dos seus dereitos e dos dereitos dos seus familiares. É necesario sinalar tamén que as persoas presas que cumpren condena lonxe do seu lugar de arraigamento sufriron esta vulneración de dereitos con maior rigor. Non puideron comunicar coas súas familias nos locutorios, separados por mamparas de vidro, porque a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias non as autorizou a viaxar a outras comunidades autónomas. Tampouco puideron desfrutar de licenzas de saída se o seu domicilio non estaba na mesma provincia porque, tampouco nestes casos, foi autorizado o deslocamento.

Queremos lembrar que a Lei Xeral Penitenciaria establece o dereito das persoas presas a cumpriren condena no seu lugar de arraigamento e que corresponde á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias determinar o lugar de cumprimento de cada persoa. Facer efectivo este dereito é, portanto, responsabilidade súa. Os datos oficiais da propia Secretaría revelan que esta vulnera sistematicamente ese dereito. No caso de Nafarroa un total de 184 persoas -navarras ou con arraigamento en Nafarroa- cumpren condena en diferentes prisións fóra da Comunidade Foral. No caso da Galiza ainda son mais, un mínimo de 234 persoas están en cárceres de fora do noso territorio. Son 564 no caso de Cataluña e 1.093 no caso de Andalucía… A iso habería que sumar ás máis de 7.600 persoas presas das cales a Secretaría Xeral afirma non coñecer o lugar de arraigamento.

Por todo iso, agora que finalizou o estado de alarma, interpelamos máis unha vez os gobernos de Madrid e os autonómicos para que, cada un no seu ámbito de actuación, poñan mans á obra e adopten de forma urxente as medidas necesarias para garantir os dereitos das persoas presas e conseguir que sexan transferidas o máis rapidamente posíbel a cárceres do lugar en que teñen arraigamento familiar ou social.

Non podemos agardar que un eventual retroceso ou un novo surto da COVID-19 volva cercear os xa exíguos dereitos das persoas presas.

Colectivos asinantes:

#SOSPresoakCovid19 (Salhaketa NafarroaEtxeratAltsasu GurasoakSare Herritarra).

A.L.A (Asociación Libre de Abogadas y Abogados de Madrid).

A.L.A.Z (Asociación Libre de Abogadas y Abogados de Aragón).

A.P.D.H.A (Asociación Pro derechos Humanos de Andalucía).

C.A.M.P.A (Colectivo de Apoyo a Mujeres Presas en Aragón).

Comisión Legal Sol.

Esculca (Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades).

Federación andaluza ENLACE.

Iridia – Centre per la Defensa dels Drets Humans.

Observatori del Sistema Penal i els Drets Humans (OSPDH) de la Universitat de Barcelona.

Oteando (Observatorio para la Defensa de los Derechos y Libertades).

Salhaketa Bizkaia.

Salhaketa Araba.