Palestina.gal rexistrou peticións na Cámara galega en demanda dun pronunciamento solidario  contra as prácticas carcerarias de Israel por parte dos grupos na Semana das Prisioneiras e Prisioneiros Palestinos.

 

 

Palestina parlamento galego
 Membros de Palestina.gal ás portas do Parlamento galego.

.

 

O colectivo Palestina.gal pide dos grupos políticos con representación no Parlamento galego (PP, BNG e PSdeG) “un pronunciamento solidario” contra a tortura e pola liberación das presas e presos políticos nos cárceres de Israel, e reclama da Cámara unha declaración institucional a favor do respecto aos dereitos do pobo palestino.

Representantes da plataforma rexistraron na mañá desta cuarta feira sendas peticións no marco das actividades da Semana das Prisioneiras e Prisioneiros Palestinos, en que se denuncian “os abusos, torturas e malos tratos que comete Israel”.

 

 

                                             Representantes de IPalestina.gal no rexistro do Parlamento de Galiza

 

No escrito dirixido aos grupos políticos, a plataforma solicita un pronunciamento a favor do “respecto ás garantías democráticas nas institucións penitenciarias, a prohibición das torturas e os réximes de illamento, a fin das detencións e procesos xudiciais arbitrarios e a liberación das presas e presos políticos, nomeadamente dos menores e das persoas idosas e doentes que Israel mantén nos seus cárceres”.

Ademais, con motivo da celebración o 15 de maio do día da Nakba, que conmemora a catástrofe de 1948 co inicio da expulsión da terra propia, o espolio, o exilio e a diáspora, Palestina.gal convida o Parlamento da Galiza a promover unha declaración institucional na que, como representantes do pobo galego, insten a comunidade internacional a exixir a Israel o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas, a fin da réxime de apartheid e o recoñecemento do dereito a voto da comunidade palestina de Xerusalén nas eleccións de xullo.

Tamén piden que a Cámara demande a fin do bloqueo da Faixa de Gaza, o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas das que foron expulsadas, o respecto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos, dos dereitos colectivos como pobo.

73 anos despois da Nakba, máis de cinco millóns de palestinas e palestinos sobreviven en 64 campos de refuxiados en Xordania, Siria, O Líbano, Gaza e a Cisxordania, e constitúen o máis antigo continxente de persoas exiliadas no mundo. E que millón e medio de mulleres, homes e crianzas son vítimas de prácticas segregacionistas no interior do Estado de Israel.