O estado español ten as de perder en Estrasburgo, mais restará por ver se os maxistrados ousarán aplicarlle advertencias e sancións. A sentenza de Estrasburgo di cousas coma esta: “O Tribunal considera que un procedemento de nomeamento de xuíces que está indebidamente influído polos poderes lexislativo e executivo é, en si mesmo, incompatíbel co artigo 6.1 do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos”

 

Por: Josep Casulleras Nualart

Joanna Reczkowicz (Gdynia, 1980) é unha avogada polaca que foi suspendida das súas funcións durante tres anos debido a varios incidentes ocorridos cando representaba un cliente. Recorreu a decisión, mais a Cámara Disciplinaria do Tribunal Supremo de Polonia, creada había pouco, desestimou o recurso. E agora o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH), nunha sentenza publicada esta semana, deulle a razón e condenou Polonia por vulnerar o seu dereito de ter un xuízo xusto. Porque hai unha interferencia do poder político na designación dos xuíces do tribunal que a xulgou, e isto fai que a imparcialidade do tribunal estea en perigo. Esta sentenza coincidiu con dous feitos importantes desta semana que fan que teña unha relevancia especial: a enésima advertencia da Comisión Europea ao estado español sobre a politización na designación dos membros do Consello Xeral do Poder Xudicial, e a publicación o venres dun voto particular durísimo do maxistrado Juan Antonio Xiol que cuestiona de arriba abaixo a doutrina do Tribunal Constitucional español na protección dos dereitos fundamentais dos cidadáns. O cóctel é explosivo.

O caso da señora Reczkowicz levou o Tribunal de Estrasburgo a sinalar e a marcar doutrina sobre un feito moi grave: que unha persoa non teña un xuízo equitativo porque o tribunal que a xulga non sexa aquel que lle correspondería por lei. É dicir, a vulneración do dereito do xuíz predeterminado por lei. É isto que esgrimía a avogada polaca, e os maxistrados da sala do TEDH (coa discrepancia do xuíz polaco) déronlle a razón. Cuns argumentos que teñen unhas resonancias que nos levan ás advertencias feitas tanto polo Consello de Europa como a Comisión Europea ao estado español no sentido de mudar dunha vez un sistema de designación da cúpula do poder xudicial que non é homologábel coas garantías, e o estado de dereito, europeos.

A sentenza de Estrasburgo di cousas coma esta: “O Tribunal considera que un procedemento de nomeamento de xuíces, que está indebidamente influído polos poderes lexislativo e executivo é, en si mesmo, incompatíbel co artigo 6.1 do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos [que establece o dereito a un xuízo xusto].” E neste sentido explica que a nova lexislación polaca privaba o poder xudicial do dereito de elixir os membros do Consello Nacional do Poder Xudicial; un dereito de que dispuñan na anterior lexislación, “o que significa que o poder lexislativo e o executivo poden interferir directa ou indirectamente na designación dos xuíces”. Resolve, en consecuencia, que a Cámara Disciplinaria do Tribunal Supremo de Polonia non era o tribunal predeterminado pola lei e que se violou o artigo 6.1 do Convenio.

A anomalía española

E agora examinamos en que consisten as críticas reiteradas desde varios organismos europeos ao funcionamento do poder xudicial español. A pesar dalgunhas diferenzas notábeis respecto do sistema de funcionamento español actual, por exemplo a capacidade de sancionar os xuíces que cuestionen publicamente as reformas, si que hai similitudes co sistema polaco. Por exemplo, o sistema de elección dos vogais do órgano de goberno dos xuíces: en Polonia depende case totalmente do poder lexislativo; no estado español, depende ao cen por cento. Os vinte membros do Consello Xeral do Poder Xudicial (doce xuíces e oito xuristas) son designados por unha maioría de tres quintas partes do congreso (a metade dos membros) e do senado (a outra metade). E desde o 1985, cando foi aprobada a lei que o regula, o PP e o PSOE veñen repartindo o groso do pastel. Por tanto, repartiron os vogais que teñen o poder de designar o presidente do Supremo e os presidentes de sala e maxistrados; os maxistrados do Tribunal Constitucional, o presidente da Audiencia española e das salas que ten, os presidentes dos Tribunais Superiores de Xustiza, os presidentes das Audiencias provinciais…

Esta interferencia política está no cerne dos recursos ao TEDH dos presos políticos, na denuncia da vulneración do dereito dun xuízo xusto, de ter un tribunal imparcial e predeterminado pola lei. Tamén é o argumento central da xustiza belga para denegar a extradición ao estado español do conselleiro Lluís Puig. E esta interferencia política tamén é o principal problema que perciben e que sinalan as autoridades comunitarias cando avalían a calidade do estado de dereito en España.

Baile de bastóns no TC

O azar quixo que a advertencia europea sobre o CGPX e a sentenza contra Polonia coincidisen coa crise interna máis grave na historia do Tribunal Constitucional español e que se tornou visíbel por mor da sentenza contra o decreto do primeiro estado de alarma aprobado polo goberno de Pedro Sánchez a comezos da pandemia. Un tribunal, dividido en dous, e con intercambios de acusacións, de denuncias, de presións políticas e de descualificacións como nunca se viran. O tribunal que ten que velar precisamente pola protección dos dereitos fundamentais dos cidadáns, desprestixiado polo mandato caducado do presidente e dunha boa parte dos maxistrados e polo espectáculo duns e doutros tirando os pratos á cabeza.

A guinda no bolo púxoa o maxistrado Juan Antonio Xiol cun voto particular que pasará á historia ao afirmar que o Tribunal Constitucional se afasta cada vez máis da doutrina europea, e que ten que ser o Tribunal de Estrasburgo quen constantemente o corrixa en relación coa protección de moitos dereitos fundamentais. Faino con palabras moi duras. “Creo que as posicións esencialistas, degradadas ata o extremo do formalismo, tomaron conta do Tribunal Constitucional (entre notábeis receos perante o principio de ponderación, como puiden comprobar), ata pór en dúbida aspectos básicos do estado de dereito.”

Xiol é, xunto con María Luisa Balaguer, un dos dous maxistrados que emitiu votos particulares contra as condenas por sedición aos presos políticos. Xa advertiu naqueles votos discrepantes das consecuencias de avalar unha sentenza que non encaixa de ningún xeito co respecto dos dereitos humanos en Europa, e que pon en perigo a garantía do exercicio dos dereitos fundamentais de toda a cidadanía.

E agora vólveo facer: lembra que antes de se facer maxistrado do TC no 2013, xa houbera sentenzas incomprensíbeis que minaban dereitos como son o de non recibir torturas, tratos inhumanos e degradantes; o dereito á intimidade, o da presunción de inocencia, o do principio de legalidade no cumprimento das penas… E desde que forma parte do plenario comprobouno, aínda esgrimindo os seus argumentos en van, co dereito da imparcialidade dos tribunais e a presunción de inocencia, a liberdade de expresión, o dereito da crítica ás decisións dos tribunais, o dereito de non ser xulgado nunha segunda instancia sen ser escoitado… E todo iso por aquilo que el denomina “o prexuízo esencialista”. Por todo isto conclúe que “é difícil non sentir fatiga intelectual coa deriva do tribunal”.

Estas estridencias sitúan o estado español nunha posición moi mala, non tanto desde o punto de vista político, porque agora a Comisión respira aliviada coa concesión dos indultos, senón desde o punto de vista xudicial, que ten outro ritmo, máis lento, mais con consecuencias que poden ser graves. O estado español ten as de perder en Estrasburgo, mais restará por ver se os maxistrados ousarán aplicar a un dos estados máis grandes da Europa occidental e con peso na UE as condenas, advertencias e sancións que aplican en Polonia. En Bruxelas hai un dobre estándar; en Estrasburgo, coa Asemblea do Consello de Europa a advertir España e Turquía por igual, non. E de aquí a un tempo o tribunal terá que expresar o seu parecer.

Fonte: VilaWeb