En outubro do ano 2016, a morte dun vendedor ambulante de peixe, Mohssine Fikri, apañado dentro dun camión do lixo donde tentaba rescatar o peixe que a policiía lle confiscara, xerou o inicio do último levantamento popular no Rif. A morte do xoven derivou nunha enxurrada de protestos pacíficos que, alén de exixiren xustiza por este caso, denunciaban a marxinalización, discriminación e pobreza que sofre historicamente a rexión. A represión e as detencións en masa levadas a cabo polo estado marroquino conseguiron que, co pasar do tempo, a movilización popular fose minguando. No 27 de xuño de 2018, os líderes máis visíbeis do movemento, Nasser Zefzafi, Nabil Ahmjiq, Wassim Bostati e Samir Ighid, foron condenados a vinte anos de prisión acusados de atentaren contra a seguranza interna do Estado, rebelión e participación en manifestacións ilegais, entre outros delitos. Xunto con eles, até 52 activistas máis foron condenados a penas que oscilaban entre un e quince anos de cárcere. Falamos co porta-voz do Movemento Popular do Rif, Reda Benzaza (Al Hoceima, 1989), que actualmente vive exilado no Estado español, desde onde continúa a traballar pola causa rifeña.

 

——

 

O réxime respondeu con unha vaga represiva ás demandas e protestos do Rif, que tamén te afectou a ti…

En maio de 2017, o Estado levou a cabo os primeiros secuestros, e apañou os activistas máis visíbeis do movemento. Ante esta situación, o resto tivemos de nos refuxiar. Eu estiven escondido 28 días até que decidin atravesar a fronteira e sair para Melilla. Naquela altura, sair do Rif non era fácil. Falamos dunha rexión completamente militarizada. Tiven de contornar catro controis da Xendarmaría e pasar o control da fronteira marroquina-española.

 

“Nós sempre lles chamamos secuestros porque foron vulneradas todas as garantías xurídicas dunha detención legal”

 

 

Falas de secuestros e non de detencións

Exacto, nós sempre lles chamamos secuestros porque foron vulneradas todas as garantias xurídicas dunha detención legal. Fixéronse de madrugada e durante semanas as familias non recibiron ningún tipo de información sobre o lugar en que estaban os seus fillos e as súas fillas. Nese período de tempo, producíronse abusos de todo tipo, incluídas torturas e agresións sexuais. Moitas persoas foron levadas a Rabat en helicóptero. Algúns compañeiros denunciaron que en pleno voo foron obrigados a sacar a cabeza polas xanelas.

Como foi a túa chegada ao Estado español?

No meu caso é importante sinalar que no momento do levante popular estaba traballando no Colexio Español de Alhucemas e tiña autorización de residencia no Estado español en vigor. Grazas a iso, non tiven grandes dificuldades na hora de pasar o control fronteirizo de Melilla. No entanto, a causa dunha serie de problemas burocráticos, pasaron varias semanas antes de eu poder viaxar á península. En Melilla sentin a crueza do racismo institucional de forma.

Que é e como surxe o Movemento Popular do Rif?

O Movemento Popular do Rif nace espontaneamente e cunha primeira reivindicación clara: saber quen matou Mohsin Fikri. Denunciábamos a hogra, que é como chamamos o abuso de poder. A memoria colectiva do noso pobo garda moitos episodios de xovens a quen foi roubado o dereito á vida de maneira inxustificada. No 2011, cinco mozos perderon a vida, foron torturados e calcinados nas comisarías, e eses feitos ficaron na máis absoluta impunidade.

Cales eran as demandas?.

Pedíamos xustiza para Mohsin Fikri, mais xustiza de verdade, porque no xuízo que organizou o réxime marroquino os verdadeiros responsabeis non se sentaron no banco. O pobo rifeño sinalou directamente o auténtico responsábel deste asasinato: o ministro de Industria e Pesca, porque no porto de Alhucemas hai un lobby controlado por unha mafia cuxo xefe é este señor. O noso movemento nace como resultado dun acto de orgullo e resistencia dun cidadán común que serve como catalisador de moitas outras reivindicacións do pobo rifeño.

Como foi o proceso en que o movemento foi asumindo outras reivindicacións históricas?

Eu pertencía a unha pequena comisión que se dedicaba a percorrer as vilas e aldeas do Rif para explicar o caso de Mohsin Fikri. Percorrendo estes lugares démonos conta que ao Rif falta de todo. Séntaste con persoas idosas que che din: “Si, claro que sentimos ese abuso de poder, mais tamén temos a filla na casa con cancro e non podemos curala”. É de partir o corazón. No Rif temos o índice maior de cancro de todo Marrocos. Moita xente di que é por causa das bombas químicas que foron utilizadas contra o noso pobo por España durante a guerra do Rif, que tivo lugar no protectorado español do Marrocos entre os anos 1921 e 1924.

“A mocidade non quer sangue, non quer terror, quer vida e futuro”

 

Que mudou no Rif desde os protestos do 2016 e o 2017?

Infelizmente, o Rif ficou vacío. A mocidade emigrou, marchou en ‘pateras’. Quando ollamos para trás e vemos a ilusión que tiña o pobo naqueles momentos, e a resposta tan dura e criminosa da ditadura, dámonos conta de que a xuventude non quer sangue, non quer terror, quer é vida e futuro. Nestes momentos no Rif respírase tristeza. Por outro lado, somos un pobo orgulloso da nosa historia e temos claro que, cedo ou tarde, gañaremos esta loita.

O Rif coñeceu historicamente a represión como forma de abafar as súas reivindicación e movementos populares. Desta volta conseguiron dar cabo do movemento popular?

Nós sempre dixemos ao réxime marroquino que non utilizase as súas estratexias clásicas para eliminar o movemento, que se centrase antes en atender as demandas populares que en acabar con nós, que eran as mesmas que se reivindicaban en tantos outros lugares da nosa rexión onde impera a ditadura e a tiranía. Apesar de o réxime marroquino empregar todas as súas estratexias represivas para eliminar o Hirak, nós estamos presentes noutros protestos que houbo posteriormente na rexión, como os da Arxelia, e iso sí que é imparábel.

Cal é a situación dos presos políticos do Hirak? Cantos son?

Agora mesmo temos 53 presos políticos,mais chegamos a ter máis de 2.000. Están espallados en sete cárceres, vítimas dunha política prisional de castigo ás familias en forma de dispersión que os mantén o máis lonxe posíbel do Rif. Temos compañeiros condenados a vinte anos de cárcere, entre eles nasser Zefzafi, finalista do premio Sakharov do Parlamento Europeo, que chegou pasar 342 días isolado nunha cela, sen ningún tipo de contacto co mundo exterior. Nestes momentos estamos moi preocupados por como poda afectar a actual situación sanitaria aos presos políticos, tendo en conta as pésimas condicións das cadeas marroquinas.

 

"El poble rifeny es vol separar de la injustícia i el terror a què el sotmet el Marroc"

 


No Marrocos, contades co apoio dos partidos de esquerda e outros movementos sociais?

Nós cremos que a esquerda marroquina non entende o movemento do Hirak e por iso sempre quixemos diferenciarnos dos seus partidos tradicionais. O movemento popular do Rif rompeu o modelo más clásico de loita a que eles estaban afeitos, e iso desconcertounos. No entanto, tamén recoñecemos as reivindiccións e loitas históricas dalgúns deses partidos, que contan cunha experiencia de loita pola dignidade do pobo, polo que tamén tiveron presos políticos.

Que lles pedides?

Pedímoslles que entendan este movemento para poderen porse ao seu servizo, en lugar de tentar absorvelo como vimos en experiencias anteriores. O Hirak nace como reacción ao abuso de poder e todas as persoas que queiran loitar contra a inxustiza serán benvidas. Fuximos de calquera etiqueta partidista, mais a nosa man está sempre estendida a todos os que queiran apoiar, acompañar e visibilizar esta loita.

Existe unha reivindicación de carácter independentista no Movemento Popular do Rif?

No noso movemento popular confluen diversas correntes, unha delas é a republicana, que reivindica a república rifeña que xa existiu entre 1921 e 1924. Trátase dunha reivindicación histórica e lexítima, mais que ainda non foi proposta como movemento. Cremos que neste momento o máis necesario e urxente son as demandas de carácter social, económico e cultural, mais iso non quer dicir que renunciemos ás reivindicacións históricas nin a nosa identidade como pobo. O réxime marroquino sempre nos atacou acusándonos de separatistas e de procurarmos a división. Nós somos separatistas da inxustiza e do terror a que queren someternos.

Que papel xogan a comunidade internacional, a Unión Europea e o estado español nesta situación?

A comunidade internacional antepón as relacións comerciais, o control da fronteira e a chamada loita “anti-terrorista” aos dereitos humanos no Marrocos. En tanto o Estado marroquino cumpra o papel que o Estado español e a Unión Europea esperan del en cuestións de control migratorio, o resto dos asuntos fican nun segundo plano.

 

 

“Nin no mellor dos nosos soños teríamos podido chegar a imaxinar toda a solidariedade que recibimos”

 

Recibistes apoio da sociedade civil e dos movementos sociais doutros lugares?

Neste aspecto, a nosa experiencia non ten nada a ver co anterior. Nin no mellor dos nosos soños teríamos podido chegar a imaxinar toda a solidariedade que recibimos. Abríronse as portas de diferentes institucións, por exemplo, do Parlamento Europeo, foi constituído un grupo de amizade co pobo rifeño. Encontramos solidariedade en diferentes movementos, sobretodo no Estado español: Catalunya, Euskadi, Galiza… Esta é, sen dúbida, unha das mellores experiencias que tivemos como movemento. Cando os pobos oprimidos dan as mans, estamos no camiño correcto.

Iso axuda a ter esperanza?

Moito! A esperanza de mudar todo. Se continuamos atomizados e esperando o beneplácito da comundiade internacional e da Unión Europea, non chegaremos a ningures. Estamos na hora de os pobos oprimidos daren a man e se levantaren dunha vez por todas contra este sistema opresor.

Cal é a estratexia de futuro do movemento popular?

O confinamento axudounos a debater e trazar novas ideas, porque víñamos dunha fase moi intensa… En tres anos chegamos a organizar máis de 800 accións públicas. Nestes momentos, a prioridade do movemento é a liberdade dos nosos presos políticos, sen deixarmos de lado o resto de reclamacións do Hirak. A nosa estratexia de cara ao futuro é continuarmos traballando cun pé nas institucións e outro na loita nas rúas e prazas.

 

JORDI CAMPABADAL

FOTOGRAFIAS: PABLO IBÁÑEZ (ARAINFO)