España escolleu unha curiosa maneira de celebrar o Día Internacional dos Direitos Humanos: dando porto seguro ao Bhari Abha, o barco da morte que presumibelmente vai carregar armas para continuar alimentando o masacre que Arabia Saudita está a cometer no Iemen.

 

Protestos no porto de Sangunto na pasada madrugada – Antimilitaristes-MOC Valencia.

 

O buque chegou ao porto de Sagunto (Valencia) de madrugada, onde colectivos ecoloxistas e antimilitaristas se manifestaban, polo que posibelmente xa se produciu o cargamento con nocturnidade e aleivosía. Un cargamento en oito colectores sobre o que o Reino de España garda o máis absoluto dos segredos, ocultándoo sob o epígrafe ‘mercadorías perigosas’, que é o que costuma empregarse para referirse a materiais explosivos ou bombas.

Non é a primeira vez que o Bhari Abha atraca no estado español. No pasado mes de maio fíxoo en Santander, onde carregou dous colectores de 28 toneladas con explosivos. Os colectivos anti-militaristas aseguran que, segundo os datos de alfándegas dos EUA e a ONU, o ano pasado Arabia Saudita realizou oito cargamentos de blindados e bombas guiadas por láser por valor de máis de 1.100 millóns de euros. En concreto o Bahri Abha, desde que Arabia Saudita emprendeu os seus ataques contra o Iemen en marzo de 2015, transportou en oito viaxes uns 162 millóns de dólares en armas desde os EUA.

Infinidade de colectivos, coa plataforma Armas Sob Control -integrada por Amnistía Internacional, Greenpeace, Intermón Oxfam e FundiPau- á cabeza, manifestáronse en contra de permitir que o Bahri Abha atracase en Sagunto, un atraque que, máis unha vez, tinxe de sangue as mans do Estado español. Tal e como indica o manifesto promovido polo Movemento de Obxección de Conciencia (MOC) de Valencia, «a guerra comeza aquí, coa fabricación das armas en factorías europeas e estadunidenses, e segue o seu camiño nas adegas de buques como ese».

Arabia Saudita é un dos principais clientes de armas do Reino de España. Entre xaneiro de 2015 e xuño 2018 -última data disponíbel con datos actualizados por parte da Secretaría de Estado de Comercio- o importe das licenzas a empresas españolas para vender material de defensa e ataque a Arabia Saudita ascendeu a 2.483 millóns de euros, e nese mesmo período foron realizadas exportacións por 2.046 millóns de euros.

España comercia con morte. Busca o seu segmento de mercado en foros como o G-20 -a cuxa próxima reunión foi convidado, precisamente, por Arabia Saudita- en compensación por ser cómplice dos masacres no Iemen. Axuda a lavar a cara a un país que pisa os Dereitos Humanos apoiando, por exemplo, que leve a celebración da Supercopa de fútbol durante tres anos. Unha circunstancia que debería envergoñarnos porque transcende o actual goberno -fixérono todos- e salpica en cheo a Coroa, con Felipe VIN e o rei emérito estreitando a man dun sanguinario asasino. Tamén salpica a banca, con entidades como BBVA, Santander, Bankia, CaixaBank e Sabadell denunciadas por investiren nos principais produtores de armas. Esa é a súa calidade humana e a que nos atribúen se non nos levantamos contra iso.

David Bollero

Público