Oito condenas

A xustiza española non sae impune deste ano que termina. En 2018, o TEDH condenou o Estado español en oito ocasiones por vulneracións do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos. España, di o relatorio da RIS, ‘mostra certo nivel de reticencia canto á realización efectiva dalgúns dereitos relacionados coa disidencia política’. As condenas ao Estado español reférense a ‘aspectos recorrentes: liberdade de expresión, prohibición da tortura, dereito a un xuízo xusto e a un tribunal independente e imparcial, e respecto da vida familiar e privada’.

O relator especial da ONU para a liberdade de expresión instou as autoridades españolas a non iniciar procedementos contra os líderes independentistas cataláns por delito de rebelión, que pode acarretar sentenzas de até 30 anos de prisión. ‘As acusacións por rebelión poden entrañar o risco de disuadir discursos totalmente lexítimos’, segundo o relator. A RIS lembra que ese experto se mostrou preocupado polos cargos de rebelión atribuídos a actos que non implican violencia ou incitación a ela, ‘porque pode interferir cos dereitos ao protesto e á disidencia política’.

Xustiza moi mellorábel

Na mesma liña, A RIS lembra que o Grupo Anticorrupción do Consello de Europa (GRECO) avaliou en xaneiro o grao de cumprimento por España das recomendacións emitidas após avaliacións anteriores para prevenir e combater a corrupción de parlamentares, xuíces e fiscais. O GRECO observou que España non implementara ou abordara ningunha das once recomendacións contidas no último relatorio, emitido en 2014. ‘Cumpre salientar que non foi reformado o cadro xurídico do Consello Xeral do Poder Xudiciario nin foron establecidos criterios obxectivos e requisitos de selección para o nomeamento dos postos máis altos da xudicatura, o que representa unha ameaza á independencia xudicial’.

Aliás, a Comisaria dos Dereitos Humanos do Consello de Europa enviou unha carta aos presidentes do Congreso e do Senado en que insta as Cortes a asegurar que a modificación da Lei de Seguranza Cidadá elimine toda interferencia desproporcionada nos dereitos á liberdade de expresión e á liberdade de reunión.

A Comisaria mostrou a súa preocupación pola redacción ampla e imprecisa da Lei, que outorga unha ampla marxe de interpretación á policía e, en consecuencia, permite limitacións arbitrarias e desproporcionadas de dereitos fundamentais protexidos polo Convenio Europeo.

Esa lei resultou en sancións con fundamentos pouco claros contra xornalistas que grababan axentes da policía ou contra persoas en manifestacións pacíficas, segundo a Comisaria. En decembro, o Consello de Europa sinalou España como un exemplo problemático de aplicación de lexislación antiterrorista, pois os termos vagos e indebidamente amplos dos delitos de enaltecemento do terrorismo e humillación ás vítimas do Artigo 578 do Código Penal levou a restricións desproporcionadas da liberdade de expresión.

Migrantes e minorías

Outro capítulo son as avaliacións referentes a tratamento de persoas migrantes e minorías. O RIS lembra que o representante especial do Secretario Xeral do Consello de Europa instou España a garantir a todas as persoas que chegan ao país, incluíndo aquelas que saltan as barreiras fronteirizas, o principio de non devolución e a protección contra expulsións colectivas, ‘de maneira que exista unha posibilidade real de acceder a un procedemento de asilo xusto e efectivo’.

Ese representante tamén lembrou a España o deber de conciliar o control e seguranza de fronteiras coa protección dos dereitos humanos de persoas migrantes e refuxiadas.

O Consello de Europa tamén sinalou que as modificacións introducidas na Lei de Estranxeiría non prevén garantías claras contra a devolución en quente e contra as expulsións colectivas de migrantes.

A Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia, no seu quinto relatorio sobre España, é tamén moi taxativo: a elaboración de perfís raciais pola policía ‘é un problema continuo’. Tamén mostrou preocupación sobre malas prácticas policiais en relación cos delitos motivados por odio e sobre a presenza de discurso contra migrantes e persoas de etnia cigana no debate político e algúns medios de comunicación, a segregación residencial e escolar da comunidade cigana, e os preconceptos e discriminación contra a comunidade LGBT.

A similares conclusións chegou o Grupo sobre Afrodescendentes da ONU, que instou España a aprobar unha lei integral contra o racismo e formas conexas de intolerancia, a tomar medidas que garantan a representación dos afrodescendentes e a pór fin á expulsión colectiva de solicitantes de asilo e migrantes.

Dereitos económicos e sociais

Nunha liña parecida, o comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da ONU mostrou a súa preocupación acerca da falta de ‘xusticiabilidade’ dos dereitos económicos, sociais e culturais no dereito español. Recomendou a España tomar medidas para garantir un nivel de protección deses dereitos análogo aos dereitos civís e políticos en todos os niveis do sistema xudicial, incluíndo o recurso de amparo.

Onde España mellorou é no seu sistema penal, segundo o relatorio Prisións en Europa 2005-2015 do Consello de Europa. Entre unha e outras datas, España experimentou unha descida na densidade nas prisións, na proporción de estranxeiros en prisión preventiva, de mortes e suicidios de internos, de internos sen sentenza e a cantidade media de gasto por interno e día.

Na parte negativa, España presenta peores rexistros que o resto dos países da súa contorna noutros factores: percentaxe de internos estranxeiros, número de internos por funcionario, duración media das detencións, idade media dos presos e percentaxe de mulleres internas.

Outro comité da ONU, o de Dereitos da Crianza, recomendou a España pór fin á detención incomunicada de menores e proporcionar asistencia xurídica cualificada e independente a menores procesados desde o inicio até a conclusión do procedemento xudicial.

Tortura

O Subcomité para a Prevención da Tortura recomendou outorgar entidade propia ao mecanismo de prevención da tortura de España, que agora é unha oficina do Defensor del Pueblo. Outros expertos en dereitos humanos da ONU instaron España a suspender a extradición de persoas chinesas e taiwanesas a China, pois corren risco de ser torturadas ou executadas. España é signataria do compromiso internacional para absterse de expulsar, devolver ou extraditar persoas a calquera Estado onde existan razóns para crer que poden ser sometidas a tortura ou pena de morte.

O Comité das Nacións Unidas para a Eliminación da Discriminación contra a Muller (CEDAW) aplaudiu a sentenza do Tribunal Supremo en que recoñece que as cláusulas dos tratados internacionais de que España é Estado signatario forman parte da súa lexislación e que as recomendacións do Comité CEDAW son de carácter vinculante.

O relatorio da RIS tamén lembra que un grupo de relatores da ONU celebrou a proposta do goberno español de crear unha Comisión da Verdade e de elaboración de plans de procura de persoas desaparecidas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. Os expertos instaron o goberno a adoptar inmediatamente medidas lexislativas, administrativas e financeiras para tomar un rol activo na procura de vítimas desaparecidas.

El Nacional