A CIG acaba de denunciar que o Estado español vulnera dereitos laborais recoñecidos na Carta Social Europea.  Así o puxo de manifesto nas alegacións ao 34º informe remitidas ao Comité Europeo de Dereitos Sociais.

Identidade para a Confederación Intersindical Galega (CIG) | DomestikaSegundo indica a central sindical nun comunicado, hai “importantes incumprimentos e unha grave falta de vontade correctora das eivas por parte do Goberno español”. Neste senso, lembra que en informes anteriores o Comité xa declarara que a situación do Estado non é conforme a moitos dos artigos da Carta Social, ao tempo que lembra que os informes que emite o Comité son vinculantes para os Estados membros.

En concreto, a CIG denuncia tamén nas súas alegacións incumprimentos no que atinxe á existencia de xornadas laborais superiores ás 60 horas semanais, na fragmentación das vacacións en períodos de cinco días, na pobreza laboral e horas extras “a prezo de saldo ou regaladas”, nos despedimentos por sorpresa ou nos acordos que a empresa pode deixar de aplicar, entre outras.

A CIG tamén chama a atención sobre as medidas adoptadas durante a pandemia da Covid. Segundo explica, debido á situación extraordinaria, o Comité introduciu unha serie de cuestións a responder polos Estados a respecto do impacto da Covid-19 sobre este grupo de dereitos. En todos os temas (teletraballo, dereito á desconexión dixital, control electrónico das/os empregadas/os etc.), a CIG advirte que as medidas adoptadas son “totalmente escasas” para garantir os dereitos laborais e sindicais e que a lexislación aprobada resulta “insuficiente” para fixar unhas condicións dignas, ao fiar á negociación colectiva boa parte das cuestións a regular.