O relator especial da ONU para a Tortura, Nils Melzer, afirmou que descubrir que a crueldade sufrida por Julian Assange polas democracias occidentais fora premeditada aumentou o seu temor de aprender máis sobre como funcionan esas democracias. O fundador de WikiLeads permanece encarcerado na prisión de máxima seguridade de Belmarsh (Reino Unido).

 

 

«Hoxe hai un ano visitamos Assange en prisión. Mostraba signos claros dunha prolongada tortura psicolóxica. Primeiro sorprendeume que as democracias maduras puidesen producir tal accidente. Entón descubrín que non foi un accidente. Agora teño medo de coñecer as nosas democracias», publicou o relator en Twitter.

Despois de que os expertos médicos que acompañaron a Melzer durante a visita do ano pasado concluísen que Assange fora vítima de tortura psicolóxica debido á súa detención arbitraria, o funcionario da ONU instou as catro nacións involucradas -os EUA, o Reino Unido, Suecia e Ecuador- a lanzar un proceso formal de investigación.

Melzer involucrouse no caso de Assange en marzo de 2019, logo de dous pedidos feitos con anterioridade polos avogados do activista australiano. De inmediato, ao indagar no caso, deuse conta de que «algo estaba mal».

En febreiro, o relator revelou a montaxe e algunhas inconsistencias que atopou ao redor dos casos xudiciais contra o fundador de WikiLeaks na Suecia, no Reino Unido e nos EUA, alén do trato dado polo Ecuador ao activista. «Assange revelou a tortura, foi torturado e podería ser torturado até a morte nos.», dixo Melzer.

Ese mesmo mes, máis dun centenar de médicos urxiron o Reino Unido e a Australia nunha carta aberta a acabar coa «tortura» ao activista encarcerado na prisión británica á espera de que se resolva unha petición de extradición aos EUA.

Esta semana, deuse a coñecer que a segunda parte do caso da extradición aos EUA de Assange foi posposta até polo menos o próximo setembro. A decisión está relacionada coa corentena imposta polo Goberno británico por mor da pandemia de coronavirus.

 

Insurgente