As cifras do gasto militar no Estado español foron en 2018 as máis altas desde o ano 2009, cando se superaron os 20.000 millóns non só no Ministerio de Defensa, senón noutras carteiras que historicamente integran partidas destinadas exclusivamente ás Forzas Armadas, segundo os relatorios do Centre Dèlas d´Estudis per la Pau de Catalunya.

 

O gasto militar actual é o máis alto da última década [Imaxe: Ministerio de Defensa]

 

Nos últimos meses, o presidente dos EUA, Donald Trump, ten manifestado en diversas ocasións a necesidade de que a Unión Europea aumente substancialmente o gasto militar. O obxectivo, que Estados como o español destinen a este sector partidas equivalentes ao 2% do Produto Interior Bruto, formulación apoiada pola última ministra de Defensa do Partido Popular, María Dolores de Cospedal. Hoxe, a porcentaxe sitúase na contorna do 1,67%.

O Centre Dèlas d´Estudis per la Pau de Catalunya leva anos analizando polo miúdo as cifras do gasto militar no Estado español e chamando a atención sobre o substancial desfase entre o orzamentado e o finalmente liquidado nos Presupostos Xerais do Estado (PXE). Durante moitos anos, en concreto até 2016, o orzamento inicial para Defensa estaba moi por baixo do efectivamente gastado no encerramento de cada exercicio. Desde entón, os ditames do Tribunal de Contas e do propio Constitucional obrigaron ao Goberno a rematar coa práctica dos créditos extraordinarios que servían recorrentemente para cumprir coas achegas aos Planos Especiais de Armamento (PEAs) aprobados xa durante o primeiro mandato de José María Aznar (1996-2000). Na práctica, estas “modificacións” de crédito chegaban a supor subas de até o 10% respecto do orzamento inicial.

Desde 2017, esas partidas “extraordinarias” mais invariabelmente fixas están incluídas no orzamento, o que, en termos cuantitativos supón que o gasto militar anual do Estado estexa moi perto dos 20.000 millóns de euros, quer dicir, a cifra máis alta desde o ano 2009, cando se ultrapasou lixeiramente esa contía.

Entre 2017 e 2018, o diñeiro público destinado ao Ministerio de Defensa aumentou un 10,7%. Tendo en conta o resto dos departamentos que conteñen partidas de uso exclusivo das Forzas Armadas, este aumento sitúase por riba do 7%, superando así os aumentos en servizos esenciais como Sanidade (3,9%), Educación (3%) ou Cultura (4,6%). Respecto do conxunto dos OXE, Defensa absorbe o 4,42% do orzamento. Per cápita, o investimento pasou de 401,55 euros en 2017 a 428,07 o ano pasado.

Sermos Galiza