En Esculca temos unha fonda preocupación pola situación de supresión de dereitos fundamentais derivada da aplicación do Estado de Alarma implantado polo real decreto 463/2020.
De certo son moitas mais as cuestións que deberán ser analisadas no contexto da crise do COVID-19 e o que implican para a nosas sociedades as medidas que se toman, nomeadamente no que di respecto á redefinición do Estado de Dereito que parece agromar. Mais entendemos que, deixando momentamente de lado o debate teórico, a urxencia para o noso Observatorio e a súa primeira obrigación como mecanismo que pretende ser útil á sociedade galega, debe ser documentar eventuais situacións en que se produzan intervencións policiais arbitrarias, ilegais ou constitutivas de infracción de dereitos non suspendidos polas actuacións das forzas policiais e militares que exercen o control nas rúas dos noso país.
Infelizmente, reportaxes videográficas que fomos coñecendo estes días mostran que situacións de excesos policiais, que ultrapasan as xa exhorbitantes facultades conferidas ás forzas de seguranza e corpos militares, xa están acontecendo.
Coa finalidade de elaborarmos un relatorio sobre feitos documentados deses excesos, Esculca recibirá información e queixas de todas aquelas persoas que teñan coñecemento ou sexan vítimas de situacións arbitrarias e/ou excesivas no exercicio das facultades que o estado de alarma decretado polo goberno de España confire ás forzas policiais e armadas.
Se queres enviarnos información, podes contactar con nós através da nosa páxina web (https://esculca.gal/contacto/) ou enviando unha mensaxe a esculca@esculca.gal.
O relatorio será enviado posteriormente a institucións con competencias en tutela de dereitos fundamentais, tanto estatais como supraestatais.
Modelo de alegacións contra sancións por incumprimento do estado de alarma