Relatorio sobre a actuación policial o 9 de setembro de 2025 nas protestas propalestinas na localidade de Mos

Desde outubro do ano 2023, tras a intensificación da violencia perpetrada polo Estado de Israel contra o pobo palestino, as protestas de solidariedade con Palestina intensificáronse en todo o país. Neste clima de protestas e mobilizacións, moitas persoas activistas sufriron a intensificada represión do Estado español ao longo destes dous últimos anos, situación amplamente documentada por colectivos militantes e medios de comunicación.

É en atención a este contexto que EsCULca, no exercicio das súas finalidades e tras a petición de colectivos participantes nas protestas, decidiu realizar unha observación da actuación policial na mobilización contra a participación de Israel na Volta Ciclista o pasado 9 de setembro de 2025, na localidade de Mos.

A observación realizada tiña como obxecto comprobar o respecto aos dereitos constitucionais que plasman unha das formas de participación directa da cidadanía no exercicio da acción política naquela protesta. Neste mesmo contexto e co propósito de documentar as vulneracións de dereitos e liberdades que se produciron, EsCULca elaborou un relatorio onde se recolleron todas as incidencias observadas directamente. No seu caso, incorporaranse aquelas outras das que eventualmente se poida ter coñecemento con posterioridade á elaboración do presente informe.

Este informe será enviado á Delegación do Goberno, ás persoas voceiras dos grupos do Parlamento Galego, ao Valedor do Pobo, á oficina do Defensor do Pobo e aos medios de comunicación social para o seu coñecemento por parte da cidadanía.


DESCRICIÓN DOS FEITOS OBSERVADOS

Antecedentes

Baixo a petición dos colectivos organizadores, EsCULcA procedeu a comunicar o día 8 de setembro de 2025 á Delegación do Goberno a presenza de tres observadoras na mobilización propalestina en Mos durante o percorrido da Volta Ciclista o 9 de setembro de 2025, mobilización que tiña previsto comezar ás 16:30. Concretamente, a protesta ía ter lugar, fundamentalmente, na rotonda do Alto de San Cosme. A mobilización foi publicitada nas semanas anteriores a través das redes sociais, polo que por esta asociación se constatou a ausencia de intención de dar á convocatoria un carácter clandestino. Como xa se expresou anteriormente, o obxectivo da observación era comprobar o respecto aos dereitos de manifestación, reunión, expresión e libre circulación.

Tarde do 9 de setembro de 2025

O día da mobilización, un equipo de tres observadoras identificadas con petos amarelos fluorescentes están presentes no lugar de inicio da mobilización ás 14:30. Tanto na rotonda como nos arredores hai unha pronunciada presenza de axentes do Grupo de Reserva e Seguridade (GRS) da Garda Civil e da Unidade de Intervención Policial (UIP) da Policía Nacional, ambos grupos coñecidos por seren as unidades antidisturbios destes dous corpos. Con posterioridade, tamén se observan axentes da Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia da Garda Civil (USECIC). As observadoras poden contar un total de 10 ou 15 vehículos aproximadamente e unha dotación aproximada de 30 axentes.

Na zona da mobilización apenas hai presenza de manifestantes á hora da chegada das tres observadoras.

As observadoras de EsCULcA preguntan quen é o xefe do operativo e preséntanse ante el. Infórmaselle de que as observadoras estarán realizando unha observación da protesta para constatar o respecto aos dereitos da cidadanía, informándolle de que a actuación de observación foi comunicada á Subdelegación do Goberno en tempo e forma. Compróbase que o xefe do operativo non ten coñecemento da observación, se ben mostra a súa aprobación persoal polo labor a realizar.

Minutos máis tarde, comeza unha observación na que se toman algúns datos relevantes para este labor, tales como o número de axentes, o número aproximado de persoas manifestantes ou as características do lugar. Entre outros aspectos, obsérvase que varios dos axentes, cando menos catro deles, non se atopan debidamente identificados. Momentos máis tarde, varios deles achéganse a unha observadora e esíxenlle que se identifique, para momentos máis tarde ordenar que se identifiquen as tres observadoras.

Desde EsCULcA solicítase ser informadas dos motivos das identificacións, sen que por parte dos axentes se informen motivos claros e coherentes. Conclúese que esta identificación resulta arbitraria tras verbalizar un dos axentes que a identificación responde a que as observadoras tamén están realizando apuntamentos deles. Non obstante, as observadoras acceden a identificarse.

Máis tarde, sobre as 15:30, comezan a chegar máis persoas, tanto aquelas que desexan ver a carreira ciclista como persoas manifestantes. Obsérvase a presenza de numerosos medios de comunicación. Nun primeiro momento, as manifestantes van colocándose nos laterais da estrada, sen que exista unha intención de invadir a estrada pola que vai transitar a carreira. Entre as 15:30 e as 16:30, o número de manifestantes medra considerablemente e obsérvase como os axentes antidisturbios, que antes estaban situados entre a masa da xente, se retiran, parecendo que se está organizando algún tipo de intervención. Concretamente, ás 16:15 os axentes equipáronse con cascos e material antidisturbios (porras, cascos, luvas, escudos). Comeza a existir tensión entre as persoas manifestantes e os corpos policiais, tendo coñecemento da retención dun manifestante. Nestes momentos, obsérvase que moitos dos axentes non se atopan identificados, algúns van tapados con máscara e panoleta.

A partir das 16:30, a maioría das persoas manifestantes vaise concentrando nunha das estradas polas que pasará a carreira ciclista, de tal forma que se crea un tapón humano neste punto. Moitas das persoas manifestantes atópanse sentadas no chan ao tempo que berran frases ou proclamas a favor do pobo palestino ou en contra do Estado de Israel. Se ben un dos axentes porta un megáfono, non se emite ningunha mensaxe ás persoas mobilizadas, achegándose os axentes, en fila, cos cascos baixados e portando porras á masa manifestante. Este movemento coordinado e sorpresivo realízase sen que conste ningunha alteración da orde. Obsérvase como esta situación provoca grandes tensións nas persoas concentradas. A intervención realízase por parte do Grupo de Reserva e Seguridade (GRS) da Garda Civil.

É neste momento posterior cando un dos axentes dá un aviso por megafonía, expresando que a mobilización está entorpecendo a proba ciclista, esixindo a retirada da vía pública das persoas manifestantes. Porén, como se expresaba anteriormente, con anterioridade a este aviso xa se realizaran actuacións que facían entender ás persoas manifestantes e observadoras que se estaban iniciando os preparativos para unha posible carga. Por este motivo, as observadoras optaron por colocarse na zona na que se atopaban a gran maioría das persoas mobilizadas.

Ás 16:40 a xente segue mobilizada e obsérvase como os axentes antidisturbios levan pola forza cando menos cinco persoas, afastándoas da zona da protesta e soltándoas cando se atopan afastados. Neste momento, un dos axentes agarra violentamente a unha das observadoras que se atopa preto da protesta pero sen participar nela, levándoa collida do pescozo ata decenas de metros máis alá. Achégase outro axente e verbalízalle que esta observadora xa está identificada, “por se a queres denunciar”. O axente que protagoniza a intervención advirte en ton ameazante á observadora de que ao final vai saír prexudicada.

Mentres as persoas realizan unha resistencia pasiva sentadas ou de pé na estrada sen moverse, obsérvanse numerosas agresións policiais, como tiróns de pelo, beliscos, golpes coa porra, fortes empurróns ou agarres do pescozo e da cabeza exercendo presión. Obsérvase como se traslada a varias persoas en volandas entre varios axentes. Outros axentes da Garda Civil intentan retirar a xente da estrada realizando a mínima intervención posible. En calquera caso, a actuación policial ten a intención de impedir exercitar o dereito á manifestación. Os axentes tamén se atopan colocados en fila ao longo da beira da estrada evitando o acceso a esta por parte das persoas manifestantes.

Ás 17:22, unha das observadoras documenta a través do seu terminal móbil que sobre as 17:00 aproximadamente, a carreira da Volta Ciclista fora cancelada, de modo que non ía transcorrer polo lugar no que se atopaban as manifestantes. Porén, a presenza policial non cesa, mantendo o material antidisturbios como cascos ou escudos plásticos. As persoas continúan a protesta, permanecendo estáticas no punto da estrada onde se realizou o tapón humano debido a que os axentes antidisturbios crean, a través de filas e columnas humanas con escudos, unha barreira. Minutos máis tarde, a manifestación comeza a avanzar e a Garda Civil, progresivamente, vaise retirando do operativo.

Ás 17:45 obsérvase como os diferentes corpos de seguridade se retiraron da zona e as persoas manifestantes comezan tamén a marchar. Durante a observación, tivemos coñecemento de posibles detencións a algunhas das persoas que foron retiradas e afastadas á forza da protesta. Porén, conforme vai avanzando a mobilización constátase que aquelas persoas non foron detidas.

As observadoras presentes non tiveron constancia de limitacións aplicadas aos medios de comunicación.

Ás 18:00 dáse por concluído o labor de observación directa.

Información recibida posteriormente

A través da comunicación con diferentes colectivos do país, pola información dos medios de comunicación ou mesmo pola comunicación directa coas persoas afectadas, EsCULca ten constancia da iniciación de procedementos sancionadores por parte da Subdelegación do Goberno en Pontevedra a cando menos 27 persoas pola súa participación na protesta contra a participación do equipo de Israel na volta ciclista. A imposición das posibles sancións está fundamentada na Lei 19/2007 contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, ascendendo a contía destas a 300 euros. Concretamente, as sancións están baseadas no que se considera un acto de xenofobia ou racismo contra os participantes israelís. A teor da información obtida por EsCULca das persoas potencialmente sancionadas, un bo número delas non foron identificadas o 9 de setembro. Esta circunstancia resulta especialmente preocupante, pois cabería inferir que a identificación das persoas se realizou con posterioridade a través do control das imaxes captadas e o cruzamento destas con outros datos persoais dos que dispoñerían as forzas de seguridade ou a Subdelegación do Goberno.

Así mesmo, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra acordou a iniciación dun procedemento sancionador a unha das observadoras de EsCULca pola presunta comisión dunha infracción administrativa prevista na Lei Orgánica de protección da seguridade cidadá. Se ben este procedemento non culminou na imposición dunha sanción debido a que se acordou a prescrición da presunta infracción de oficio, a mera apertura dun procedemento sancionador a unha das persoas que se atopaba exercendo as funcións de observadora da mobilización constitúe unha actuación institucional totalmente afastada de calquera sentido democrático e de respecto por unha función tan relevante para o exercicio de dereitos e liberdades.

Conclusións

O noso Observatorio estima que o dispositivo policial na mobilización do 9 de setembro obstaculizou, de facto, o exercicio do dereito de manifestación das persoas participantes na mobilización. Así mesmo, a través da observación directa das observadoras, así como das probas audiovisuais daquel día, constatamos o uso absolutamente desmesurado e inxustificado da forza por parte das forzas policiais, producíndose así a vulneración do dereito á integridade física de numerosas persoas participantes da protesta.

Baixo o criterio de EsCULcA, non se produciu por parte das persoas participantes ningún feito que xustificase as limitacións ao dereito de manifestación e as agresións policiais que se produciron. Sendo isto así, cabe afirmar que a actuación policial incorreu en vía de feito ao limitar o dereito á manifestación e na utilización dun uso desmesurado e inxustificado da forza.

Así mesmo, consideramos que o exercicio da potestade disciplinaria da Administración sobre as persoas participantes na protesta podería non atopar fundamentación, pois non se observaron actos que poidan ser cualificados de racistas ou xenófobos. En todo momento, diversos elementos fácticos evidenciaban que o obxecto da mobilización era a protesta pola participación de Israel no evento deportivo polas súas políticas criminais e xenocidas no territorio palestino, sen que se puidesen identificar expresións ou actos de contido racista ou xenófobo. Polo tanto, EsCULcA valora esta intervención administrativa nun sentido negativo, pois tanto a actuación policial como as eventuais sancións poden xerar un efecto disuasorio respecto ao exercicio de dereitos fundamentais e liberdades políticas.

Descoñece EsCULcA se a responsabilidade das diferentes actuacións mencionadas corresponde ao xefe do operativo policial ou á autoridade política da Subdelegación do Goberno.