O alumnado de bacharelato ten que cursar Relixión querendo ou sen querer. Non é por obrigación imposta por nais, pais ou o propio centro. É que o deseño de itinerarios do bacharelato na Galiza leva a que calquera estudante que queira cursar determinadas materias -Antropoloxía ou Coeducación, por exemplo- teña que aceptar tamén no pacote a de Relixión (que é materia específica) para poder cumprir cos requisitos do itinerario.Unha situación denunciada en 2016 pola Confederación de Anpas Galegas.

 

 

“Eu teño alumnas que gostarían de escoller Antropoloxía e non o fan porque terían que escoller tamén Relixión”, afirma Carme Adán, profesora de Filosofía. Adán iniciou unha campaña para tentar pór fin a esta situación. “Este problema vén da Lomce”, denuncia.

O Real decreto 86/2015-12 estabelece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Galiza. Aí fíxase a suma de horas lectivas semanais das materias específicas de libre configuración autonómica e de oferta do centro docente que é obrigatorio impartir. Calquera combinación ten que incluír como mínimo dúas materias específicas, o grupo onde se ofrece necesariamente a materia de Relixión.

E que se pode facer? Carme Adán achega unha proposta: que a Consellaría de Educación ofreza máis materias específicas dunha hora porque en moitos centros a única que hai é Relixión. Que a Xunta modifique o actual cadro normativo -e ten capacidade para o facer- de maneira que en ningún caso sexa obrigatoria a combinación de materias deixando o alumnado sen outra saída que cursar a materia de Relixión Católica.

A cuestión vai chegar ao Parlamento da man dunha iniciativa do BNG.

Sermos Galiza