A misión de observadores internacionais do referendo de Catalunya fixo público un relatorio preliminar sobre o 1-O en que defende que o uso da forza da policía española “non ten cabimento en democracias consolidadas” e que, dadas as condicións da xornada de votación, constata a “determinación dos cidadás para votar”. O grupo de observadores “condena firmemente a violencia que se saldou con centenares de persoas feridas e foi amplamente recollida nos medios de comunicación internacionais”.

Os observadores, que conformaban a ILOM (Internacional Limited Observation Mission), conclúen que no contexto de cargas policiais da Garda Civil e a Policía Nacional española, sumadas á persecución xudiciail do 1-O, “dificilmente se podería levar a cabo un referendo co cumprimento de todas e cada unha das garantías propias dun contexto normal”.

Neste sentido, a ILOM subliña que “en máis do 25% dos colexios electorais visitados, o proceso de votación tivo de ser suspendido temporariamente, e os materiais de votación tiveron de ser escondidos para prevenir a súa confiscación por parte das forzas de seguranza”. E acrescenta que “as represalias do goberno español dificultaron a actuación da Administración Electoral responsábel de organizar a votación no referendo e obrigou-na a traballar en condicións de anonimato”.

A misión de observadores internacionais indica que “o goberno español respondeu con forza para prevenir e desmantelar calquera tentativa” de implementar o referendo, “ameazando con consecuencias legais altos funcionarios, alcaldes, membros de comisións electorais, medios de comunicación, organizacións non gobernamentais e outras”.

O ciberespazo, “un campo de batalla”

Tamén constatan que “o ciberespazo converteuse nun campo de batalla crecente” coas tentativas do goberno catalán e os defensores do referendo “facendo un hábil uso de Internet, medios sociais e aplicacións móbeis para difundiren información”, en canto o goberno español “fechou unha grande cantidade de webs relacionadas co referendo”.

Isaac Meler

Artigo publicado en Nació Digital (03/10/2017)