Requerentes de asilo devolvidos pola Gran-Bretaña abandonados en Barajas

Na última semana ao menos 11 persoas requerentes de protección internacional devolvidas pola Gran-Bretaña en aplicación do Regulamento de Dublín, foron abandonadas no aeroporto de Barajas, sen que o Estado español as reingrese no sistema de acollemento como o obrigan os seus compromisos internacionais. O 17 de setembro está previsto outro voo con requerentes de asilo desde Londres.

 

Entrega de solicitudes de asilo en el Ministerio de Migraciones XI

 

“Estamos decididos a pór fin a estes cruces da canle facilitados ilegalmente. Hoxe máis persoas regresaron a España”, dicía un chío publicado na conta oficial do Ministerio de Interior británico na quinta-feira 3 de setembro. Facía referencia a un voo de devolución que ás 10 da mañá daquel día deixou no Aeroporto Adolfo Suárez, en Madrid, 11 mozos de orixe siria devolvidos en cumprimento do Regulamento de Dublin III.

“Traballamos para eliminar aqueles que chegaron através dun país seguro e entran no Reino Unido por rotas ilegais. Os nosos esforzos para facilitar o retorno aos estados membros da UE son completamente lexítimos e apropiados”, lese nun vídeo que acompaña o chío do Ministerio e en cuxa imaxe se marcan varias rotas aéreas que saen de Londres e se dirixen ao Reino de España, Francia, Grecia e Italia, entre outros países, quer dicir, a aqueles Estados ‘seguros’ por onde pasaron as persoas cuxa devolución executa agora.

 

 

Como escribiu en El Salto a letrada da Rede Xurídica Avogados, Patricia Orejudo, este Regulamento “asinado o 26 de xuño de 2013” establece tres elementos esenciais: “Primeiro, unha serie de criterios para determinar que Estado debe examinar cada solicitude que se presente en territorio da UE. Segundo, mecanismos de transferencia forzada de quen solicita protección nun Estado que non é responsábel ao Estado que si o é. E terceiro, o recoñecemento das decisións dun Estado membro no resto, polo que as e os requerentes de asilo teñen só unha oportunidade para o solicitar na Unión Europea”.

O que prevalece, entón, é o lugar por onde a persoa entrou no territorio da Unión Europea, daí as xustificacións legais das autoridades británicas á hora de argumentaren que as súas xestións están amparadas pola lexislación, con independencia do proceder do Reino de España.

Contodo, non é a primeira vez que o estado español se desinteresa da recepción das persoas coñecidas como ‘dublinadas’. Ben ao contrario, costuma ser a práctica habitual no cadro das políticas migratorias establecidas.

“O sistema de Dublín fundaméntase na idea de que calquera Estado ao que poida devolverse unha persoa é un estado seguro, xa que tanto o Estado que solicita o retorno como o Estado ao que vai ser devolvida a persoa compartillan uns estándares equivalentes de protección: non debalde son, ambos, Estados membros da Unión Europea. Contodo, o seu funcionamento está en dúbida”, aclara Orejudo.

ACOLLIDOS POLOS MOVEMENTOS SOCIAIS
Baixo a intensa calor que marcou as horas da quinta feira 3, os 11 homes cuxas idades oscilan entre os 18 e os 45 anos, agardaron máis de 8 horas até seren recollidos. As redes militantes fixeran o seu traballo, e sobre as 19 horas improvisouse unha acollemento para as primeiras noites. “Estaban esgotados despois de pasar todo o día sen saberen se alguén ía ir buscalos nin onde ir”, contaron.

O colectivo SOAS Detainee Support (SDS), que apoia persoas migrantes detidas por motivos de estranxeiría ou en proceso de deportación, e o movemento Voicestopped, alertou do voo. Tamén confirmaron que está prevista unha segunda devolución conxunta para a quinta feira 17 deste mes.

 

[box] A totalidade dos mozos teñen redes persoais e familiares na Gran-Bretaña: irmáns, parellas, amizades. Contodo, ese arraigamento non serviu para deter a súa devolución[/box]

 

A totalidade dos mozos teñen redes persoais e familiares na Gran-Bretaña: irmáns, parellas, amizades. Contodo, ese arraigamento non serviu para deter a súa devolución. “Antes de saír definitivamente da Unión Europea, a Gran-Bretaña acelerara os procesos de devolución de persoas polo Regulamento de Dublin”, explican desde SDS, mais cuestionan que se faga amparándose na “idea de que van a un país seguro, porque en realidade son abandonados no aeroporto”.

A catro meses da saída definitiva da Unión Europea,o Reino Unido acelera os voos de devolución cara aos países de ingreso dos requerentes de asilo. A propia ministra de Interior, Priti Patel, mostra man dura cara en dúas frentes: as devolucións e o bloqueo de chegadas de embarcacións polo Canal da Mancha.

“Hoxe sacamos as persoas que viñeron aquí en pequenas embarcacións. Anteriormente solicitaran asilo noutro lugar e non tiñan ningún dereito a estar no Reino Unido. As deportacións continúan sendo frustradas por avogadas activistas, mais non descansarei até esta ruta ser inviábel?, afirmou nun chío publicado no día de execución das devolucións ao Reino de España.

No mesmo sentido pronunciábase no xornal The Sun o ex comando da Royal Marine a cargo de frear as chegadas polo Canal da Mancha, Dan O’Mahoney. “Desde que comecei o meu novo rol estiven no Canal con patrullas da Forza Fronteiriza e vin as condicións en primeira man. Fun testemuña de barcos sobrecarregados cheos de homes, mulleres e crianzas que corren riscos inacreditábeis. A miña equipa e outros traballan día e noite para acabar con isto”, aseguraba.

Entretanto, a maioría dos mozos sirios devolvidos continúan sen poder definir o seu futuro. Despois de fuxiren da guerra en Siria, perderen familiares nalgúns casos, pasaren meses en prisión e sereb torturados noutros, chegaron ao Reino de España e decidiron continuar rumbo ao Reino Unido arriscando a vida -tamén- na travesía en precarios botes inflabeis desde Calais (Francia). Agora, devoltos pola Gran-Bretaña e esquecidos polo Reino de España, o seu futuro é incerto a mercé do apoio mutuo das redes cidadás e de movementos sociais.

ESPAÑA E OS SEUS INCUMPRIMENTOS
O Regulamento de Dublín compromete o Estado que recibe ás persoas retornadas a lles garantir as condicións materiais básicas que aseguren a súa subsistencia. Un extremo que os sucesivos gobernos do estado español vulneraron ao considerar que as persoas que solicitasen protección e posteriormente deixasen o programa de Acollemento, renunciaban voluntariamente ás axudas e, portanto, non eran merecedoras das mesmas.

Esta esixencia foi confirmada taxativamente en dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza, con data 20 de novembro e 7 de decembro de 2018, que intiman o Estado español a recoñecer o dereito á tutela xudicial efectiva e á defensa das persoas retornadas en aplicación do citado Regulamento. Nese sentido, o propio Ministerio de Traballo, Migracións e Seguranza Social, ditou en marzo de 2019 novas instrucións en que se comprometía a unha mudanza na interpretación restritiva das súas obrigacións.

SARAH BABIKER
“Ao admitir a transferencia á España, o estado asume unha responsabilidade coa persoa retornada, sendo a máis básica a de garantir un nivel de vida digno caso carecer de recursos económicos”, di a Instrución, e acrecenta que “non se considerará causa de perda das condicións materiais de acollemento o abandono de acollemento temporario ou de primeiro acollemento financiado pola DGIAH, cando o beneficiario for devolvido ao estado español en virtude do regulamento de Dublín e permanezan o resto de requisitos para o acceso ao sistema de acollemento de acordo co disposto no manual de xestión”.

Apesar das sentenzas xudiciais, recomendacións de Defensoría del Pueblo, Instrucións e denuncias de organizacións sociais, a situación das persoas dublinadas continúa a ser de abandono ao chegaren ao Reio de España.

PABLO ‘PAMPA’ SAINZ

El Salto