O Compostela xogaba no domingo no estadio de San Lázaro contra o Espanyol B o partido de ida do play off de ascenso a Segunda B, que finalizou con empate a cero. Seguidores da equipa branquiazul denuncian que se lles impediu o acceso ao estadio con bandeiras galegas coa estrela vermella, nunha decisión que, indican, é inédita: “Non lembro que se fixera iso algunha vez e se se fixo tivo que ser hai moitos anos ”, afirma un seareiro, en referencia á prohibición de acceder ao estadio de Compostela “con simboloxía nacional”.

 

Seareiros do Compos nunha imaxe de arquivo

 

Estes seareiros apontan que foron axentes da Policía española que vixiaban os accesos os que deron indicacións e ordes á seguranza do clube ‘picheleiro’ para non permitiren acceder ao recinto coa bandeira galega coa estrela vermella. Porén, indican os siareiros compostelanistas, foron quen de meter unha faixa dunha peña que, no seu centro, ten unha destas bandeiras.

Esta actuación xerou malestar entre estes seguidores, que advirten que, de se repetir esta situación, prohibir acceder ao estadio do Compos con ‘estreleiras’, eles non entrarán no recinto: “Ou entran as bandeiras ou non entramos nós”.

Non é a primeira vez que siareiros de equipas galegas ven como se lles confisca ou requisa este tipo de bandeiras, mais este tipo de feitos prodúcese cando a súa equipa [Celta, Dépor, Lugo…] xoga fóra de Galiza, non nos seus propios estadios, onde ver a simboloxía nacional é frecuente.

Fonte: Sermos Galiza