O debate sobre o sionismo e a colonización da Palestina converteuse nun tabú. A crítica a Israel enténdese como un ataque ás persoas xudias, xa que  Israel é visto como a única garantia de seguranza.

 

Resultado de imaxes para bandera alemana israeli muro berlin

 

No 17 de maio foi aprobada no Parlamento federal alemán unha resolución non vinculante que califica de antisemita a campaña de Boicote, Desinvestimentos e Sancións (BDS) a Israel.

A resolución foi proposta pola Unión Democrática e o Partido Socialdemócrata, e recibiu o apoio maioritario da cámara. Os partidos Die Linke e Alternativa para Alemaña (AfD nas súas siglas en alemán) abstivéronse mais presentaron as súas propias mocións contra o BDS.

Os alicerces en que assenta este sentimento de apoio incondicional a Israel son evidentes: a memoria do xenocidio contra a populación xudía gravou no imaxinario colectivo alemán un forte sentimento de culpa. Iso xerou unha confusión entre os termos antisemitismo e antisionismo. Por este motivo, o debate sobre o sionismo e a colonización da Palestina foi un elemento de discusión constante que se converteu, na actualidade, nun tabú., ao punto de censurar as persoas e organizacións que con prácticas non violentas reclaman o respecto dos dereitos humanos e do dereito internacional.

Orixe do prosionismo alemán

Despois da derrota do nazismo e a división do país entre os aliados, as diferentes partes adoptaron posicionamentos diferentes en relación coa cuestón palestina. A Alemaña Oriental optou por un discurso anti-israelita, que pretendía salvagardar as alianzas árabes da Unión Soviética. Pola súa parte, a Alemaña Occidental estableceu relacións con Israel. A sociedade non mostrou ningún tipo de rexeitamento a esta aproximación, xa que os crimes do nazismo ainda estaban moi presentes. Nunha entrevista ao, medio de comunicación independente Idealism Prevails, o sociólogo israelita Moshe Zuckermann explica que é nesa altura cando se establece unha primeira conexión entre o antisemitismo, o antisionismo e a crítica a Israel.

Habería dúas razóns de fondo, segundo Zuckermann: despois de 1945, Alemaña sentía a necesidade de reparar os crimes contra a populación xudía, e, alén diso, unha parte das esquerdas vía os kibuts e a creación de Israel como un exemplo de socialismo. No entanto, nos finais da década de 60 produciuse unha viraxe. As políticas de Israel fixeron que as esquerdas, aliadas do antiimperialismo e o anticapitalismo, se decantasen a favor da loita contra a opresión do pobo palestino. Entre as que mudaron de opinión, sobrancea a Asociación de Estudantes Socialistas Alemáns, que tivo importante presenza na loita estudantil daquela década. Tamén se posicionaron a favor dos dereitos do pobo palestino a Fracción do Exército Vermello (as RAF) e as Células Revolucionarias, dúas formacións de guerrilla urbana activas entre os anos 70 e inicios dos 90. Contodo, o apoio das Células Revolucionarias a accións armadas contra populación civil provocaron certa inquietude en relación ao apoio á causa palestina. Finalmente, a reunificación da Alemaña e a queda da URSS mudou a pespectiva a favor de Israel mais unha vez.

Algúns sectores autónomos da esquerda desenvolveron a hipótese de que os acontecementos na Alemaña provocarían un aumento da extrema dereita e, portanto, un retorno ao pasado. Sob esta premisa e coa intención de non repetir a historia, nacía unha nova corrente de pensamento, o antialemán, que hoxe en día ten forte implantación nas esquerdas. Este movemento político posiciónase en contra de calquera nacionalismo, mais négase a cuestionar o sionismo. Cren que a critica a Israel é un ataque ás persoas xudaicas, xa que ven Israel como a única garantía da súa seguranza. Así, tal como explica Zuckerman na mesma entrevista, a conexión establecida despois da Segunda Guerra Mundial entre xudaísmo, Israel e sionismo pasa a ser central no pensamento das esquerdas e, na súa secuencia, a defensa de Israel e o sionismo.

Resolución non vinculante anti-BDS

Foi neste contexto que Alemaña se converteu no primeiro país europeo en criminalizar o BDS. Ningún dos partidos de esquerdas -os Verdes e o Die Linke- se mostraron contrarios. De feito, o Die Linke, apesar de se abster na votación da resolución, presentou unha moción intitulada “Rexeitar o movemento BDS -unha solución pacífica no Oriente Medio”. O seu contido tamén acusaba a campaña BDS de antisemita.

Desde a extrema dereita, a formación AfD presentou outra moción esixindo a prohibición total do BDS. Durante o debate parlamentar, esta partido ultra reivindicouse como o “verdadeiro aliado de Israel”. Unha activista do BDS Berlín, Rosa, manifesta: “O que máis lamentamos é que todos os partidos se unisen contra o BDS. Quer dicir, xuntáronse coa extrema dereita, a AfD, cuxo líder banalizou o nazismo dicindo que era unha pequena parte dos mil anos de historia alemá”. Na resolución aprobada arguméntase que “os patróns e os métodos do BDS son antisemitas”. Portanto, o goberno alemán non apoiará ningunha organización involucrada no boicote a Israel.

“O principal problema da sociedade alemá é que non entende que o BDS é un apelo do pobo palestino á sociedade civil internacional en defensa dos dereitos humanos”, afirma Rosa, que continúa: “Pensan que é unha invención nosa, porque o relacionan co boicote nazi aos xudeus. Con iso, o único que conseguen é banalizar o que supuxo o nazismo”.

 

Resultado de imaxes para judeus anti sionistas

Esta resolución, no entanto, non é unha novidade para as activistas da campaña BDS Alemaña. Desde o 2015, o BDS foi criminalizado por amplos sectores da populación. Nalgunhas ocasións, as activistas tiveron de enfrentar causas xudiciais. O caso Humboldt3 é un bon exemplo. Stavit Sinai, Ronnie Barkan (xudeo-israelitas) e Majed Abusalama (palestino) foron acusados por irromper nunha palestra da deputada Aliza Lavie, do partido israelita Yesh Atid, na Universidade de Humboldt. Lavie formaba parte da coalición do goberno durante o ataque de 2014 á Faixa de Gaza.

Instrumentalizción do antisemitismo

A organización Jewish Voice for Peace tamén ven recibindo acusacións de antisemitismo desde o início do ano. A resposta foi un manifesto asinado por máis de 90 académicos e académicas xudías: “Defender os dereitos humanos non é antisemita”. O escrito chama a sociedade alemá a condenar estas acusacións.

Puñan de relevo que a definición de antisemitismo está a ser instrumentalizada por Israel para neutralizar as críticas polas vulneracións dos dereitos humanos e o dereito internacional contra o pobo palestino.

Na mesma liña, o coletivo Jewish Antifa Berlin explica na súa páxina web que a corrente antialemá isolou o concepto de antisemitismo do seu contexto. Segundo afirman “desconectáronno dos xudeus reais e as súas experiencias, e convertéronno nunha ferramenta política deseñada para servir obxectivos políticos que non están relacionados coas persoas xudías”. Tamén denuncian que cos ataques contra aquelas persoas que critican Israel, a corrente antialemá tamén silencia unha parte da populación xudía.

Como declaraba o palestino Abusalama durante o xulgamento polo caso Humboldt3, “Musulmás e palestinas na Alemaña non se senten seguras para facer ouvir a súa voz. Senten que poden ser perseguidas en calquer momento por berrar “Palestina Libre” ou soñar con voltar libremente ás súas casas, dacordo co dereito de retorno das Nacións Unidas. Temen ser perseguidas se peden igualdade, liberdade e xustiza en Gaza”.

Ann Sansaor | @nutxa_acc

Directa