O Ministerio do Interior prepara un conxunto de ordes ás Forzas de Seguranza do Estado para rebaixar na práctica o impacto da Lei de Seguranza Cidadá. A reforma desta polémica norma aprobada na primeira lexislatura de Mariano Rajoy é unha das principais promesas do PSOE, mais os continuos atrasos na tramitación parlamentar levou o Goberno a estudar as marxes que concede o actual texto para definir con maior detalle a actuación dos policías e reducir a aplicación que se vén facendo dalgúns dos preceptos máis controvertidos da denominada Lei Mordaza.

Interior achou unha desas inconcrecións no artigo que castiga a “desobediencia ou resistencia á autoridade”, sempre que esta non alcance a categoría de delito. As infraccións graves están castigadas con multas de 601 a 30.000 euros. A partir de agora, os policías só poderán aplicar o artigo 36.6 cando se use a “forza física ou oposición corporal” para impedir o “desenvolvemento da autoridade”. “Portanto, entenderase que unha leve negativa ao cumprimento das ordes ou instrucións dadas polos axentes non pode constituír unha infracción do artigo”, indícase no rascuño da instrución que ultima a Secretaría de Estado de Seguranza, ao que tivo acceso eldiario.es.

O principal obxectivo da reforma da Lei Orgánica de Seguranza Cidadá que aprobou o Congreso coa maioría absoluta do Partido Popular no 2015 foi tirar as faltas do Código Penal e descarregar así á Administración de Xustiza. Deste xeito, o que antes era competencia dun xuíz pasaba a selo dun funcionario de policía na vía administrativa. No rascuño en que aínda traballa Interior esíxese que as actas ou denuncias que redacten os axentes se preste ‘especial atención á descrición dos feitos’ e que inclúan unha “referencia o máis completa posíbel a todas aquelas circunstancias que puideren ser determinantes para a cualificación da instrución”. O texto insiste en que os policías poñan especial énfase no “posíbel prexuízo ou risco causado” polo infractor.

Dentro das marxes da Lei a instrución de Interior vai actuar sobre o polémico castigo que a norma establece para quen grave e difunda imaxes da actuación da policía. Interior detectou unha colisión desta infracción grave co dereito á liberdade de expresión e de comunicar libremente información veraz por calquera medio que está recollido na Constitución.

A partir de agora só será castigado gravar e divulgar as imaxes dos axentes, os seus datos profesionais, as instalacións que protexen ou o desenvolvemento de operacións policiais se o seu uso pon “en perigo a seguranza persoal” deses membros das Forzas policiais, das súas familias, as citadas instalacións ou “o éxito dunha operación”. A seguir, o rascuño lembra que os axentes deben participar nas operacións policiais “conforme ás normativas de seguranza e autoprotección, materias clasificadas, protección de datos de carácter persoal, penal ou civil aplicabeis ao efecto, segundo corresponder”.

Isto supón que, por exemplo, gravar e divulgar en redes sociais os antidisturbios pertrechados cos seus uniformes e números de identificación mentres cargan nunha protesta non pode ser castigado sen máis como unha infracción grave. Ademais, lembra a futura normativa interna, se os axentes queren sancionar por este artigo deberán especificar, “co detalle que for posíbel, o perigo ou risco xerado e os medios que o provocaron”. Na Lei vixente só se fai unha xenérica alusión ao “respecto ao dereito fundamental da información”.

A Lei de Seguranza cidadá castiga con carácter leve (multas de 100 a 600 euros) “a falta de respecto e consideración” a un policía. A instrución detallará que para impor esa infracción o axente deberá asegurarse de que non se está producindo un delito de atentado ou outro de resistencia, desobediencia e faltas de respecto e consideración á autoridade ou os seus axentes. Isto é, insta a que non se abuse da Lei de Seguranza Cidadá cando deba aplicarse o Código Penal.

Durante os seis primeiros meses de aplicación da Lei de Seguranza Cidadá, entre agosto de 2015 e xaneiro de 2016, o Ministerio do Interior tramitou 40.000 infraccións leves por faltas de respecto aos axentes, unha media de 30 por día.

O rascuño tamén alude a unha pasaxe que segundo o Ministerio induce a erro. O texto en vigor alude a esas faltas de consideración aos axentes cando fan funcións de protección da seguranza cidadá e afirma que debe estenderse a “calquera actuación dos axentes no exercicio da súa autoridade”.

Inspeccións alleas a raza, relixión ou orientación sexual

O rascuño dedica un apartado pormenorizado á práctica dos inspeccións que vén reproducir os límites que incluía a Lei Orgánica no que di respecto á obrigación de practicalos só “cando existan indicios racionais” de que poidan ser encontrados “obxectos relevantes” nas funcións de indagación e prevención que teñen encomendadas. Tamén insiste, de acordo coa Lei, en que se procurará “que as inspeccións corporais se realícen en dependencias policiais se vai deixar á vista partes do corpo “normalmente cubertas por roupa”, que se protexa a persoa afectada da vista de terceiros se é na rúa e que os axentes expliquen os seus motivos e os poñan por escrito, do mesmo xeito que o seu número de identificación.

A novidade que introduce a instrución é que as inspeccións deben axustarse aos principios de “proporcionalidade, igualdade de trato e non discriminación por razón de nacemento, nacionalidade, orixe racial ou étnica, sexo, relixión ou crenzas, idade, discapacidade, orientación ou identidade sexual, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal”. En todo momento, o borrador alude á doutrina existente que emana do Tribunal Constitucional.

As revistas corporais deben ser realizadas por axentes do mesmo sexo da persoa afectada, “salvo que concorra unha situación de risco grave e inminente para os axentes”, dicía a Lei e reproduce o rascuño da instrución. Mais, alén diso, esta última acentuará aínda máis que sexa reaizadas de acordo ao “criterio do máximo respecto á identidade sexual”.

A Comisión de Interior do Congreso acordou que no próximo 18 de outubro arranque o relatorio que traballará para reformar a Lei de Seguranza Cidadá cuxa modificación leva paralizada máis de ano e medio. Os deputados traballarán coa proposta do PNV, que propón modificar 44 apartados, fronte á idea orixinal do PSOE que aspiraba a derrogala.

O rascuño da instrución que prepara Interior asegura que os tres anos decorridos desde que entrou en vigor a Lei “puxeron de manifesto a necesidade dun exercicio de reflexión que permita un máis adecuado cumprimento dos fins de calquera lei dirixida a preservar a seguranza cidadá”. Trátase, engade, de “unificar criterios” e de que as facultades das Forzas e Corpos de Seguranza do Estado respondan os principios de igualdade de trato e non discriminación.

eldiario.es