A Directa publica en exclusiva unha lista do corpo de elite da policía militar do Rio de Janeiro onde se constata que esta unidade, denunciada por múltiplas vulneracións dos dereitos humanos, instruiu axentes dos Mossos d’Esquadra, entre outros.

A relación de inscritos na instrución levada a cabo polo temido BOPE / Arquivo

Mes de xullo do ano 2018 no Rio de Janeiro (Brasil). Un grupo de 21 homes procedentes de todo o estado español finalizan unha instrución de nove días no cuartel do Batallón de Operacións Policiais Especiais (BOPE). Entre eles hai seis mossos d’esquadra, seis membros do Exército de Terra español (tres dos Grupos de Operacións Especiais, dous soldados e un sarxento), un soldado de Infantaría de Mariña, dous policías municipais, dous ertzainas, un axente da Policía Nacional española, un de vixilancia alfandegaria, un subinspector en xefe da policia local e un garda urbano. Esta acta de inscripción e realización de prácticas de aplicacións tácticas é un documento interno que certifica o feito de os membros do exército e das forzas e corpos de seguranza do estado español recibiren instrución en técnicas militares no estranxeiro.

 

21 axentes de corpos policiais e militares do estado español recibiron instrución impartida no Brasil polo Batallón de Operacións Policiais Especiais

 

Como unha tétrica declaración de intencións, o símbolo do batallón é un puñal fixado nunha caveira superposta a unha cruz formada por dúas pistolas. Os seus membros, a maioría fieis evanxélicos, autodenomínanse “as caveiras de Cristo” e forman parte do mesmo movemento neo-pentecostal que foi chave na vitoria electoral do ultradereitista Jair Bolsonaro, presidente do Brasil desde xaneiro de 2018. Antes da mudanza de goberno, 13.387 persoas resultaron mortas a mans da policía entre os anos 2013 e 2017 só no Río de Janeiro. O asedio ás favelas intensificouse coa chegada do novo gobernador bolsonarista, o xuiz Winston Witzel, que propuxo o uso de franco-atiradores e drons equipados con metralladoras para combater o narcotráfico.

O documento que publica a Directa leva a rúbrica de Marcelo de Castro Corbage, comandante do BOPE e xefe da sección de educación especializada da Policía Militar do Estado do Rio de Janeiro. De Castro foi procesado e expulsado do BOPE no ano 2015 por ter substraído durante unha operación policial, ilegalmente, unha cantidade inxente de diñeiro a un grupo de narco-traficantes da cidade brasileira. Posteriormente, foi absolvido, reincorporado ao corpo e condecorado polo consistorio no pasado mes de xuño.

Unha de tantas incógnitas que pairan sobre esta tropa de elite é a súa implicación no asasinato da activista feminista e anti-racista, militante do Partido Socialismo e Liberdade, e concelleira na cidade do Rio, Marielle Franco. Diversas testemuñas sinalaron un ex-policía do BOPE como a persoa que a executou con catro tiros na cabeza o 14 de marzo de 2018, catro meses antes da viaxe dos policías e militares españois.

Esta non é a primeira experiencia de axentes do estado español con membros do BOPE, xa que no verán de 2017 dous dos seus membros viaxaron até Creixell (Tarragonès). Naquela ocasión, a empresa ASAD (dedicada á instrución de policías e persoal de seguranza privada), a organización non gobernamental K-9, a policía local e o Concello organizaron diversas conferencias e treinos intensivos para máis de vinte axentes de diferentes policías locais e dos Mossos d’Esquadra. O encontro repetiuse en abril de 2018, desta volta nun lugar descoñecido entre as demarcacións de Tarragona e Barcelona.

NIL RIBOT

Directa